Aínda que a historia do cine en Chile comeza xa no século XIX, precisamente coa filmación dunha cueca, a danza nacional do país, eu non puiden ver nada de tal cinematografía anterior aos anos sesenta e setenta, que foi realmente cando se deu a coñecer ao mundo. O golpe de estado de 1973 contra o goberno chileno da Unidad Popular presidido por Salvador Allende motivou unha grande atención internacional polo cine realizado ao respecto, pero tamén polo producido antes da ditadura militar cun sentido crítico e social, así que eu fun un dos moitos espectadores que procurou ver, fóra de Chile, canto de Chile podía verse, primeiro en cineclubs e festivais e logo en toda clase de medios.

Un dos primeiros cineastas chilenos dos que tiven noticia foi Helvio Soto, xurdido no xerminal Centro de Cine Experimental da Universidad de Chile (plataforma xuvenil da que tamén sairían Raúl Ruiz e Miguel Littin), que uniría tres das súas primeiras curtametraxes no filme Érase un niño, un guerrillero, un caballo (1967). A súa longametraxe antimperialista e antibelicista Caliche sangriento (1969), sobre un episodio no deserto sucedido durante a chamada guerra do Pacífico ou do salitre que enfrontou a Chile con Perú e Bolivia polo control xeopolítico e territorial do litoral de Atacama, foi inicialmente prohibida por considerar a Comisión de Censura Cinematográfica del Estado que fería a dignidade nacional por atribuír as causas do conflito a intereses económicos estranxeiros.
Durante o goberno de Allende, Helvio Soto realizou Voto más fusil (1971), sobre a historia crítica do movemento social chileno dende a vitoria do Frente Popular en 1937 á da Unidad Popular en 1970, e Metamorfosis del jefe de la policía política (1973), exposición autocrítica da división da esquerda chilena na época en que foi feita.
Pero o filme de Helvio Soto que acadaría maior transcendencia internacional sería Llueve sobre Santiago (1975), rodado xa no exilio, coa cooperación de Francia (que aportou actores como Jean-Louis Trintignant, Annie Girardot e Henri Poirier) e Bulgaria (que aportou ao actor Naicho Petrov no papel de Allende e a centos de extras). Mais tamén participaron a actriz sueca Bibi Andersson e o músico arxentino Astor Piazzola, autor da banda sonora. Do elenco artístico, soamente eran chilenos Helvio Soto como director e guionista, e a actriz Patricia Guzmán (curmá do director Patricio Guzmán), quen actuara nas tres longametraxes do realizador xa citadas, así como en Estado de sitio de Costa-Gavras. No seu momento, eu e moitos percibimos a confluencia no elenco de continxentes solidarios co Chile da Unidad Popular procedentes de Europa do Leste e do Oeste, ademais de contar cun compositor arxentino, como unha evidencia do repudio universal á brutal tiranía pinochetista.
Llueve sobre Santiago, que introduciu material documental e que contribuíu a forxar a visión política e sentimental do Chile masacrado en 1973, describe moi criticamente o golpe de estado, glorificando emotivamente a Allende e ao periodista Augusto Olivares, asesor do presidente. Así, móstrase como, polo seu alto sentido da dignidade persoal e histórica, ambos socialistas decidiron auto-inmolarse antes que entregarse durante o asalto militar ao presidencial Palacio de la Moneda. Moi emotiva tamén resulta no filme a resistencia de estudantes e traballadores, a inmolación do cantautor Víctor Jara e o enterro do poeta Pablo Neruda, que se converteu na primeira gran manifestación

pública de repudio da ditadura militar, co que esperanzadoramente termina a película.
O devandito Miguel Littin, colaborador da Unidad Popular e, tras o seu exilio, alcalde socialista durante a restauración da democracia, iniciouse no cine colaborando con Helvio Soto e realizando Por la tierra ajena (1965), denuncia da miseria baixo a influencia do documentalismo soviético de Dziga Vertov. Non obstante, a súa temperá e indiscutida consagración chegou con El Chacal de Nahueltoro (1969), onde, a partir da crónica real do salvaxe asasinato dunha muller e das súas cinco fillas por parte dun primario campesiño embrutecido, reflexionou sobre o inxusto abandono do pobo marxinal e da hipócrita e clasista maquinaria represiva do estado. Por certo, da mesma perspectiva neorrealista é a coetánea película, igualmente crítica e tremendista, Valparaíso, mi amor (1969), de Aldo Francia, sobre a fame que aboca á delincuencia e á prostitución.
Miguel Littin cultivou o cine social en La tierra prometida (iniciada en 1972 e terminada en Cuba en 1991), que relata tráxicas loitas obreiras en torno á proclamación da efémera República Socialista de Chile en 1932, e Actas de Marusia (1975), sobre a inhumana explotación e represión dos traballadores do salitre en Chile, que foi rodada en México. Logo filmou La viuda de Montiel, baseándose nun conto de Gabriel García Márquez e contando coa actuación de Geraldine Chaplin. En Cuba adaptou a Alejo Carpentier en El recurso del método (1978) e en Nicaragua realizou Alsino y el cóndor (1982), no contexto da revolución sandinista, e Sandino (1991), con interpretación de Kris Kristofferson e, como o antiimperialista xeneral guerrilleiro, de Joaquim de Almeida.
Mais en 1985 viaxou clandestinamente a Chile para facer o documental Acta general de Chile (1986), peripecia que motivou a obra do seu amigo Gabriel García Márquez La aventura de Miguel Littin clandestino en Chile (1986), libro do que a ditadura chegou a queimar 15.000 exemplares. Miguel Littin entrevistou en Chile a xente corrente e resistente, así como no exilio a superviventes do golpe de estado, que ofreceron conmovedores testemuños directos, como Hortensia Bussi, esposa de Allende, quen tivo que enterralo en secreto; Miria Contreras, secretaria e amante de Allende, cuxo fillo Enrique Ropert Contreras foi asasinado e arrebolado á ribeira do río Mapocho; o socialista español Joan Garcés, asesor do presidente e testemuña da súa irredutible determinación de morrer polo seu pobo; o escritor Volodia Teitelboim, líder comunista e vindicador de Recabarren como padre fundador do movemento obreiro chileno, etc. Tamén ofreceu o seu arrepiante testemuño o militar desertor Andrés Valenzuela Morales, torturador arrepentido e exiliado protexido en Francia. Ademais, con grande admiración pola consecuencia política e polo valor persoal de Allende, interviñeron o presidente cubano Fidel Castro e o escritor colombiano Gabriel García Márquez.
Restaurada a democracia, Miguel Littin filmou xa libremente en Chile tres películas dramatizadas que vin con moito e solidario interese polo seu memorialismo antifascista: Los náufragos (1994), sobre os indesexables efectos da ditadura pinochetista; Dawson. Isla 10 (2009), sobre o sinistro campo de concentración homónimo e baseada no testemuño do político demócrata cristián alí preso Sergio Bitar, e Allende en su laberinto (2014), sobre as últimas horas do resistente presidente socialista, incluíndo a súa conmovedora despedida da valente Miria Contreras (chamada La Payita), que leal e amorosamente o acompañou ata o final. Por certo, esta personaxe foi interpretada por Aline Kuppenheim, actriz presente en moitas películas chilenas significativas do século XXI.
Miguel Littin rodou tamén a interesante coprodución Tierra de fuego (2000), baseada na novela homónima de Francisco Coloane e nas crónicas do explorador xudeu-romanés, nacionalizado arxentino, Julius Popper, buscador de ouro sen escrúpulos que foi o principal promotor do brutal xenocidio do pobo selknam que entorpecía a ocupación e explotación comercial das súas terras. Contou no guión co italiano Tonino Guerra e co chileno Luis Sepúlveda e na interpretación co cubano Jorge Perugorría, coa italiana Ornella Muti e coa chilena Tamara Acosta, pero así mesmo con actores galegos, como Nancho Novo ou a miña amiga Uxía Blanco. Nesta fascinante confluencia intercultural escóitase falar en castelán, italiano, romanés, húngaro, alemán, inglés e galego, este a cargo do gaiteiro Silveira e dos seus pais en Galicia, á parte de soar música do chileno Ángel Parra e do grupo galego Milladoiro.
Con especial interese vin todo o cine que puiden de Patricio Guzmán, quen se deu a coñecer co documental El primer año (1972), sobre os inicios do goberno da Unidad Popular. Seguidamente, co apoio do documentalista francés Chris Marker, rodou antes do golpe de estado o material que comporía La batalla de Chile, ocultado pola súa familia mentres permaneceu detido polos militares sublevados e que logo conseguiu trasladar en barco a Europa, onde finalmente se exiliou.
Xa no exilio, puido montar en Cuba a súa gran triloxía La batalla de Chile, la lucha de un pueblo sin armas, de catro horas e media de duración e dividida en tres partes: La insurrección de la burguesía (1975), sobre a reacción conspiradora da clase privilexiada ante a vitoria electoral da Unidad Popular; El golpe de estado (1976), sobre os antecedentes inmediatos e a execución da sublevación militar, e El poder popular (1979), sobre a posta en práctica da autoxestión do pobo de Chile antes da traizón das forzas armadas. Con xustiza, tan lúcido e auténtico documental foi de inmediato considerado como o mellor do cine chileno e un dos mellores do cine latinoamericano e mundial.
Restaurada a democracia en Chile, Patricio Guzmán volveu para exhibir a súa triloxía, contar a súa historia e mostrar as reaccións provocadas pola súa visión tanto tempo despois, tal como recolleu no meta-documental Chile, la memoria obstinada (1997). Seguidamente realizou o documental xurídico El caso Pinochet (2001), sobre o proceso e detención do tirano en Londres por orde do xuíz Baltasar Garzón, incluíndo os estarrecedores testemuños de mulleres secuestradas, torturadas e violadas durante a ditadura militar. Con posterioridade, dirixiu Salvador Allende (2004), emocional biografía persoal na que o ex-alcalde comunista de Valparaiso, Sergio Vucovic, revela a influencia libertaria na formación do líder socialista, quen tivera un iniciático mentor anarquista na súa mocidade, e a súa clara aposta por un pluralismo alleo á ditadura dun partido único. Aparecen tamén importantes testemuños das fillas do presidente, Isabel e Carmen Paz, e un recordo de Beatriz Tati (a máis próxima ao seu pai e que se suicidou no exilio); do muralista Alejandro Mono González, histórico publicista da Unidad Popular, e doutras testemuñas directas xa aparecidas noutros documentais (Miria Contreras, Joan Garcés, Volodia Teitelboim).
Nos anos dous mil dez, Patricio Guzmán realizou outra brillantísima e recoñecida triloxía, composta por Nostalgia de la luz (2010), sobre o contraste entre os astrónomos que observan o firmamento no observatorio de Atacama e as mulleres que buscan os restos momificados dos seus seres queridos enterrados nese inmenso deserto chileno; El botón de nácar (2015), sobre os rastros dos indíxenas exterminados, mariñeiros de paso e afogados polo pinochetismo que garda o Océano Pacífico, dos que apareceu un botón incrustado nun dos raís de ferro ao que os ataban para que non flotaran, e La cordillera de los sueños (2019), sobre os Andes como columna vertebral da memoria de Chile contra a desmemoria, valéndose de obras artísticas inspiradas por aqueles e do incansable e dabondo clandestino documentalismo do exemplar cineasta protestatario Pablo Salas.
Volvendo ao cine de intervención, Patricio Guzmán filmou Mi país imaginario (2022), documental sobre as revoltas estudantís que deron paso ao estalido social en 2019 e á vitoria electoral do esquerdista Gabriel Boric en 2022. Agora ben, non todas as súas películas foron documentais nin trataron sobre Chile, pois tamén rodou na selva amazónica La rosa de los vientos (1983), sobre o choque cultural entre un buscador de arte precolombiano, interpretado polo cantautor vasco Patxi Andión, e o pobo indíxena dos Andes.
Tamén me interesei dende a mocidade polo cine experimental de Raúl Ruiz, que antes de exiliarse en Francia fixera en Chile a longametraxe Tres tristes tigres (1968), inspirada na novela homónima de Guillermo Cabrera Infante, e Palomita blanca (1973, pero non estreada ata 1992), baseada na novela tamén homónima de Enrique Lafourcade. Xa expatriado, durante a ditadura filmou con moita ironía Diálogos de exiliados (1975), e, retornado durante a democracia, filmou con bastante fantasía Días de campo (2004), diálogo de defuntos, e as miniseries televisivas La recta provincia: Mitos y leyendas del campo chileno (2007) e Litoral (2008), inspiradas pola maxia tradicional de Chiloé. Non obstante a súa extensa e diversa produción internacional non adoitou estar centrada en Chile.
Mais á parte destes catro directores de proxección internacional e tamén dalgunhas importantes actrices de referencia non menos comprometidas, como Delfina Guzmán ou Claudia Di Girolamo, intereseime por moito máis cine chileno. Por exemplo, tiven o pracer de ver o excelente filme La Frontera (1991), de Ricardo Larraín, onde un desterrado da ditadura se encontra con submisos burócratas chilenos, irredentos exiliados vascos e máxicos mapuches fronteirizos en medio dunha paisaxe extrema e fascinante. O mesmo director outorgou unha notoria presenza ao pobo mapuche e ao seu idioma mapudungun en El niño rojo (2014), miniserie televisiva sobre a nenez e a mocidade do libertador Bernardo O'Higgins, fillo de irlandés e crioula de moi novelesca vida, sobre quen xa fixera un telefilme.
Outra película significativa foi No (2012), de Pablo Larraín, que, baseada nunha obra de Antonio Skármeta e interpretada polo mexicano Gael García Bernal, trata sobre o referendo convocado e perdido polo ditador Pinochet en 1988, feito que deu paso á transición á democracia. O seu éxito precedeu ao doutras películas de impacto de Larraín, malia que dabondo máis sórdidas, como El club (2015), sobre sacerdotes pedófilos; Neruda (2016), sobre a persecución política do poeta, ou El conde (2023), sobre Pinochet convertido en vampiro, pero xa antes rodara Post mortem (2010), sobre un auxiliar da morgue durante o masacre golpista. Ademais, abordou proxectos tan internacionais como Jackie (2016), onde Natalie Portman encarnou a Jacqueline Kennedy, ou Maria (2024), onde Angelina Jolie encarnou a Maria Callas.
Película chilena moi digna, malia facerse durante a tan censora ditadura militar, resultou ser Julio comienza en julio (1979), de Silvio Caiozzi, crónica en sepia sobre o conflito entre un latifundista autoritario cun seu herdeiro namorado da prostituta que o inicia no sexo. A memoria histórica apareceu, xa durante a democracia, a través da conflitiva relación entre nenos ricos e pobres no marco da dramática confrontación social en torno ao golpe de 1973 na reputada cinta Machuca (2004), de Andrés Wood, autor tamén de Violeta se fue a los cielos (2011), sobre a tráxica vida de Violeta Parra. E tamén vin con gusto, polo conflito intercultural que evidencia, Las cosas como son (2012), que incorporou con acerto á actriz norueguesa Ragni Orsal Skogsrod. Dúas cintas posteriores, realizadas por Sebastián Lelio, cuestionaron prexuízos sobre idade, sexo ou xénero en Chile: Gloria (2013), en torno ás dificultades vitais da muller na madurez, e Una mujer fantástica (2017), en torno ao rexeitamento da transexualidade e máis en relación co amor (filme este que por certo foi o primeiro chileno que obtivo o Óscar de Hollywood á mellor película non anglófona).
Das directoras chilenas, apreciei moito o documental Hoy y no mañana (2018), de Josefina Morandé, que relata a historia do valente e lúdico movemento feminista antipinochetista Mujeres por la Vida. Con igual compromiso humanista, a mesma realizadora filmou El don absoluto. La historia de Sebastián Acevedo, sobre o pai que, durante a ditadura militar, se inmolou prendéndose lume ao bonzo para reclamar a liberación dos seus fillos desaparecidos, protesta pola que asumiu o seu nome o pacifista Movimiento contra la tortura Sebastián Acevedo.
Doutras directoras, vin as moi posmodernas películas, en torno a mulleres, Play (2005), sobre unha coidadora mapuche envolta na complexa vida capitalina; Turistas (2009), sobre a ruptura cunha vida convencional insatisfactoria, e El futuro (2013), adaptación dunha novela sobre desnortados adolescentes romanos de Roberto Bolaño, as tres de Alicia Scherson. Posteriormente apreciei dous dramas críticos tamén dirixidos e protagonizados por mulleres: Rara (2016), de Pepa San Martín, sobre un caso real de discriminación por lesbianismo, e 1976 (2022), de Manuela Martelli, sobre o espertar da conciencia dunha ama de casa burguesa ante a represión fascista. No xénero documental cómpre destacar Zurita, verás no ver (2019), de Alejandra Carmona, sobre vida, obra e memoria histórica de dito poeta arrestado e torturado polos golpistas en 1973, e La memoria infinita (2023), de Maite Alberdi, sobre o conmovedor amor da parella de cineastas Augusto Góngora e Paulina Urrutia ante o mal de Alzheimer padecido polo primeiro, que obtivo tanto éxito de público como recoñecementos críticos.
Acaso ningunha película chilena puido alcanzar a difusión internacional da estadounidense Missing (1982), denuncia da intervención imperialista do presidente Nixon en Chile filmada polo director greco-francés Costa-Gavras, que recrea a desaparición e asasinato durante o golpe militar do xornalista neoiorquino Charles Horman, buscado polo seu pai (encarnado por Jack Lemmon) e pola súa compañeira (encarnada por Sissy Spacek), pero foron moitos os filmes chilenos que afortunadamente traspasaron os redutos do interior e do exilio. Ademais, o golpismo pinochetista provocou a realización doutras cintas solidarias con Chile en diversos países, como, na URSS, Noche sobre Chile (1977), do chileno Alarcón e o ruso Kosarev, ou, en EEUU, Sweet Country (1987), do grego Cacoyannis.
Insistindo sobre a intervención estadounidense no golpe de estado de 1973, o cineasta chileno exiliado en Francia Emilio Pacull, fillastro do xornalista inmolado Augusto Olivares, homenaxeou a este e ao seu mentor Allende no moi persoal documental Héroes frágiles (2007), cheo de testemuñas directas de ambos bandos, que ademais contou con comentarios do poeta Armando Uribe Arce e cunha entrevista a Milton Friedman sobre o neoliberalismo imposto no Chile ditatorial polos seus discípulos da Escola de Chicago. Nel aparece algún pro-golpista arrepentido, como tamén no documental chileno-estadounidense El juez y el general (2008), de Elizabeth Farnsworth e Patricio Lanfranco, en torno ás gravísimas acusacións de violación dos dereitos humanos polas que o xuíz Juan Guzmán Tapia logrou procesar ao ditador Pinochet en Chile.
Morando na Calle Lastarria en Santiago de Chile, pasaba a miúdo por diante do histórico Cine El Biógrafo, antiga sala de arte e ensaio situada na mesma rúa, onde por certo foi estreado algún filme de Costa-Gavras e onde me retratou Adina Ioana Vladu lamentando ambos que xa nunca poida proxectarse nin biografarse alí un Chile exento da barbarie involucionista desatada en 1973 contra os dereitos humanos máis elementais. Mais queda a xustiza poética da memoria cinematográfica e a esperanza de que o pobo de Chile, perdedor avantaxado daquela batalla, gañe para sempre a paz que merece.