Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hai tantas cousas das que sentirnos orgullosas

Sampedro, Pilar - jueves, 21 de agosto de 2025
Si, hai moitas cousas das que sentirnos orgullosas. O das Letras deste ano foi un avance, sete mulleres que de pronto entran no listado dos ilustres. A lírica popular colocada ao lado da culta. As mulleres e o popular ocupando ese espazo.

Temos unha Real Academia Galega. Temos un Consello da Cultura Galega. Temos unha Cidade da Cultura. Temos moitos contedores e van aparecendo contidos dignos de vez en cando. Vas atopando cousas que ver e que escoitar.

Este ano homenaxeamos a Castelao, 75 anos da morte. Traémolo, de novo, aos nosos días. Volvemos lelo e vólvesenos arrugar o peito. Volvemos mirar as súas viñetas e recoñecemos que eran cousas da vida e que aí estamos interpretándoas dende a actualidade. Canta lírica, canto sentimento, canto amor polos humildes (homes e mulleres, vellos e nenos, sempre pobres). Volvemos atopar as súas pinturas, os debuxos, ese uso do verde e azul que nos representa dende aquela, a través de Lugrís e Miguelanxo Prado. Volvemos atrás e retomamos o Alba de Gloria e sentimos dor porque igual se deturpou con imaxes e lecturas que non eran as máis axeitadas. Igual que foto do Che, o Alba de Gloria. Pero aínda temos Castelao e Alba de Gloria. E ata cátedra Castelao en Filoloxía.

No 2025 tamén homenaxeamos a ese home que encheu a segunda metade do século XX (igual que Castelao ateigou a primeira), Isaac Díaz Pardo. Outro luxo para un país. Un empresario que investía as ganancias das porcelanas en libros, exposicións, conferencias... en cultura! Un home pequeno que foi quen de facer grande un país. O gran recuperador da memoria histórica antes de que esta entrase nas universidades e asociacións. O que xuntou a tradición e a modernidade no deseño dos "cacharros" (como el os chamaba) e que ideou o país soñado con Seoane por medio dunha árbore que se chamou Laboratorio de Formas.

Temos unha lingua propia que dende a Idade Media anda a crear literatura das máis altas esferas e que incluso cando non puido mostrarse na escrita o fixo oralmente; foi o pobo quen se fixo cargo de mantelo vivo ao longo da Historia. Pasou por Séculos Escuros e Longas noites de pedra pero aquí está, resistindo. A nosa lírica medieval ata foi escrita por reis e chegou a ser referencia en Europa.

Temos unha arte que florece no románico e no barroco pero que vai dando froitos ao longo do tempo e hoxe pode mostrar as esculturas de Leiro en Nova York, mentres un dedo sinala "por alí queda Cambados". Hai tantas cousas das que sentirnos orgullosas Camiñamos mundos, respectamos a diferenza e traémolos a nós como fixo Avilés de Taramancos con Cantos caucanos ou Nova Crónica das Indias.

Temos unha terra fermosa, aguada por mil ríos, cuns bosques que semellan pedir druídas, con pequenos montes e vales que a fan suave, cun verde que a inunda grazas á chuvia, cunhas rías que domestican o bravo océano ata levalo á Fisterra dos camiños, o fin do mundo coñecido, o comezo doutro universo de auga e misterio.

Temos lugares máxicos que reproducen a dimensión áurea, como a illa de San Simón, onde a beleza doe máis porque está preñada da tristura dun pasado feroz no que os homes foron peores que lobos para os seus irmáns.

Temos músicas que nos percorren as células ata facer que todo o interior do corpo vibre como sucede cando escoitamos a Marcha do Antigo Reino de Galicia, e iso que non somos monárquicas pero emociónannos poemas como tamén aquel de "Ergueuse o rei / como se erguía antigamente".

Hai algo estraño que nos chama no pasado, un brillo especial, unha luz singular e inesperada. Liñas de montes entre néboa, todo moi gris. A catedral rodeada polo arco da vella e nós que pasabamos polo Obradoiro e quedamos estáticas mirando a beleza que nos ofrecen, dun lado a fachada e do outro o mundo rural detrás das Hortas. O granito mollado, os edificios reflectidos nas charcas do chan, un mundo en branco e negro. As luces que comezan a prenderse no amarelo ata facerse brancas. A Berenguela cando se mostra entre a brétema, cabelos que a rodean e percorren, a torre que nos mide as horas, unha sinfonía en pedra.

E moitas outras razóns para enchernos de orgullo. Porque podemos ter fachenda aínda que ao lado de cada vitoria hai unha derrota. Sempre o mal emboscando o ben, sempre nesa loita de titáns, de David e Goliat, de ceos fermosos e meniños morrendo de fame ou pólvora en Gaza ante os nosos ollos.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES