Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'E viu Deus que todo era bo'

Pinto Antón, J.A. - viernes, 15 de agosto de 2025
E fermoso. Historias antigas, fóra do tempo. Un deus creador vai abrindo a súa man, corno da abundancia, ao longo dunha semana. O sétimo día descansou. Contemplou o que tiña creado e todo era bo. Gén. 1:31.
O big bang conta o inicio do universo hai 13.400 millóns de anos. A nosa Terra, en azaroso equilibrio e distancia da súa estrela co cordón umbilical da gravidade, leva xirando 4.500 millóns de anos. A nosa especie, entre oito millóns, apareceu polas corredoiras da evolución hai 200.000 anos. En poucas xeracións está a dilapidar un riquísimo patrimonio natural. Herdanza que non pertence aos netos: é propiedade da vida.
Os científicos din de que estamos diante dun planeta ameazado. Só o ruído impide ver entornos invivibles que expulsan a vida. A cobiza humana extrae a velocidade inusitada recursos e nese proceso destrúe ecosistemas. Todo vale na acumulación de riqueza. Nun oasis de petróleo e riqueza no medio dun deserto de necesidades, pagáronse millóns a tenistas nunha exhibición de magasto delirante. Resoan con forza aquelas palabras de Serrat en Oviedo: "Vivimos nun tempo contaminado, hostil, insolidario".
No mundo dos humanos e seres vivos gástanse cantidades astronómicas no negocio da guerra cando tantas son as urxencias da vida. En nome do progreso envelenamos augas, desertizamos a terra, enchemos de dióxido de carbono o ar. As clarividentes Casandras da ciencia son silenciadas polo balbordo da insoportable levedade de youtubers, instagramers, tiktokers e influencers da nada. Con millóns de ratiños bailando tras da frauta doce da inconsciencia.
A especie humana pode facer inhabitable o paraíso creando infernos dos que foxe a xente. E ningún muro de xenofobia en Australia, USA, a UE poderá detela. Como ningunha Gran Muralla Chinesa, Telón de Aceiro, Muro de Adriano detivo a desesperación dos ‘bárbaros’.
Vemos o delicado tecido da vida, grandes árbores, fermosos mamíferos, aves sen fronteiras. Tamén hai tecidos invisibles, o mundo dos fungos e bacterias do chan, bicharada miúda, insectos que alimentan tanta vida, birrios e morcegos que os manteñen a raia. Ao fin, a vida vive. Na delgada película da biosfera todos procesos están imbricados. Comemos, somos comida. Volvemos ao po. Somos materia fértil. Hai quen se apodera dunha porción excesiva do pastel pero o apetito de Gargantúa e Pantagruel nunca quedan saciados. Non hai tanto pan para bandullos insaciables. O proceso económico de medrar sempre morde a cola e conspira contra a natureza que non está ao noso servizo senón ao da biodiversidade.
O big bang creou o universo. A Terra xira desde hai 4.500 millóns de anos e seguirá a facelo connosco, sen nosoutros ou contra nosoutros. “E víu Deus que todo era bo” e fermoso. Hoxe ten os ollos pechados.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES