Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 19 de agosto de 2025
Pecar de entendido

Ás veces peco de entendido cando, realmente, non entendo nada. E esbardallo trapalladas sobre a cuadratura do círculo ou sobre o niño de cegoña no campanario da igrexa de Baños de Molgas. A estes cicónidos Pingas de Orballo puxéronselles niños noutros lugares e... non, tivo que ser esa a que o construíse onde lle deu a gana. Certo, ela, a cegoña, entende máis ca min.
Vou de tan entendido que solto ladaíñas como esta: "A seriedade é a máscara que se pon o corpo para ocultar a putrefacción do espírito". Que si, que vale, a ladaíña solteina eu aquí, pero é do escritor francés Francisco de La Rochefoucauld. Gústame o da putrefacción e o espírito porque, aínda hai poucos días, falaba eu algo sobre o espírito maligno. Dicir espírito maligno é como dicir conciencia ruín. Máis ou menos.
Pecar de entendido é a acción de excederse na demostración de coñecemento ou intelixencia, a miúdo de maneira pretensiosa ou pedante, con chulería. Menos mal que é todo un dicir. Porque, eu, coñecemento, pouco e, intelixencia, ningunha. Aínda que, como se ve, sigo que dálle coas chafalladas que me saen de camiño, no momento ese en que si pero non, ou viceversa.
Pecar de entendido é presumir do que non hai, do que non se pode, aínda que se opte por unha presunta botaporela ou fanfurriñada que, cando deixa de ser presunta, queda en nada. Porque non hai intelixencia e moito menos coñecemento. Pecar de entendido é deixar caer catro palabras de orballo sobre o asunto e quedar tan pancho.

Máis que ouro

Teño que pescudar, investigar por canto podo vender unha pinga de orballo no deserto do Sáhara. Unha pinga de orballo, aí, non é moco de pavo nin cousa de rir. E sabendo que pode ser a resurrección dun algo enterrado na area. Que unha area do Sáhara non é o mesmo que, por exemplo, da Tapada dos Ferreiros, alá por Baños de Molgas.
Quixen preguntarlle a un entendido deses, un sedimentólogo ou como carallo se chame, e lanzoume un pobre discurso dicíndome que non mesturase o cu coas calzas ou os allos cos bugallos, é dicir, a pinga de orballo coa area, ou o que é o mesmo, a auga coa seca. Recoñezo que o mirei de esguello e que non o insultei porque, no fondo, son un anaco de pan, un toleirán bondadoso. O sedimentólogo deuse conta do meu anoxo e acabou recomendándome que falase, en tal caso, cun bereber.
Disimulei ben, deime de entendido e sabichón, pero a realidade era que non sabía que era iso de bereber. Era a primeira vez que oía esa palabra. Emporiso, deille as grazas ó especialista de nada e marchei, recoñezo, co rabo entre as pernas. Para máis aquel, non había nin un puto lagarto ó sol para preguntarlle.
Seguín camiño polo deserto do Sáhara. Non tardei en atopar a dous homes que levaban unhas túnicas longas con capucha que, máis tarde, me dirían que se chamaban xilabas e que intuín ó momento que tiñan que ser eses bereberes mencionados polo paspán aquel que non me soubo dicir nada. Un dos homes non tardou en dicirme que unha pinga de orballo no medio do Sáhara era máis que ouro. Sorrín. Non quixen saber máis.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES