O carné de "conducirnos"
¡Este si que é un carné de puntos, que os ten positivos e negativos; e por engado, vitalicio! O definitivo dánnolo co falecemento, mortis causa, pois daquela obteremos a cualificación. ¿Xusta, inxusta? Máis ben benévola pois, como deixamos de estorbar, o máis común, o máis usual, é que os nosos coñecidos nos definan de boas persoas. Vese cando os periodistas sonsacan aos veciños dun reo: "Non era mala persoa, non era mal veciño, nunca deu que dicir..." ¿Benevolencia? ¡Non; comodidade, descanso, refuse de compromisos testemuñais!
Á morte física me refiro pois a interactiva non existe, ¡nunca! Un está, permanece, queda, nas obras que deixe feitas. Pode ocorrer que nin nos mencionen, de parentes a veciños, pero se as fixemos, boas, malas ou regulares, feitas están, feitas quedan, e os efectos, a semente, máis ou menos visible, no mundo queda, no mundo está, e pouco, ou moito, pero algo influirá na civilización mundial.
¿Que un individuo non é nada na multitude dos cidadáns? Podemos pasar desapercibidos, incluso para o próximo máis próximo, pero as consecuencias das obras boas, como tamén as das malas, fan, fixeron, xermolan, os seus efectos, positivos ou negativos pero nunca neutros. ¡Nada hai neutro nesta vida; nada hai estéril, xa que a máis mínima das accións poliniza, dá froitos!
Aquela definición catequista de, "P/ ¿Quien es el mundo? R/ Los hombres mundanos, malos y perversos", de ben matinada resulta pesimista, parcial: Ese, este "mundo", no que estamos inmersos, do que participamos, é un conglomerado de vicios e de virtudes, ¡as nosas, propias, emanacións!, así que o seu balance é, sempre será, un

saldo aberto, no que, -repetirei-, a nosa responsabilidade non é tan intranscendente como poda parecernos a simple vista. Do aire e do mundo viciado non podemos librarnos, só pena de extinguirnos, pero cabe usa-lo abano depurativo, darlles as costas aos cheiros, ás tormentas.
Este "carné" só ten un revisor, o Deus do Ceo, ¡terra incluída!, e como é misericordioso ten a paciencia de darnos segundas oportunidades, pero..., ata un certo punto, pois tampouco se deixa mangonear! Peco e confésome... ¡Xa; pero a confesión, aínda que se nos conceda unha enésima oportunidade, sempre esixe, sempre require, un propósito firme de emenda, e tamén..., satisfacción de obra! ¡Coidado con ser optimistas nisto último, que non sempre é fácil, ou posible, reparar os danos causados: É mellor, é preferible, prever que curar!
-.-
Reparacións
Menos mal que nos fixamos pouco nisto das reparacións porque, se o fixésemos a fondo, tolearíamos.
A reparación ten por obxecto (artigo 1902 do noso C.C.) que "El que por acción u omisión causa daño a otro, interviniendo culpa o negligencia, está obligado a reparar el daño causado".
¡Por acción u omisión, pois ámbalas dúas acusan! E logo que os danos non sempre son doadamente cuantificables, nin cuantificables nin resarcibles. É tan grave esta cousa, tan importante, que debera ser das primeiras en inculcárselles, en explicárllela, aos nenos, polo menos desde que teñen "uso de razón". De propósito: ¿A que idade os deixamos razoar? Os nenos razoan mesmo desde que nacen; outra cousa, outro termo, é que os deixemos exercela!
A xurisprudencia española, e noutros países polo estilo, leva dado tanta importancia á obriga das reparacións que, de ben estudiada, daría para un curso pola súa complexidade, tanto nas matizacións como nas valoracións.
Hai que subliñar, dada a súa importancia, que para a estimación da responsabilidade é mester que o factor etiolóxico determinante do dano indemnizable obedeza a unha conducta do demandado producida por accións u omisións por el realizadas sen a dilixencia adecuada ás circunstancias que cada caso concreto requira, ou con unha neglixencia da que se deduza a súa imputabilidade, que pode ou non estar ligada á realización dun acto ilícito. ¿Entendido? ¡Daquela, vale!
O Código Civil non contén normas acerca da efectividade da reparación, pero, conforme á práctica e á xurisprudencia, resulta que será o propio prexudicado o que exporá a forma de reparación que considere idónea para quedar indemne.
A responsabilidade comprende, pois: Restitución, reparación do dano, e indemnización dos prexuízos, tanto materiais como morais.
Para as prescricións materiais hai normas, pero as morais quedan gravadas, indelebles, na conciencia de cada quen..., salvo que non teña conciencia, ou a teña deformada! Pero, hai persoas sen conciencia? ¡A xulgar polos feitos mal feitos que practicamos acotío, esta impresión resulta! ¡Daquela, os que non a teñen, poden comprar unha, así sexa de segunda man? As conciencias non son transferibles: ¡Son individuais, persoais; e de perdidas, dificilísimas de recuperar!
-.-
Apropiacións e incorporacións
Son sucesivas, pero tamén simultáneas. Témolas por dereito de convivencia. Algo así coma o gran que se leva ao muiñeiro, que ten a obriga de devolver toda a moenda, salvo a maquía, claro!
Comezamos ben cedo aprendendo a sorrir, ¡con tal de que así nolo fagan facer! O neno é agradecido, que iso non nolo quitou aquela rebeldía do Edén; esta virtude debeu ser a nosa salvación, que nola tivo Deus en conta e por iso se dignou fabricar un Fillo, a semellanza nosa; nunha Virxe, por suposto, á que previdamente concedeu a graza de liberala da herdanza maldita. ¡Faltaría menos: só aproveitou a parte boa da Humanidade!
Din que na infancia usan connosco a Pedagoxía, pero así, en cousas, xa se trata propiamente da Andragoxía, séxase, da pedagoxía adulta, que non adulterada: Están ensinando a un neno que, en moitos aspectos, vai diante do profesor/a, ¡se foi, se está sendo, aplicado!
O principal perigo do neno está na debilidade do seu carácter para contaminarse cos pecados circundantes: ¡Tódalas vacinas son poucas, así que, xa o dixo o Mestre: "Pero quen escandalice a un destes pequenos que cren en min, máis lle valería que se colgase unha pedra de muíño ó pescozo, e que o largasen ó fondo do mar. ¡Ai do mundo polos seus escándalos!". (Mt. 18, 6-7; Mc. 9, 42-48; Luc. 17, 1-2).
Os nenos son capaces de asombro, e teñen confianza; de aí a súa febleza, o seu "talón de Aquiles" para os velenos escandalosos, porque son, somos, altamente receptivos mentres non creamos anticorpos ou repudios. Nunca me esquecerei daqueles ¿licenciados? (licenciados das quintas) que volveron da incivil xactándose, diante dos adolescentes, dos seus libertinaxes ao ¿liberar? pobos, violacións incluídas. A uns cantos daqueles fantoches moito noxo lles tiven, sempre, e nunca lles perdoei aquelas bravatas presentadas aos rapaciños como heroicidades súas, propias.
O neno que se cría nun ambiente san, ou relativamente depurado, pouco mérito ten, que llo dan todo feito; o mérito está en ir apartando o xoio segundo se vai segando. Na rúa está arraigado iso de estigmatizar aos fillos de..., pero, se o pensamos ben, debéramos ter dó deles, compaixón, pois abonda desgraza tiveron, principalmente por parte dun pai que accedeu ao froito prohibido; elas poden ter atenuantes, pero o que é eles, xamais!
Falando de ambiente san: ¡Ai, Deus, aquelas lareiras, aqueles fogares, aquelas universidades familiares...,

canto as necesitabamos hoxe en día, pois cada un dos nosos maiores, ao redor delas, sentaba cátedra, maiormente aconsellando con apego, cariñosamente!
O bautismo limpa aquilo, o vello, o inicial, o orixinal, e devólvenos a herdanza, pero non é unha vacina, un seguro de inmunidade: ¡Despois diso hai que merecelo, traballalo, conservalo! Pero, a todo isto, ¿quen son eu para xulgar a ninguén, descoñecendo o barrizal de miasmas do que procede cada quen; que igual ten máis méritos o que sae medio limpo có que está medio sucio!
"Que o neno que fuches non se avergoñe do adulto que es". Bo balance, si señor; este pensamento é de Antoine de Saint-Exupéry, autor de "O Principiño".
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.