Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 05 de agosto de 2025
Thor, eu!

O outro día atopeime na carreira do Camporredondo co Chris Hemsworth ese, que seica andaba a buscar exteriores para unha película súa. Eu, ó principio, normal, non cría o que vía. Mesmo cheguei a dubidar de que fose ese actor, de se non sería un dobre. Botamos un bo tempo mirándonos fixamente; eu porque non cría moito na súa aparición e el por intentar convencerme de que non era unha alucinación. Ó explicarme un pouco o asunto foi cando, aínda con dúbidas, empecei a crer en tal encontro.
Pingas de Orballo Emporiso, o mellor chegou despois. Tras unha conversa máis ou menos cordial (co pouco inglés galeguizado que sei e co pobre castelán del, imaxino que aprendido da súa dona Elsa Pataky), soltoume de socate que acababa de atopar ó actor que estaba buscando para unha nova película sobre Thor. E cando estaba á espera de que soltase un nome, algún actor de Hollywood máis ou menos coñecido (incluso cheguei a pensar no español Javier Bardem, polo dos exteriores no noso país), deixoume caer, coma quen non quere a cousa, que eu era o que buscaba. Non soltei unha gargallada porque imaxinaba que el si xa se estaba a rir de min. Mireino de esguello e díxenlle que che vaia bonito.
Deixeino alí, coa palabra na boca, e seguín cara ó lameiro para tornar a auga. Thor, eu! Que nin tan sequera podo co puto martelo! Polo camiño mirei para os carballos por se había algunha cámara oculta e me pillaran de chacota, de inocente. Logo de tornar a auga, volvín á espreita por se aínda estaba o paspán de Hemsworth por alí e me quería tocar de novo o violo. A ver se pensa que por ser ianqui se pode rir dun galego e, para máis carallos, labrego.

A encarga

De cando en cando dosifico as forzas botándolle un trago de auga e mastigando media mazá. Levo cinco días e medio cavando un pozo nun recanto dunha finca de Aurelio, O Saltón. El mesmo me contratou para que lle buscase, seica, un tesouro que enterraron alí os bisavós dos seus bisavós, é dicir, nos anos do tempo dos mouros.
A encarga sooume máis que estraña, pero como el é o que paga... O que pasa é que empezo a cansar de tanto cavar. Porque o fago, non seguindo un horario, senón de continuo, de seguido, de día e de noite. Só fago eses pequenos descansos para dosificar un pouco as forzas e para beber e comer algo. Que un non é de pedra.
En cinco días e medio atopei de todo. Non se pode imaxinar un a clase de bichos existentes a tantos metros de profundidade. Metros que, abofé, xa hai tempo que perdín a conta. Pois, aclarando, toda a cavadura vai a man. É dicir, que teño que sacar a terra cavada en cestos e subila por unha escada de madeira á que lle teño que engadir chanzos cada dous por tres. Cinco días e medio dándolle ó sacho é moita cavadela e moita fondura de cristo.
Tanta fondura na que, o tesouro, por agora, brilla pola súa ausencia. Porén, mentres O Saltón pague... Eu sigo dándolle ó sacho e á pa, sigo subindo e baixando chanzos e sigo, ós cachos, dosificando o esforzo. Ás veces O Saltón vén falar un pouco comigo e perdo máis forzas berrando que cavando; á hostia de metros de profundidade hai que berrar. Sigo na procura de, paréceme a min, un tesouro inexistente. Pero...
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES