Necesitamos unha disrupción
Gregorio Montes, Antonio - lunes, 18 de agosto de 2025
Si, necesitamos unha disrupción.
E que é iso?
Unha 'rotura ou interrupción brusca', di o dicionario castelán, adaptación doutro termo inglés, á súa vez doutro latino. Vese que a cousa viuse dende hai tempo, é histórica. Mais en galego parece que aínda non está admitido o termo... e con dificultade, o feito.
E para que?
Para evitar que os nosos pobos turísticos, en voga, refuxio climático, etc, caian en breve (a cousa vai rápido) na irrelevancia do turismo que arrasa o territorio e a nós con el, no fóra de foco do que xa non está de moda, do que non serve tampouco como refuxio climático porque se autodestruíu.
Por que? De que estou a falar? De pobos como Ribadeo, un dos pobos máis bonitos do Cantábrico, onde o turismo flúe non só polas catedrais senón polas rúas. Onde á masa de xente a mediodía lle importa a praia, pero non a tanta xente como non seguir a ser masa. Onde hai zonas acusticamente contaminadas que o concello se nega a recoñecer como tales, non se vaia alarmar a xente. Onde os usos e costumes locais quedan amedrentados pola invasión visitante. Onde o concello traballa con vistas á xente de fóra, que a local vive como pode e seguirá, suponse. Onde os visitantes, por diversos mecanismos dende o ruído ás colas, pasando polos prezos, producen unha xentrificación que baleira o centro do pobo sen necesidade de que sexan conscientes dela
Non, o turismo non é a galiña dos ovos de ouro, ao menos para a maioría. Non, cando contribúe a incrementar o prezo dos alugueiros ben por riba dos soldos, dos cafés, ben por riba das pensións, mesmo dos alimentos por riba doutros lugares. A aumentar as infraccións de tráfico ben por riba do número de vehículos e este, ben por riba das persoas que 'están' no pobo nun momento dado. E número, o das persoas, que sobrepasa o desexable para manter servizos que sirvan. Turismo que incrementa a perigosidade de darse un baño na praia á que vai a xente do pobo coa idea de mollarse sen ter que pensar nun accidente cunha moto acuática, unha lancha a toda pastilla ou un esquí co patrón da embarcación mirando a figura do esquiador e non para diante.
Non, o turismo non é sexy, non realza o atractivo físico dos pobos sen a propia xente dos mesmos, e menos, para a súa xente. Pasa entón a ser un turismo zombi, de masa, de botellón e de ruído, por moi 'sofisticado' que sexa. Necesitamos unha disrupción, un cambio rápido de mentalidade, de actitude, de actividade, antes de que sexa demasiado tarde para poder reclamalo.

Gregorio Montes, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora