Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...
Curros Neira, Jesús - martes, 05 de agosto de 2025
As pintadas que "decoran" as nosas rúas
É obvio que a calidade do sistema democrático de calquera país mídese, entre outros parámetros, polo respecto que as súas autoridades teñen ao dereito á liberdade de expresión. É esta unha liberdade da que gozan tanto os medios de comunicación coma os cidadáns particulares e que só debe ter como límites o respecto á honra, á intimidade, á propia imaxe ou a protección da infancia e a mocidade.
Como sinalamos, este dereito exércese tanto a nivel individual como por parte dos medios, pero non imos falar agora destes últimos senón do dereito que teñen todos os cidadáns, a xente da rúa que non escribe habitualmente en xornais ou fala na televisión. Calquera destas persoas, é dicir, a maioría de nós, goza desta liberdade de expresión do mesmo xeito que o xornalista máis recoñecido ou que un político que fala na tribuna das Cortes. Pero a pregunta que se fai o meu bo amigo Balbino é: Teñen os suxeitos particulares o dereito a expresarse libremente en calquera lugar? Tamén na parede da casa de Balbino, ou nos muros de monumentos e rúas dos centros históricos? Esta pregunta vén a colación pola actitude ambigua, e en non poucas ocasións de tolerancia, que algúns dos nosos políticos, sobre todo os máis radicais, teñen con respecto a determinadas pintadas.
Pois ben, o meu amigo pensa ─seguramente de xeito equivocado, pero iso é o que cre e non ten intención de caerse da burra─ que a liberdade de expresión ha de ter outro límite que non figura no artigo 20 da Constitución Española, aínda que deberían incluílo: o respecto á limpeza das rúas e á propiedade privada.
Hai un ano Balbino fixo unha viaxe por Escandinavia e sorprendeuse ao comprobar o limpas que estaban as paredes do centro de Estocolmo. De boa gana o meu amigo convidaría ás nosas autoridades locais a darse unha volta por alí para ver se anímanse a borrar as obras de arte que decoran paredes, locais comerciais e ata moitos edificios históricos das nosas localidades. E, por suposto, que non falo dos espléndidos murais que vemos nalgúns recunchos de Lugo ou desa marabillosa violonchelista pintada por Sfhir en Fene. Isto é arte con maiúsculas. Non, do que estamos a falar aquí é deses horribles graffitis, normalmente palabras coloreadas ou horribles debuxos, que poboan os muros de forma atrapallada e sen o máis mínimo sentido estético.
Na Coruña, por exemplo, son moitas as mostras de xenio que nos legaron un tal Goas ou o seu compañeiro Asma, que así se fan chamar estes presuntos artistas que decoran decenas de paredes da cidade.
En Santiago tivemos tamén outras mostras de xenio grafiteiro ata nos sacros muros da catedral. E agora mesmo podemos gozar da decoración que loce un edificio okupado na rúa Algalia de Arriba, en pleno centro histórico compostelán declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade.
Noutros moitos lugares de Galicia un grupiño de exaltados estudantes, que apareceron nas nosas vidas para evitar a barbarie espallando o socialismo (isto é o que proclaman nos seus omnipresentes carteis) dedícanse a facer pintadas en calquera sitio, mesmo en elementos de mobiliario urbano. Curiosa forma de evitar a barbarie.
Á vista destes costumes nosos, ao meu amigo Balbino non lle estrañou que nas proximidades da Academia de Florencia, o museo que garda o David de Michelangelo, as autoridades puxesen hai un tempo un cartel que dicía: Prohibido facer pintadas. Pero o caso é que o carteliño en cuestión non estaba escrito en italiano, en inglés ou en francés. Non, o concello de Florencia decidiu poñelo só en español. Por algo sería.
De modo que a próxima vez que alguén queira reivindicar a liberdade de non sei que presos políticos, ou a independencia desa república galega que só eles ven, ou que queiran espallar o socialismo evitando a barbarie, o meu amigo Balbino suxire que o exprese moi libremente, faltaría máis, nas paredes da súa casa (a do pintor, naturalmente). Ou, se o prefire, que se faga unha bonita tatuaxe coa mensaxiña en cuestión na súa propia pel. Iso xa é decisión súa.

Curros Neira, Jesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora