O Contrasinal
Cando quixen entrar ó muíño, o muiñeiro pediume un contrasinal. A verdade é que quedei pampo, perplexo. Abríuseme a boca de tal maneira que, unha trabe non collería por ela, pero un pontón si, e aínda quedaría oco para que se filtrase un moscardo, un tabán. Pedirme un contrasinal a min!, a un veciño que cada poucos días levaba sacos de millo ou de centeo para moer!
Secundino, o muiñeiro, vendo a miña cara, a miña expresión, moito se quixo xustificar con non sei que dos

tempos que corren, etcétera. Lerias e máis lerias. Porén, non lle dixen absolutamente nada. Pousei nunha pedra que había á beira a saqueta, deste caso, millo e, con pachorra, sen abrir a boca para nada, que xa cerrara logo da sorpresa, botei a andar polo camiño arriba. Fun á palleira e busquei na arca que teño no fondo un trabuco que meu bisavó ou tataravó trouxera de Madrid, de cando as tropas de Napoleón quixeran facernos bailar un cancán. E todos sabemos que o que se mete nas palleiras queda tan agochado que mesmo leva deus e axuda atopar algo despois. Emporiso, como non era a primeira vez que usaba o trabuco, sabía perfectamente onde atopalo.
Por certo, a historia que sei desta arma (contada por meu pai) é a de que precisamente no famoso 2 de maio foi cando a acadou e que gardou coma ouro en pano, xa que meu bisavó ou tataravó fora cun simple fouciño a matar franceses.
Ó feito; con el volvín ó muíño, coa mesma cachaza coa que subira. Secundino, cando me viu, desde a distancia, xa el mesmo empezou a teclear non sei que na porta. É máis, incluso meteu el a saqueta dentro do muíño. Ai logo!
Tres caralladas
Unha folla que cae. O vento que zoa. Unha rula que voa. Un coche que aparca. Un banco na nada. O sol que abrasa. Sempre pensei que o universo era infinito e que a soidade viaxaba en autobús pola carreira da barullada. A soidade é a circunstancia de estar só. É o sentimento provocado por esa circunstancia. Tamén é o sentimento profundo no que o suxeito vive unha perda ou experimenta unha aguda nostalxia de algo xa vivido e que considera desexable. Unha carallada; a soidade é unha enfermidade, o baleiro da ansia, o espello roto.
Un trago de café. Un tema musical. Un bolígrafo que escribe. Unha televisión que emite. Un ruído nos oídos. A suor enchoupa a camisa. Sempre pensei que todos os camiños conducían a algún lugar e que a melancolía era o pracer de estar triste. A melancolía é o estado de ánimo caracterizado por unha tristeza fonda e permanente. Tamén é o estado patolóxico que se caracteriza polo abatemento psicolóxico e físico, e pode ser síntoma de diferentes problemas psiquiátricos. Outra carallada; a melancolía é a escusa para non facer nada.
Un microondas apagado. Unha pota sobre a cociña eléctrica. Uns tomates maduros. Un calendario colgado. Un reloxo tamén colgado. Unhas bolsas de larpeiradas. Sempre pensei que os soños eran a esperanza dunha realidade inexistente. O soño é aquilo que un imaxina durante o sono, percibíndoo coma se fose real. Tamén é aquilo ó que un aspira ou que un desexa moito. Unha terceira carallada; o soño é a coartada perfecta para simular os insomnios, os desvelos.