Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Maiores, anciáns, avós

García Cadiñanos, Fernando - viernes, 08 de agosto de 2025
Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol con motivo da V Xornada Mundial dos Avós e das Persoas Maiores
O día 26 de xullo, coincidindo coa festa de San Xaquín e Santa Ana, celébrase a Xornada Mundial dos Avós e dos Maiores. Unha xornada que nos convida a reflexionar sobre as persoas que se atopan vitalmente na etapa máis adulta da vida e que, nas nosas sociedades envellecidas, cada vez representan un número maior. Maiores, anciáns, avós Son, estes dous, conceptos vinculados pero non sinónimos. Falamos de avós, de maiores, de anciáns como estados distintos e con connotacións especiais.

Aínda que a mocidade se presenta na nosa época como o modelo ideal, é evidente que o paso dos anos vai facendo envellecer inexorablemente. A etapa da xubilación, por tanto, é un fermoso e frutífero momento. Hai que encomiar que, chegada esta idade, e cando a saúde o permite, se dedique moito máis tempo a esas actividades das que a vida ordinaria non permitiu gozar: o lecer, a cultura, a familia, as afeccións, en definitiva, o cultivo persoal…

Neses casos é bo descubrirse sempre como un don para os demais, como un agasallo que pode facer moito ben ao noso redor. A referencia nunca pode ser un mesmo, senón o outro. Por iso, o meu parabén aos que, chegados a este tempo da xubilación, dedican o seu tempo a tarefas de voluntariado. Tantas entidades do Terceiro Sector, tamén a nosa Cáritas, atopan aquí un nicho para o seu voluntariado que é tan fundamental! E tamén na Igrexa hai moitas tarefas que as persoas maiores desenvolven: grazas polo voso compromiso que expresa a corresponsabilidade na Igrexa, sen o cal non fariamos tanto do que se fai na catequese, a liturxia, a acollida, o mantemento, os servizos… Seguimos contando convosco!

Algunhas das persoas maiores tedes tamén o honorable grao de ser avós. Que fermosura e que festa supón este título! Os avós son un referente na familia. Na nosa Galicia, tan garante dalgunhas tradicións, a convivencia na mesma casa de toda a familia extensa representa unha realidade moi fermosa. Os avós convértense para moitos netos nun modelo, en figura destacada que lles achega tempo e agarimo, que configura os seus valores, os seus criterios, a súa mirada ao mundo. Por iso son tan importantes e influentes. Non só porque posibilitan en moitas ocasións a conciliación da vida familiar e laboral, senón porque achegan na familia outras claves fundamentais para o desenvolvemento da personalidade. Nese sentido, hoxe para a Igrexa sodes fundamentais, pois en moitos fogares mantedes a lámpada acesa da fe e animades ás novas xeracións a descubrir a beleza da fe, da Igrexa e do Evanxeo. Grazas e seguide facéndoo na esperanza da sementeira!

Os anciáns que serían as persoas de máis idade representan tamén un número moi notable na nosa diocese. O alongamento da vida é un feito que foi posible grazas á técnica e aos avances na saúde e o benestar. A ancianidade, cando ás veces vai unida á dependencia, vívese con certo pesimismo e tristura, polos modelos de autonomía e independencia que prevalecen. Con todo, sempre seguides sendo un tesouro fermoso no seo da nosa sociedade e da nosa Igrexa, mesmo na vosa fraxilidade. Coidar fainos crecer e convértenos en máis humanos. É bonito descubrir como a sacra escritura está repleta de persoas anciás que se presentan como modelos de esperanza e luz entre os seus contemporáneos: pensemos en Abraham ou a súa muller Sara, ou Jacob, ou Samuel, ou Simeón e Ana, Zacarías e Isabel…

Con todo, nas nosas sociedades individualistas, os anciáns sofren especialmente a soidade e o abandono, mesmo nas propias residencias ou centro asistenciais. É un feito que nos atopamos a diario. Por iso, o Papa fainos unha invitación neste ano xubilar, que é tempo de liberación e de novas esperanzas: "Cada parroquia, asociación, grupo eclesial está chamado a ser protagonista da revolución da gratitude e do coidado, e isto ha de realizarse visitando frecuentemente aos anciáns, creando para eles e con eles redes de apoio e de oración, tecendo relacións que poidan dar esperanza e dignidade ao que se sente esquecido".

Oxalá que esta Xornada nos axude a saír ao encontro dos nosos avós, dos nosos maiores, dos nosos anciáns para, xuntos, facer unha sociedade máis fraterna e humana na diversidade e o coidado mutuo.

O voso irmán e amigo,

+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES