Pingas de Orballo
Rivas Delgado, Antonio - martes, 29 de julio de 2025
A estrela fugaz
Sento na terraza. Miro ó ceo. Espero o paso dunha estrela fugaz. Son as cinco e media da tarde e o ceo, máis que gris, está nubrado. Vai ser que non..., o da estrela fugaz. Haberá que buscar outra cousa aínda que non sexa mirando ó ceo. Miro para o chan. Non tardo en ver unha formiga carretando unha migalla de algo, creo que de bica. Un pouco máis alá un pombo detrás dunha pomba. Non é parvo o paisano.
Primeiro trago do café. Está quente de máis. Cando está moi quente xa non me presta tanto; porque ó telo sobre a mesa, teño que tomalo. Non son capaz de aguantar a que arrefríe. O que espera, desespera. O mesmo me pasa coa comida. Por iso ás veces prefiro quentala eu. Finalmente, o café, aínda quente, xa está todo el no bandullo.
Volvo mirar para o ceo. Segue o mesmo. Sigo sen ver a estrela fugaz. Aínda que a vira, que. Non estou nesa idade de pedir desexos. O que ha de vir, virá. Non valen devezos, nin esperanzas, nin ansias, nin folgos, nin promesas, nin rabo de gaitas. O destino está escrito. Non sei onde, pero está escrito... no tempo, no espazo, na cara oculta da lúa, no ronsel desa futura estrela fugaz. O destino espera na meta, no punto final, no derradeiro suspiro.
Solto o bolígrafo para erguer esta columna dobrada. Por pouco tempo. O tempo é ouro e hai que aproveitalo. Así é que xa está entre os meus dedos. O bolígrafo, digo. É deses que non volvera ter na miña man desde rapaz; de catro cores, de catro barras distintas: azul (coa que escribo), verde, negra e vermella.
Marcho da terraza. Mirando ó ceo. Confiando na estrela fugaz que, en algún momento, aparecerá.

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora