Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 29 de julio de 2025
Vide salvar o mundo

Mando unha mensaxe polo universo sen fin, polo espazo sideral na procura de axuda para que non remate o mundo. O mundo está a piques de rematar, de acabar. Ballóns de auga asolagan os pensamentos e, estes, pouco a pouco, afogan na ignorancia dos tempos. Lóstregos de luz queiman as ideas que fungan polas canellas e polas carrilleiras da esperanza. Sarabia branca, grande, dura bate na porta da sensación, esa na que xa nada é o que era.
A mensaxe, máis alá das lúas de Saturno, segue sen atopar algo ou alguén que a lea. Só o silencio empreña coas catro palabras escritas: vide salvar o mundo. Coido que tal mundo xa non ten salvación. Os aludes de xenreira esvaran, escorregan polas inmaculadas ladaíñas de que quen mal anda, mal acaba. Seica está escrito así nun recanto da memoria ou nun recuncho do entendemento.
Pasadas as galaxias máis afastadas, segue a mensaxe planando sobre o baleiro da solidariedade. Semella que non hai ninguén para botar unha man. Nin tan sequera ese lobo estepario que podería oulear por entre os meteoritos da melancolía, da morriña. Emporiso, hai ouleos que ocupan todas as galaxias existentes.
Vide salvar o mundo, reza a mensaxe escrita con catro pingas de orballo desde as ansias dunha almofada que aloumiña a miña cara. Agora, cada quen que busque as ecuacións adecuadas para que todo siga igual ata o remate final. Porque haberá un remate final se un espírito cósmico non o evita. Segue planando a mensaxe por entre as estrelas da saudade.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES