Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...

Curros Neira, Jesús - lunes, 18 de agosto de 2025
Ucraína

Estes días volve estar Ucraína nas primeiras páxinas dos xornais. Non é que esta pobre nación europea non fose noticia tódolos días dende que Rusia invadiuna hai case que tres anos e medio, pero nestes tempos frenéticos nos que todo vai a unha velocidade de vertixe as noticias máis recentes desprazan ás anteriores, a última catástrofe humanitaria fai que esquezamos a que se produciu hai tan só uns días e o último conflito que estalou apaga o que xa se desenvolve dende hai uns anos. E este é o caso da guerra de Ucraína, que moitos esqueceron coma se xa fose cousa do pasado aínda que as bombas e drons rusos sigan caendo sobre Kiev e o resto das cidades dese país mártir, invadido por un líder ruso que se cre o emperador de Europa.
Pero agora apareceu outro emperador no horizonte, que inda que é presidente dos Estados Unidos de América compórtase dende a súa reelección hai uns meses -que a moitos xa nos parecen anos- coma se fose o amo do mundo. Trump e Putin decidiron reunirse en Alaska, territorio norteamericano que no seu día pertenceu ao imperio dos tsares, para decidir que fan con Ucraína sen contar con Ucraína. Parece unha broma, un xogo de palabras, pero é tristemente certo. En pleno século XXI, nos tempos das exploracións doutros planetas e da revolución da intelixencia artificial, volvemos no campo das relacións internacionais ao século XIX, cando os dirixentes das grandes potencias repartíanse o mundo sobre un plano sen contar coa vontade daqueles a quen desexaba dominar. Aínda que hai que apuntar que quen se repartía entón as colonias eran os gobernantes europeos, lamentablemente relegados nestas negociacións sobre Ucraína mentres o amo de occidente trata aos países da vella Europa como se fósemos os seus servos.
Mais no medio de tantos desatinos, o meu bo amigo Balbino lémbrame que sempre debe facerse un esforzo para tratar de entender a razón dos comportamentos humanos, incluso a razón dos comportamentos máis irracionais. Só deste xeito podemos adiantarnos aos acontecementos e evitar que se repitan. É algo así como estudar o comportamento dos asasinos en serie para atopar a lóxica ilóxica que rexe os seus movementos co fin de atrapalos antes de que causen máis dano. Neste sentido, todo aquel que ten un mínimo de humanidade e respecto polo Dereito Internacional condena a acción de Putin sobre Ucraína, agora ben, iso non quere dicir que non teñamos que analizar as súas razóns para anticiparnos a movementos futuros.
Por que os rusos invadiron Ucraína? A primeira vista parece unha decisión absurda. Rusia é o país máis extenso do mundo, e ségueo a ser a pesar de tódalas perdas territoriais que sufriu trala desintegración da Unión Soviética. Boa parte da súa enorme superficie está despoboada e sen explotar, posuíndo ademais uns recursos case inesgotables de toda clase de materias primas e fontes de enerxía. Por que, entón, decidiron invadir un país que non lles fixo nada implicándose nunha guerra moi arriscada e de resultado máis que incerto que pon en serio perigo a paz mundial? O meu amigo Balbino, que é moi afeccionado á historia, dáme algunhas razóns que explicarían esta decisión do presidente ruso:
Non hai que esquecer que Ucraína ocupa un lugar moi importante na historia de Rusia. Foi xustamente aquí, en Kiev, onde se fundou grazas aos varegos ou viquingos chegados da actual Suecia a primeira “Rus”, o primeiro estado eslavo que, co tempo, daría lugar ao imperio dos tsares. E dende entón, e agás breves períodos nos que gozou de independencia, o territorio ucraíno formou parte dese imperio ao cal o ligaban vínculos lingüísticos, culturais ou relixiosos. Os tsares fundaron a cidade de Odesa á vez que o porto de Sebastopol, na península de Crimea, convertíase na principal base da Armada rusa. De feito, Crimea estivo dende sempre vinculada a Rusia ata que Nikita Jruschov decidiu cederlla á República Socialista Soviética de Ucraína en 1954, data na que se conmemoraban os trescentos anos da incorporación deste país ao imperio ruso.
Durante o período comunista Ucraína, do mesmo xeito que Bielorrusia, estiveron integradas na ONU como estados soberanos. Pero isto non era, obviamente, máis que unha ficción creada a instancia da Unión Soviética, que desexaba contar desta maneira con dous votos máis na asemblea xeral das Nacións Unidas coa escusa de que os países comunistas eran minoría nesta organización.
Coa caída do comunismo a URSS se desintegra e nacen toda unha serie de novos estados que rodean á actual federación rusa. Que converte a Ucraína nun caso especial entre todos estes países de recente creación? En primeiro lugar, e ademais das razóns históricas anteriormente mencionadas, hai que ter moi presente que no seu territorio viven numerosos rusos, que son maioría nas zonas do leste do país como o Dombás ou Crimea, e que se queixaron no pasado do trato que recibían de Kiev.
En segundo lugar hai que ter en conta a posición estratéxica deste país entre a Federación Rusa e os actuais membros da OTAN. Ucraína é para os rusos, do mesmo xeito que a Bielorrusia de Lukashenko, un estado tapón. A integración de Ucraína na Alianza Atlántica alteraría esa condición.
En terceiro lugar está o problema de Crimea, ocupada xa en 2014 pola Federación Rusa, que nunca aceptou que esta península fose cedida no seu día a Ucraína por unha decisión arbitraria do líder soviético. Crimea é estratéxica debido a que, ademais de ser a base naval rusa no mar Negro, supón o acceso deste país aos mares cálidos.
Por último, e sen ánimos de esgotar tódolos motivos, estaría a riqueza de Ucraína en terras raras, recursos minerais e a extraordinaria fertilidade dos seus campos que valéronlle no seu día o ser considerada como “o celeiro da Unión Soviética”.
Xustifican estas razóns a invasión e a consecuente guerra de ocupación? Non, en absoluto. Ucraína é hoxe un país soberano que decidiu seguir o seu propio camiño á marxe dos seus anteriores amos rusos e, en consecuencia, debe cualificarse esta invasión como inxusta, contraria a todo Dereito e inhumana. Como a guerra de Gaza, motivada por outras razoes pero igual de inhumana.
A pregunta do millón é: se Putin consegue o seu obxectivo de consolidar o seu dominio sobre unha parte do territorio ucraíno, procederá a invadir outros territorios? Hai quen pensa que o presidente ruso non se deterá en Ucraína e que a súa vitoria poría en perigo a países que formaron parte da órbita soviética no pasado, como Polonia. Mais, este risco é real? Seguramente ninguén, nin sequera os dirixentes rusos, poden responder agora mesmo a esta pregunta. Pero o meu amigo Balbino pregúntase: Que gañarían os rusos ocupando Polonia? A Federación Rusa xa ten acceso ao Báltico dende San Petersburgo, onde contan coa importante base naval de Kronstadt; posúen tamén importantes recursos minerais e terras moi fértiles sen ter que invadir un país que pertence á Unión Europea e á OTAN. Por outra banda, aínda que Polonia foi ocupada polo imperio dos tsares nalgúns momentos da súa historia, é un país con longa tradición de independencia e que non conta con demasiados vínculos culturais ou relixiosos que a unan á súa xigantesca veciña do leste. Se Rusia dá o paso de invadir outros países despois de Ucraína seguramente os primeiros serían as repúblicas bálticas, que pertenceron durante séculos ao imperio tsarista e que permitirían unir o territorio ruso co afastado enclave de Kaliningrado, de igual xeito que a ocupación do Dombás permitiu unir Crimea ao resto de Rusia.
Que debe facer Europa ante estes desafíos? Obviamente, non fiarse demasiado nin dos americanos nin dos rusos. Nun mundo de grandes potencias que tentan controlar a economía e a política globais con criterios cada vez máis egoístas de pouco serve que os pequenos estados defendan a súa soberanía. A Unión Europea debería dar os pasos necesarios para converterse nun gran estado, cun exército propio que non dependa de ninguén máis, cunha política exterior que non estea subordinada a outras potencias e cunha constitución que garanta un funcionamento democrático. Os nacionalismos cutres só serven para converternos en servos dos poderosos porque, como di sempre o meu amigo Balbino, é mellor ser cola de león que cabeza de rato. Pois iso.
Curros Neira, Jesús
Curros Neira, Jesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES