Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Viaxe ao Chile máis bibliotecario

Rodríguez Fer, Claudio - martes, 19 de agosto de 2025
A Biblioteca Nacional de Chile, fundada no século XIX, conserva, entre outras importantes coleccións, o legado privado de Andrés Bello, o gran polímata humanista venezolano, de obra tan variada como xigantesca, que acabou desenvolvendo un labor fundacional no Dereito e na Universidade en Chile. É por isto que existe nela a Sala Museo Andrés Bello, que alberga as obras que lle pertenceron e á que me emocionou achegarme, mentres que na Sala Gabriela Mistral se encontran as publicacións de edición, autoría e temática chilena, e no Salón Pablo Neruda se estableceu a sección de revistas chilenas e foráneas. Viaxe ao Chile máis bibliotecario No seu Archivo del Escritor consérvanse manuscritos diversos de Gabriela Mistral, Manuel Rojas, José Santos González Vera, Pablo Neruda, Vicente Huidobro, Gonzalo Rojas, Jorge Teillier e José Donoso, entre outros autores chilenos. Sorprendeume comprobar que no fondo xeral da biblioteca figuran así mesmo varias obras miñas en galego, ás que sumei persoalmente o meu ensaio Neruda, o cantor e as amantes.

Pola súa banda, a Universidad de Chile, que posúe numerosas bibliotecas, arquivos e museos, custodia no chamado Archivo Central Andrés Bello as máis importantes coleccións bibliográficas, documentais, fotográficas e iconográficas, entre as que se contan legados de numerosos escritores chilenos, como Gabriela Mistral, o crítico Alone, Manuel Rojas, Rosamel del Valle, Nicanor Parra, Enrique Lihn, Gonzalo Rojas ou, moi destacadamente, Pablo Neruda. Por esta razón entreguei persoalmente a este fondo o meu antedito ensaio Neruda, o cantor e as amantes.

Foi, dende logo, un moi emocionante pracer investigar neste arquivo o legado de Pablo Neruda, onde se conservan os miles de libros, discos e cunchas que o poeta doou á Universidad de Chile. A colección bibliográfica nerudiana é prodiga en obras literarias, tanto en vellas edicións como en libros dedicados, pero tamén é abondosa noutras materias moi do gusto do poeta, como zooloxía e botánica, sen esquecer as obras políticas, neste caso en consonancia coa súa militancia comunista.

O libro máis antigo do legado nerudiano e por certo tamén de toda a Universidad de Chile, é unha edición incunable italiana de 1484, comentada polo poeta e erudito renacentista Bernardo Illicino, dos Triomphi, de Petrarca. Tal detalle pon en evidencia o enorme valor bibliográfico da doazón de Neruda, quen escribiu en Confieso que he vivido: “Premios literarios contantes y sonantes me ayudaron a adquirir ciertos ejemplares de precios extravagantes. Mi biblioteca pasó a ser considerable. Los antiguos libros de poesía relampagueaban en ella y mi inclinación a la historia natural la llenó de grandiosos libros de botánica iluminados a todo color; y libros de pájaros, de insectos o de peces. Encontré milagrosos libros de viajes; Quijotes increíbles, impresos por Ibarra; infolios de Dante con la maravillosa tipografía bodoniana; hasta algún Molière hecho en poquísimos ejemplares, ad usum delphini, para el hijo del rey de Francia”.

Entre outros tesouros, a súa colección contén edicións áureas de poesía española, de adquisición ás veces case heroica, como relata nas citadas memorias: “Recuerdo la sorpresa del librero García Rico, en Madrid, en 1934, cuando le propuse comprarle una antigua edición de Góngora, que sólo costaba 100 pesetas, en mensualidades de 20. Era muy poca plata, pero yo no la tenía. La pagué puntualmente a lo largo de aquel semestre. Era la edición de Foppens. Este editor flamenco del siglo XVII imprimió en incomparables y magníficos caracteres las obras de los maestros españoles del Siglo Dorado”. A min encantoume ter nas mans a aínda máis antiga edición da poesía de Góngora de 1654 (pois a de Foppens é de 1659), recollida por Gonzalo de Hozes y Córdova, que conserva rastros lectores e escrituras seculares.

Tamén posuía Neruda a edición áurea da poesía dun brillante discípulo de Góngora, Juan de Tassis, Conde de Villamediana, de 1643, por certo algo posterior á das súas obras de 1634, recollidas por Dionisio Hipólito de los Valles, que pertenceu ao poeta José Ángel Valente, custodiada na Cátedra de Poesía e Estética que leva o nome deste e que eu mesmo dirixo na Universidade de Santiago de Compostela. Neruda escribiu o poema “El desenterrado” en homenaxe a Villamediana e presentou e antologou as súas poesías en Madrid nunha publicación de Cruz y Raya en 1935 (edición esta que parece que non doou á Universidad de Chile e que, segundo conta a súa biógrafa Margarita Aguirre en Las vidas de Pablo Neruda, tiña encima do seu escritorio cando o visitou na súa casa de Isla Negra en 1952).

A Neruda encantáballe a reprodución dos versos sen puntos nin comas nestas edicións áureas anteriores á xeneralización do uso de tales signos, introducido xa no século XVI pola Imprenta Aldina do italiano Aldo Manucio para mellorar a claridade e a fluidez da lectura. Viaxe ao Chile máis bibliotecario O ávido coleccionista buscou as súas xoias bibliográficas primeiro en Madrid e logo en París e en Londres, como afirma en Confieso que he vivido: “No me gusta leer a Quevedo sino en aquellas ediciones donde los sonetos se despliegan en línea de combate, como férreos navíos. Después me interné en la selva de las librerías, por los vericuetos suburbiales de las de segunda mano o por las naves catedralicias de las grandiosas librerías de Francia e Inglaterra. Las manos me salían polvorientas, pero de cuando en cuando obtuve algún tesoro, o por lo menos la alegría de presumirlo”.

Mais entre os libros de Neruda que consultei figuran tamén moitos dedicados polos seus coetáneos. Por exemplo, dos moitos libros que posuía de Federico García Lorca tiven nas mans dous que este lle dedicou e que proban a admiración do español polo chileno, o primeiro vinculado a Buenos Aires, onde se coñeceron persoalmente, e o segundo vinculado a Madrid, onde continuaron a amizade. En efecto, a edición bonaerense de Romancero gitano, feita na editorial Sur de Bos Aires con data de 1933, contén un debuxo autógrafo de aparencia feminina e a dedicatoria, datada en 1934, “Para el gran poeta Pablo Neruda con un abrazo de su Federico que nunca lo olvida”. A edición madrileña de Primer romancero gitano, feita por Revista de Occidente en 1928, contén un debuxo autógrafo con follas e medusas e unha dedicatoria datada en 1935: “Para mi querido amigo Pablo, uno de los pocos grandes poetas que he tenido la suerte de amar y conocer. Un abrazo chorpatélico de Federico” (Neruda explicou en Confieso que he vivido o sentido impresionista que daba Lorca ao absurdo neoloxismo chorpatélico).

Agora ben, son moitos máis os libros dedicados a Neruda por poetas españois que coñeceu en Madrid nos anos trinta, como Vicente Aleixandre, de quen conservou unha edición luxosamente encadernada de La destrucción o el amor, editada pola editorial madrileña Signo no ano 1935, data tamén da dedicatoria: “A mi querido Pablo, magnífico en su poesía y en su amistad, una tarde de julio, Vicente”. O poeta deste grupo do 27 de quen acumulou máis libros, a maioría autografados polo autor, é sen dúbida o seu amigo e correlixionario comunista Rafael Alberti, que mesmo lle dedicou a súa edición das poesías de Garcilaso de la Vega publicada en México en 1946.

A máis importante destas dedicatorias de Alberti a Neruda é á que lle escribiu a xeito de carta nunha garda do libro da recompilación Poesía, 1924-1937, editada en 1938 pola editorial Signo de Madrid, pois está escrita en plena guerra civil, concretamente en xuño do mesmo ano. Nela comeza aludindo ao poemario nerudiano España en el corazón, que se acababa de publicar en Chile, así como se refire ao poeta e correspondente de guerra chileno Juvencio Valle e ao escritor español Arturo Serrano Plaja, xa exiliado en Francia, amigos de ambos: “A Pablo Neruda. Queridísimo Pablo: recibí tu libro. Magnífico, extraordinario. Lo mejor que ha producido la guerra de España. Estoy gestionando la manera de hacer una edición popular, madrileña, de él. Creo que lo conseguiré. Saldrá en mal papel, pobre tinta, etc. Pero te prometo que no saldrán erratas. / ¿Recibiste El Mono Azul con tu poema? Ponme unas letras. Yo no sé si las cosas que mandamos de Madrid llegan. No sé. Las vuestras, por lo general, sí. / Aquí está Juvencio. Muy bueno. Pero no habla nada. Serrano se fue. Creo que anda por París. Muy simpático. / Dentro de muy poco seré marinero. Llaman mi quinta. Y me voy a la fiesta. Ya te escribiré. Tú siempre hazlo a Madrid, a la Alianza. / Quiero escribir una crítica seria sobre tu libro. Perdona que no te haya escrito antes. He estado enfermo dos meses. Ya estoy bien. ¿Delia? / Muchos recuerdos a todos, muchos abrazos. Rafael”.

Entre as dedicatorias a Neruda de escritores españois de posguerra, atopei a do anarquista Victoriano Crémer, quen lle dedicou en León o seu poemario Caminos de mi sangre en 1947, editado nese ano na colección Adonais de Madrid: “A Pablo Neruda, con esperanza renovada, entrañablemente. V. Crémer Alonso”. De escritores galegos puiden ver dúas, respectivamente debidas a Eduardo Blanco-Amor e a Eduardo Moreiras. A de Blanco-Amor, autografada no seu poemario En soledad amena, editado na colección Rula, de nome galego, en 1941, está datada no mesmo ano en Bos Aires: “Para Pablo Neruda, maestro, amigo, compatriota”. A de Eduardo Moreiras, autografada no seu poemario Los oficios, editado por Mensajes de Poesía en Vigo en 1952, está datada no mesmo ano e lugar, aínda que facendo constar o seu enderezo postal (Arenal, 110): “A Pablo Neruda, con admiración y amistad”.

Polo demais, abundan na doazón de Neruda os Quijotes e os autores clásicos de España (Cervantes, Quevedo, Góngora, Calderón). En relación con Chile hai bastantes libros sobre Gabriela Mistral e varios do anarquista José Santos González Vera, quen se refuxiara na casa familiar de Temuco do poeta aínda adolescente, pero tamén algúns dedicados por escritores nalgún momento amigos do coleccionista, como Rubén Azócar, Rosamel del Valle, Pablo de Rokha, Nicanor Parra ou o seu futuro biógrafo e camarada Volodia Teitelboim.

Fóra dos autores en lingua española, abundan os de linguas francesa e inglesa. Hai moitos dende logo de simbolistas e postsimbolistas francófonos como Baudelaire, Verlaine, Rimbaud, Mallarmé, Laforgue ou Jammes, ás veces en primeiras edicións ou con dedicatoria autógrafa. E dos posteriores franceses máis vangardistas hai tamén moitos de Apollinaire e dos seus amigos e correlixionarios comunistas Aragon e Éluard, estes en boa medida dedicados. Dos autores anglófonos predominan os libros de Edgar Allan Poe e Walt Whitman, de quen quixen ter nas mans a edición luxosamente encadernada de Leaves of Grass, publicada en Boston en 1960, na que hai incrustadas catro páxinas con manuscrito e retrato do poeta estadounidense da edición de Brooklyn en 1855. Tamén ten libros en varios idiomas do ruso Vladimir Maiakovski, así como dedicada unha monografía sobre este de Elsa Triolet (compañeira de Aragon e irmá de Lili Brik, amante do vate soviético). Igualmente políglota, pero cunha dedicatoria, é a bibliografía do seu amigo así mesmo soviético Ilia Ehrenburg.

Escribiu Neruda nas súas memorias que dende novo "avanzaba en el mundo del conocimiento, en el desordenado río de los libros como un navegante solitario". Eu avancei no océano dos seus como un buzo namorado.
Rodríguez Fer, Claudio
Rodríguez Fer, Claudio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES