De verdade, estamos condenados.
Nós que somos tan respectuosos cos demais, que sempre temos en conta o que eles falan ata o punto de adoptar o seu idioma; aínda así, de vez en cando se poñen agresivos como se non quixeran considerarnos. Bilingüismo harmónico, chámanlle os que queren acabar co galego. Educación e respecto necesario, cando o que tes enfronte non che entende. Servilismo cando o fas porque ves que el fala noutra lingua, pero

entende a túa; porque tamén ti o fas, falas noutra lingua e tanta obriga ten el de adoptar a túa como ti de adoptar a súa. Normalmente é o galegofalante o único que cede.
É que el estábao falando cando chegastes ti (di alguén) pois logo só falarei cando comece eu porque nese xogo (entre quen entende perfectamente as dúas linguas) ou é de respecto mutuo ou simplemente facémonos cargo do don de linguas do que falaba Cunqueiro e cada un fala a súa, sen complexos nin falta de respecto de ningún tipo.
Acaba de pasar no dolmen de Dombate onde insultaron e empuxaron á guía (uns de Valladolid) porque lles falou en galego. Seguro que ela non o fixo en plan soberbio. Seguro que estaba disposta a traducirlle o que precisaran, seguro que non había necesidade de berrar.
Teño confesado que se quixese rematar co galego nos actos públicos bastaría con entrar nunha conferencia tras outra e presentar ao relator (ou relatora) en castelán e el (ou ela) pásase como a cousa máis natural, pero aínda que non me corresponda presentar, é suficiente con que comece o coloquio, se faga unha pregunta en castelán e inmediatamente o conferenciante me contesta na mesma lingua e xa quedamos instalados no castelán (e iso non pasa ao revés). Non, non sucede o mesmo coa lingua B. Falan castelán, ti preguntas en galego e case nunca cambian a lingua pero sempre che miran como se introduciras unha bomba.
Estamos condenadas, de verdade, estamos condenadas. No ano no que lle dedicaron as Letras ás cantareiras seguimos tendo que escoitar as cantigas en castrapo ou castelán porque as recollidas na Ditadura estaban así, porque era vergonzoso cantar en galego, porque tiñan que demostrar que elas tamén cantaban ou falaban en castelán, porque o sabían e tiñan que demostralo. A pesar da petición de Antón Cortizas por unhas Letras Galegas en galego (mira que ter que pedilo...), non se conseguiu nada e cantaron no que quixeron. Incluso aquelas organización que falan da tradición en igualdade e lle dan voltas ao baile, para que o folclore non sexa machista, non se preocuparon da lingua, porque ser feminista pode estar máis de moda pero ser galeguista ou defender a lingua, non. Esa xente cambia a letra das cantigas ou evita aquelas que levan un contido non igualitario pero a lingua é outra cousa, é unha desgraciadiña, algo vello e vergonzoso, é algo paleto (dicían os de Valladolid do dolmen de Dombate) e resulta mellor repetir o que se recolleu como se recolleu, mostrar á avoa coa roupa sucia e sen dentes... Hai debate dixo unha representante do partido ao que lle correspondía defendelo: hai debate... si, igual tamén o vai ter que haber á hora de votar porque realmente hai debate e se uns son iguais aos outros igual alguén pensa que van sendo horas de cambiar o voto ou deixar de emitilo. E... mira que non queremos.
A democracia é iso, hai debate e quedan tranquilos todos, instalados no debate. O asociacionismo do país, o Consello da Cultura Galega, A RAG (mira ti... se non aclararon suficientemente o que había que aclarar para que as Letras Galegas sucedesen en galego?) Tantos séculos cantando e escollen a xente que o fixo na Ditadura (que non tiña mal se non houbera debate, se recolleran as cantigas tal como elas as cantaban, as arquivaran e, á hora de cantar e recrear, se escolleran as que estiveran en galego ou se traduciran as estrofas que estaban noutra lingua, que é o que se fai noutros casos), pero non, a lingua non é respectable, é un estorbo, tal como dicía aquela directora xeral nós temos un problema: o galego pois non señora, nós temos unha riqueza dende hai séculos o galego que, como dicía Neira Vilas, a pesar de ser un país pequeno temos unha lingua propia cousa que non teñen moitos grandes como Estados Unidos, Arxentina, Brasil... Non debería haber debate nunca ante iso e moito menos despois de ver o resultado do Instituto Galego de Estatística, despois diso non debería haber debate senón acción. Lembrádeo, igual que dicía aquel protagonista de Irmán do vento lembrade o meu nome eu digo, lembrade hai debate porque realmente xa estamos sós, sen ninguén que defenda os símbolos da identidade. Hoxe, día do traxe galego nas festas do Apóstolo en Compostela, o himno que se tocou ao final do acto foi a metade (con que andamos a xogar?), tamén hai debate? Pois nada, a debater! Estamos no tempo das vitorias, e ninguén se apunta a unha derrota? Que saibades que é moito máis fermoso, senón mirade a Rufián e preguntádelle se hai debate.
Están condenadas as persoas que cren no país, as que simplemente exercen de políticos non, están salvados!