UCIN Lugo denuncia a desatención sanitaria na Mariña
Unión de Cidadáns Independentes (UCIN) - lunes, 18 de agosto de 2025
UCIN Lugo denuncia a desatención sanitaria na Mariña:
"Non se pode potenciar o turismo mentres se abandona a saúde de quen nos visita e de quen aquí vive".
O Coordinador Provincial de UCIN Lugo, Alfonso Hortas, denunciou publicamente a grave situación sanitaria que se está a vivir no Hospital Público da Mariña (Burela), tras coñecerse o caso sucedido este mesmo día cunha familia visitante da Mariña lucense.
Unha nai que viaxaba desde Madrid cos seus dous fillos para gozar da Praia das Catedrais -emblema turístico da nosa costa- viviu unha experiencia que nunca debería producirse nun lugar que presume de recibir milleiros de turistas cada ano. Durante a visita, un dos seus fillos, menor de idade, sufriu unha lesión no xeonllo. Ante a dor e a preocupación, acudiron ás urxencias do Hospital de Burela.
Tras máis de dúas horas de espera sen ser atendidos, a nai lembrou que contaba cun seguro privado de saúde. Porén, ao seren as 20:00 horas, non había en toda a comarca ningún hospital privado con servizo de traumatoloxía dispoñible. Resignada, volveu confiar na atención pública.
Pero a situación agravouse: tras tres horas máis de espera, ao preguntar se faltaba moito para seren atendidos, a resposta foi que aínda terían que esperar máis. O menor, cunha dor insoportable, acabou marchando sen ser atendido, medicado unicamente cun ibuprofeno que lle deu a súa nai, para emprender a viaxe de volta a Madrid na procura dun especialista.
"É inhumano que un menor con dor evidente teña que agardar máis de catro horas nas urxencias sen recibir asistencia médica. E é inadmisible que, en pleno século XXI, nunha comarca que presume de ser destino turístico internacional, non existan infraestruturas sanitarias suficientes nin unha atención de urxencias digna", denuncia Hortas.
Para UCIN Lugo, este caso é reflexo dunha dobre incoherencia política:
1. Promóvese e invístese en atraer visitantes á Mariña sen garantir os servizos básicos que permitan atendelos ante calquera incidente.
2. Abandónanse os veciños e veciñas da comarca, que viven cada día coa incerteza de se recibirán ou non atención sanitaria rápida e eficaz cando a precisen.
A saúde non é un luxo nin un privilexio, é un dereito. E se Lugo e a Mariña queren ser exemplo de turismo e calidade de vida, primeiro deben garantir a seguridade sanitaria de quen vive aquí e de quen nos visita. Non abondan fotos bonitas e campañas de promoción; sen médicos, sen especialistas e sen urxencias áxiles, estamos a condenar a nosa comarca ao abandono, concluíu Hortas.
UCIN Lugo esixirá ante as administracións competentes un reforzo inmediato do persoal sanitario no Hospital de Burela, a incorporación de especialistas suficientes para evitar esperas inhumanas, e unha planificación sanitaria que responda á realidade turística e poboacional da Mariña.
ALFONSO HORTAS, Coordinador Provincial UCIN Lugo

Unión de Cidadáns Independentes (UCIN)
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora