Peros a 317 nenos
A Xunta seica non ten capacidade para acoller a 317 menores inmigrantes. Manda carallo na Habana! E si a ten para armar o que armou coa carallada esa dos honores a unha princesa que o máximo que fixo pola nosa terra foi estar un chisco en Marín e pronunciar catro palabras galegas. A Xunta de Galicia tamén tivo capacidade para todo ese esperpento das demais Medallas de Galicia a diversos persoeiros.

Non ten capacidade para acoller a 317 nenos, que escaparon das guerras, da fame, da miseria. Cando continuamente estamos a lembrar a aqueles países americanos, principalmente, México, (mesmo Francia, Rusia) que nos acolleron naqueles tempos da Guerra Civil (os famosos nenos da guerra) e da posguerra (fame e miseria). Agora nós non somos capaces de acoller a 317 nenos. Uns cativos que collen perfectamente no colexio d´Os Milagres, por exemplo, pois lembro que tiña unha capacidade para 400 ou máis. Si, xa sei que hoxe o colexio está ocupado. Simplemente o poño de exemplo. Anda que non haberá lugares coma ese para acoller a 317 nenos. 317 tan só.
A súa manutención, coidado, educación, etc? Anda que non se dilapidan, que non se malgastan cartos en lupandas ou enchedelas, axudas de custo, sobresoldos, pagas vitalicias... Por Deus, que vergonza; poñerlle peros a 317 nenos! Nenos, non adultos. Á conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, debería caerlle a cara de vergoña ante esas declaracións, ante esa negativa de acollemento duns meniños por falta de capacidade. Hai que foderse!
O alcume xa o di todo
O río Arnoia leva auga, a rula canta desde un salgueiro e o reloxo marca as seis menos cinco da tarde. Son o paiolo que escribe. Escribo en representación de Adolfo Bordalás Gordo, O Zarabeto. O alcume xa o di todo. Foi el mesmo quen me chamou para que contase algo da súa vida. El sabe escribir pero faino tal como fala e sería unha complicación, un relato sen fin para non dicir nada. O Zarabeto fala con dificultade, cortando as palabras e repetindo sílabas moi rapidamente, por un defecto físico nos órganos de emisión da voz ou por causa dalgún

tipo de sorpresa ou dúbida súbita, segundo algún dicionario.
Que va, que va; a causa do mal do Zarabeto non se debeu a ningunha sorpresa nin a ningunha dúbida. Máis ben á xeada. Naceu o mesmo día e a mesma hora (de ano distinto, iso si) que Xesucristo baixo unha xeada na que se conxelaban ata os suspiros. E os berros de súa nai cando o pariu. Fíxoo debaixo da ponte das Cabras, en Baños de Molgas. Ela viña do monte coas vacas e, á altura do Outeiro Barbeiro, empezáronlle as contraccións. Tan só conseguiu chegar a refuxiarse baixo a ponte. Alí quedou toda a noite. As vacas... as vacas marcharon dereitiñas para a corte.
Xesucristo saíu máis espelido porque naceu nun pesebre, baixo a calor dos animais. Adolfo, o pobre, naceu como puido e co frío pexándolle a lingua, o entendemento e o que cadrase. Cando naceu ninguén sabía o que era un logopedista deses e el quedou como quedou.
Dime que por hoxe xa non me conta nada máis. Que máis adiante Deus dirá. Nótaselle que quere ser el o que escriba, pero...