Á parte de visitar o Museo Chileno de Arte Precolombino en Santiago de Chile e o Museo Nacional de la Escultura en Talca, museos aos que xa me referín, acudín tamén aos santiaguinos Museo Nacional de Bellas Artes, Museo de Arte Contemporáneo (xestionado pola Universidad de Chile) e Museo de Artes Visuales, nos que puiden ver moi posmodernas exposicións de interdisciplinarias artes contemporáneas.

Os museos de Bellas Artes e Arte Contemporáneo comparten un gran edificio á beira do Parque Forestal, custodiado pola grosa escultura "El caballo" do artista colombiano Fernando Botero. Moi próximo, na Calle Lastarria onde eu me aloxei, está o museo de Artes Visuales. O histórico Museo Nacional de Bellas Artes posúe importantes coleccións de pintura e escultura chilenas, pero tamén de pintura española, holandesa e italiana, así como de escultura africana.
O edificio do Museo Nacional de Bellas Artes, que foi o primeiro do seu xénero fundado en América Latina xa no século XIX, ocupa dende comezos do século XX un magnífico pazo neoclásico con aspecto Beaux Arts na fachada e Art Nouveau no interior, que parece imitar ao Petit-Palais de París no que tantas exposicións desfrutei morando ou de visita na capital de Francia. A gran sala de recepción central semella un invernadoiro permitindo a entrada cenital da luz natural, pois está coroada por una enorme cúpula de cristal sostida mediante unha impoñente estrutura de metal. Na balconada do corredor ovalado do primeiro andar hai dúas grandes cariátides esculpidas polo artista catalán Antonio Coll y Pi, autor de numerosos monumentos en Chile, incluídas as cariátides do gran edificio do Palacio de los Tribunales de Justicia de Santiago de Chile. Cúpula e cariátides parecéronme escenario ideal para unha ficción de Borges, pero tamén para unha luminosa escena de amor harmónico.
Da mesma maneira interesoume outro dos grandes edificios históricos de Santiago de Chile: a tamén neoclásica sede da Biblioteca Nacional de Chile situada na Alameda de las Delicias da Avenida Libertador General Bernardo O'Higgins, construída co daquela pioneiro formigón armado nas primeiras décadas do século XX. Escaleiras, corredores e salas compoñen un conxunto labiríntico sen deixar de ser acolledor e funcional que tamén parece a biblioteca dun conto de Borges ou o luminoso escenario dun amor ideal. A fachada ten columnas de dobre altura, o teito ten circulares cúpulas metálicas vidradas e o interior ten abundantes vidreiras, mármores, bronces e madeiras talladas. Fascináronme as súas cupulares vidreiras florais e xeométricas, moi estimables pola súa fermosura ornamental, pero tamén pola agradable iluminación que propician mediante o seu relaxante deseño e o seu fermoso colorido. Para producilas, utilizouse a daquela tamén pioneira pintura ao fogo.
O terceiro gran espazo arquitectónico no que me sentín feliz en Santiago de Chile foi o da sinxela Casa Central da Universidad de Chile, tamén situada na longa Alameda de las Delicias da Avenida Libertador General Bernardo O'Higgins, pois esta ten nada menos que un trazado de case oito quilómetros que semella ser a columna vertebral da capital do país. Trátase así mesmo dun gran pazo neoclásico construído no século XIX que dispón de dous patios columnarios presididos por estatuas e numerosos salóns trazados moi rectiliñamente. Mais do acontecido nestes tres amplos espazos respectivamente museísticos, bibliotecarios e universitarios xa falei en anteriores crónicas.
A obra que máis e mellor coñecín dun artista chileno foi sen dúbida a de Roberto Matta, un dos últimos representantes do surrealismo histórico, por tela visto en museos de Europa (incluída na colección permanente da Fundación Eugenio Granell de Santiago de Compostela, da que son membro) e no Museum of Modern Art de Nova York (cidade esta na que o seu autor morou un tempo decisivo, como tamén eu). En efecto, en París pertenceu ao círculo de André Breton e colaborou na súa revista Minotaure, ademais de tratar persoalmente a case toda a vangarda dos anos trinta en Francia. Namorado da poeta Gabriela Mistral en Portugal e amigo da pintora galega Maruja Mallo en España, tivo cinco esposas e seis fillos. O seu constante e solidario compromiso esquerdista ao longo do século XX motivou que fose estigmatizado e cancelado en Chile polo golpismo pinochetista.
Mais, restaurada a democracia en Chile, foi rehabilitado no seu país e mesmo deu nome á Sala Matta do Museo de Bellas Artes de Santiago de Chile e ao Centro Cultural Espacio Matta da comuna santiaguina de La Granja. Neste centro encóntrase restaurado o mural El primer gol del pueblo chileno, realizado conxuntamente polo

pintor e o colectivo comunista Brigada Ramona Parra durante o goberno da Unidad Popular, que foi cuberto con varias capas de pintura durante a ditadura militar. Ademais, en Santiago de Chile custódiase obra de Matta no Museo de Arte Contemporáneo, no Museo Nacional de Bellas Artes, no Museo de la Solidaridad Salvador Allende e na Universidad de Chile, á parte que tamén se conserva en colección privadas. Na fachada do Museo de Artes Visuales pode verse permanentemente exposto ao aire libre o máxico mural cerámico de Matta La debutante, no que presentou, sobre intensa cor azul e en alto e baixorrelevo, un tótem rodeado de danzantes humanos e animais con órganos masculinos e femininos. Por estar moi próximo ao meu hotel, desfrutei deste suxestivo microcosmos surrealista todos os días que pasei en Santiago de Chile.
En certa medida, o surrealismo internacional de Matta anticipou a creatividade provocativa doutros chilenos expatriados, como os escritores e cineastas Raúl Ruiz, tan experimental como excéntrico, e Alejandro Jodorowsky, tan psicomáxico como histriónico. Moi lonxe, pois, da tranquilidade espiritual e da meditación transcendente buscadas, por exemplo, polos construtores do idílico e circular Templo Bahaí de Chile, situado nunha impresionante paraxe natural de Peñalolén e que está aberto a todos os credos seguindo as pautas do bahaísmo e da súa crenza na ecuménica unidade da humanidade e das súas relixións.
Da arte surrealista de hoxe coñezo a de Magdalena Benavente, cuxa exposición de colaxes máxicas e eróticas "Venus en el despeñadero" tiven o gusto de ver en 2018 na Fundación Eugenio Granell de Santiago de Compostela, xusto cando eu estaba expoñendo a mostra de poesía visual e obxectual Corpoética. Magdalena Benavente formou parte da asociación Mujeres en las Artes Visuales e do Grupo Surrealista Derrame de Santiago de Chile, precisamente seguidor de Matta. Ademais promoveu as revistas surrealistas Cuarto de hora e Honidi Magazine, esta editada en Algarrobo en colaboración coa artista peruana Verónica Cabanillas. Foi un pracer encontrarme coas dúas artistas asistindo ao recital poético que ofrecín en Santiago de Chile en 2025, como tamén o fora colaborar en 2022 na súa revista Honidi Magazine co poema erótico, remitente a obras surrealistas de Joan Miró, Constelacións (Espertar á alba), así como coa foto dunha anatómica performance surrealista miña feita por Adina Ioana Vladu.
Outro artista con quen me encontrei persoalmente en Santiago de Chile foi Guillermo Martínez Wilson, formado como gravador na Suecia do seu exilio durante a ditadura pinochetista, quen me agasallou co folleto da súa exposición de xilografías e debuxos neocostumistas sobre oficios e imaxinarios autóctonos efectuada na casa-museo de Neruda La Sebastiana, en Valparaíso, acompañados de versos do poeta.
Poucas persoas saben que o polifacético Pablo Neruda quixo estudar Arquitectura na súa mocidade universitaria e que chegou a asistir a algunha clase, pero moitas máis saben que na madurez exerceu como verdadeiro arquitecto afeccionado, caprichoso, alternativo, poético e antiburgués na construción das súas tres casas postumamente musealizadas en Chile. En Madrid morara no edificio racionalista e floreado que chamou Casa de las Flores e que lle buscara o seu amigo Rafael Alberti (Mi casa era llamada / la casa de las flores, porque por todas partes / estallaban geranios, escribiu en España en el corazón), poñendo en temperá evidencia o seu gusto polas vivendas de vangarda de tipo cidade-xardín.
Pero cando abandonou a España asolada polo exército franquista e se estableceu coa súa compañeira, a artista arxentina Delia del Carril, en Santiago de Chile, interveu dabondo na finca da súa nova vivenda, á que chamou Michoacán de los Guindos (Michoacán por ter vivido a parella neste estado de México e de los Guindos polo nome do barrio santiaguino no que se atopa). En efecto, Neruda construíu nela un xardín, un bar e un anfiteatro, este en honra do seu amigo Federico García Lorca, poeta e dramaturgo asasinado pouco antes polos franquistas en España. A súa ex-muller continuou rexentando tal morada ata a súa morte, despois da cal a finca pasou a converterse en Casa Museo Delia del Carril. Pero aquela tripla fidelidade ao xardín, ao bar e á amizade, unida á fidelidade ao mar, manteríaa en todas as casas nas que morou, pois sempre as concibiu como embarcacións dotadas de vexetación, cantina e recordatorio de seres queridos e admirados.
A min interesáronme sempre a arquitectura e o interiorismo de Neruda por tratarse de propostas absolutamente persoais alleas a calquera convención construtora e social establecida e, por tanto, de alternativas concibidas libremente en función só do desexo: arte da vida e vida para a arte, como a ensaiada, en Inglaterra, polo escritor utopista, pero tamén arquitecto, deseñador e mestre téxtil, William Morris no século XIX e polo grupo de Bloomsbury coa pintora Vanessa Bell e outros artistas no século XX; en Francia por André Breton na súa casa Atelier surrealista de Montmartre ou en México por Frida Khalo na súa Casa Azul de Coyoacán. Para conseguilo, Neruda valeuse da súa imaxinación desbordante, pero tamén de amizades artísticas e artesás que executaran as súas ideas, á parte, por suposto, de contar coa contribución inicial de Delia del Carril en Isla Negra e da posterior de Matilde Urrutia nas súas tres últimas vivendas.
Unha das súas colaboracións artísticas máis notorias foi a que estableceu coa muralista, escultora e vitralista chilena María Martner, alumna de Lily Garafulic e artista experimental, descuberta e promocionada por el, que utilizou pedra, cobre e xemas laminadas nas súa obras. Así, por encargo de Neruda, fixo o Mural azul que decora espectacularmente a gran cheminea de Isla Negra, composto por pedras en disposición dinámica escollidas por ambos con destacada presenza de lapislázuli en bruto e de incrustacións fósiles e semipreciosas, conxunto que tanto me gustou. Tamén vin os murais mareiros en pedra policromada titulados Los peces del frío, nun patio ao aire libre de La Chascona, e Maremoto, nunha sala de estar de La Sebastiana. E así mesmo nesta casa de Valparaiso e por encargo do poeta realizou mediante un cartográfico mosaico de pedras a partir do orixinal dun antigo mapa da Patagonia e da Antártida que posuía aquel. En homenaxe ao tal labor, Neruda incluíu no seu libro Las piedras de Chile o poema Piedras para María e na prosa titulada Mi casa allá en las rocas escribiu: María Martner, piedrecista, artista del granito redondo y las rocas litorales....
O logotipo da Fundación Neruda, inscrito na bandeira azul que ondea sobre a casa en Isla Negra, e que aparece en moitos dos seus libros dende a edición príncipe do seu Canto general, é a imaxe dun peixe atravesando unha mandorla vertical en medio dun círculo, formando un dobre anel similar ao das esferas armilares e rodeada polas letras que compoñen circunferencialmente o apelido NERUDA: mi bandera es azul y tiene un pez horizontal que encierran o desencierran dos círculos armilares, escribiu ao respecto o poeta en Una casa en la arena. Parece que o debuxo foi feito polo deseñador español, exiliado en México, Miguel Prieto, e dende entón motivou moitas especulacións simbólicas, aínda que resulta evidente o seu dobre carácter marítimo e erótico tan do gusto de Neruda, quen o fixo esculpir en metal para expoñelo ante a casa antedita.
Referencias evidentes hai tamén nas letras P de Pablo (entre ondas mareiras) e M de Matilde (como picos montañosos) que poden verse na decoración da casa La Chascona en Santiago de Chile, cuxo emblema visible nos letreiros que a flanquean é un sol con rutilante cara antropomórfica e expandidos raios capilares que representa a Matilde Urrutia. A imaxe identificativa da casa La Sebastiana de Valparaiso adoita ser a do seu edificio azul e rosa con forma de barco. En resume, heráldica amorosa sublimada en arte: peixe e barco eróticos sobre campo de muller e mar solares.