Aníbal o menciñeiro de Muimenta (Cospeito) II
Vouvos contar hoxe dúas anécdotas que lle pasaron a Aníbal e das que hoxe se estivese entre nós, seguro que o moverían a rirse.
A primeira sucedeu na Graña de Vilarente do municipio de Abadín cando un bo día o chamou unha muller daquela parroquia para que fose inseminarlle unha vaca. Hai que dicir que o episodio ocorre cando aínda non se sabía como se inseminaban as vacas, cousa que empeza aló polos anos 60 do século pasado.

O Aníbal chegou á casa da señora para facerlle a inseminación artificial á vaca e o menciñeiro levou unha grande sorpresa cando a señora, xa vella, lle tiña preparada unha cadeira na corte por detrás da vaca e un colgadoiro para que colgase a roupa... e deixamos aquí o conto porque a señora, vai ti ver como pensaba que se faría este asunto.
A segunda ten que ver cun paisano ao que lle morrían os ranchiños pequenos porque debían ter o mal vermello, "mal rojo" ou erisipela porcina e viña á casa de Aníbal para que le receitase algún medicamento que solucionase ese mal. O menciñeiro deulle un botelliño para que o mesturase con auga e que se bañasen os ranchiños nesa mixtión adoita. O home marchou da casa de Aníbal dicindo que entendía o proceso, mais de alí a unha hora volveu chamar a aldraba da casa do albeite dicíndolle que xa lle morrera outro ranchiño. Nesta situación, Aníbal preguntoulle que como facía. O paisano contestoulle:
- Mesturei o frasco que me deches con auga en abundancia, logo collín o rancho e metino debaixo da auga aínda un bo cacho.
A todo isto contestoulle Aníbal
- Eu díxenche que tiñas que bañar o rancho como se fose un pequeno, pero non che dixen que tiñas que afogalo.
Texto.- Xosé Otero Canto.
Ilustracións.- María Guerrero.