Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O que puido ser...

Sampedro, Pilar - jueves, 07 de agosto de 2025
O ano no que a RAG lle dedica as Letras ás cantareiras, esas mulleres do pobo que mantiveron a tradición ao longo dos séculos, as que non hai que lembrar polo nome porque eran as avoas de todas nós, foi un logro, unha pica en Flandes, un luxo!

Un paso cualitativo despois dos resultados do Instituto Galego de Estatística. Ata podemos dubidar se nos viña tamén da Sección Feminina, do folclore que elas tamén puxeron nos canóns do seu valor, pero a xente volveu a animarse co "rexional", co canto e o baile, coa pandeireta e o pandeiro, co aquel de colocarlle esta cinta á autonomía. O traxe; recuperar esa milleira de traxes de cada sitio, de festa e de traballo, de verán e de inverno, máis rico e máis pobre... Negocio para quen vende e fabrica xoias ou roupas, sapos ou bordados, tendas e obradoiros de sona porque ata hai quen se casa con esa roupa e as cores iluminan máis alá do torreiro a igrexa. Estamos no tempo de sentirnos ricos e poder facer o que queiramos e como queiramos. Por iso, o "rexional", en forma de folclore vale para mostrar algo máis, para dicir que somos de aquí aínda que non falemos a lingua porque nos chega co traxe e a melodía, o paso de baile, se pode ser tamén en castelán.

De calquera maneira, unha vez conseguido que as Letras se dedicasen ás cantareiras, que ocasión para intervir, para poñer cada aldea a cantar e bailar e facelos sentir O que puido ser... orgullosos de todo o seu (tamén da lingua que é a auga na que viven e navegan peixes e barcos). En cada aldea recoñecendo ás súas, en cada localidade buscando o que quedaba de tradición oral... que bo momento para rematar as recollidas, para que as administracións dotaran de orzamento a toda esa xente que recolleu sen pedir nada a cambio. En Vilar de Barrio souben de dous irmáns con bufete de avogados que recollían cando lles tiñan algo de tempo e que me afirmaron que quedaba aínda materia para a recolla... Podían ser unhas Letras de fachenda do propio, unhas Letras de todos e de todas, pero as Letras Galegas tamén se cantaban en castelán ou castrapo. E dixo unha académica “Os grandes, os bos, fano en galego” logo... vale! Será porque o país sempre seguiu aos grandes e aos bos, non nos preocupemos, os pequenos que ocupan cada clase de baile, cada “demostración folclórica”, cada acto... non importan, porque os grandes están a ir por todas partes, percorren o país en caravana, vannos seguindo as multitudes igual que á Panorama. Está todo feito! A descansar e... descansamos tanto que non nos serviron para ren, nin para poñer as cousas no seu sitio (as Letras Galegas en galego, a tradición onde corresponde e a continuación da tradición tamén). Esta continuidade da tradición fíxose, volvendo aos tempos da longa noite de pedra porque, como se ía perder a ocasión de mostrar o que recolleron de primeira man? Os mellor pensados rumiaron “logo explícase” pero era máis doado explicar o cambio á lingua propia ou a selección cando se cantaba. Desta maneira todos e todas contribuíron á deturpación, todos e todas poden pasar a cobrar polo traballo ben feito de darlle outra patada á lingua, de levar a Historia “de arrecú”, volvendo atrás sen gota de ira, co gusto de traballar xuntos nunha desfeita.

Igual é que están cansos ou queimados (sen lume aceso, cando foi que se apagou a última fogueira de traballo polo común?). Mil desculpas, falta de análise, vergonza de mirar para os lados e ver que a xente non soubo que pasaba, deixaron ir, non se deron conta... Vannos matar sen sangue, sen consciencia, un empuxón e caemos ao abismo sen que quen nos botou teña castigo e os que miraban non serven nin para testemuñas porque non viron ren, pensaron que nos estaban dando un bico e que caemos por pisar mal. Sempre é por pisar mal, por pisarlle os callos a alguén que non se debe, por ir contra o cotián e a favor do avance da Historia, sempre foi así.

Unha ocasión perdida para nós pero moi válida para quen pretendía o contrario. Os organismos confórmanse con actividades das que se sae como se entra (os que entran que son ben poucos). E o devalo continúa, paso a paso, intervención tras intervención, sempre no mesmo sentido. Quixeramos pensar que é como unha marea que vai e vén, coma un péndulo que marcha e volve... pero non damos visto a chegada, igual porque cada vez que se presenta unha oportunidade acaba indo contra nós.

Contra nós. O tempo corre contra nós. Cada vez nos facemos máis vellas. Cada vez queda menos tempo para todo. Cada vez se nos fai máis complicado, pero continuamos facendo o posible e pensando... Aí está a nosa achega aos días: ser o vermiño da conciencia, o aprendiz de profeta que anuncia o que está chegando, o avisador de tendencias que debe calar porque só ve tormentas. Pero tamén o colibrí que leva unha gota de auga no pico para apagar o lume que está acabando coa selva e que cando se rin do ridículo que fai "a onde vas ti con iso para apagar o incendio?" el contesta "eu fago a miña parte". Pero claro, el deuse conta de que había lume, outros non o ven nin sequera cando o fume os abafa... seguen a pensar que é néboa.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES