O Bispo Santo, o avogoso das preñadas
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 07 de agosto de 2025
Sempre se fala moito sobre do rito das nove ondas, que se leva a cabo no areal que se estende aos pés do Santuario da Virxe da Lanzada en Sanxenxo, é que consiste nun rito de culto á fertilidade no que a muller desexosa de vencer a esterilidade deberá ser arremetida por nove ondas do mar para lograr ser curada e poder ter descendencia. Dúas noites son as que segundo a tradición ou lenda se pode facer o ritual, unha é a noite de San Xoán e outra o último sábado de Agosto.
Pero nós, aquí en Foz, tamén tiñamos un santo avogoso para as mulleres casadeiras, que San Gonzalo (O Bispo Santo), tamén embarazaba ás mulleres, pero neste caso, por mediación dun intermediario humano.
Para tal historia, debemos remontarnos aos anos 60/70 do pasado século, cando un enxeñoso personaxe sabía por mediación da romaxe do Bispo Santo, que se celebra tódolos anos no barrio de Forxán da parroquia focega de San Martiño, cales serían as parellas que ese ano casarían, dito personaxe era o comerciante Antonio Anlló Mor (das Tres Bes).
Antonio e a súa señora Dominica Andrade (Niquita), tiñan unha tenda de roupa na rúa Paco Maañón, xusto enfronte á igrexa parroquial. A poucos metros da súa tenda, había un taller de reparación de calzado, propiedade de José A. Sánchez Naray (Pepe de Lisa).
Cando se aproximaban as festas do Bispo Santo, Antonio achegábase á zapatería de Pepe acompañado dunha libreta e alí se reunía con varios rapaces da Praza e na libreta facían unha lista de tódalas parellas de Foz, que aínda non estaban casadas.
Realizada a lista desas parellas e unha vez rematada a romaxe do Bispo Santo, que daquela se celebraba o seu auténtico día, o luns de Pentecostés, que este ano de 2025 cadrará o 9 de xuño, Antonio e os rapaces, reuníanse de novo no taller de Pepe de Lisa e sobre da lista das parellas, preguntáballes cales dos inscritos asistiron á romaxe do Bispo Santo, aos cales, os que asistiron, marcaba cunha cruz.
Completada a nova lista de Antonio, xa se sabía é cunha marxe de moi pouco erro, que as parellas marcadas coa cruz, casarían a partires do mes de xullo dese ano, pois Antonio aseguraba, que a maioría das parellas que ían a esa romaxe, consumaban o seu amor por entre os piñeiros e a maleza do recinto, e claro está, naquela época ditatorial, estaban prohibidos tódolos métodos anticonceptivos, polo que, había que cumprir co compromiso, que como lle chamaban daquela por caerlle o caldeiro no pozo, tiñan que casar, sen precisar asistir ás nove ondas da Lanzada, pois o Bispo Santo, tamén axudaba a que as mulleres quedasen preñadas.

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)