Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Viaxe ao Chile máis nerudiano

Rodríguez Fer, Claudio - lunes, 28 de julio de 2025
Pablo Neruda foi sen dúbida o poeta máis influente e importante da literatura chilena, latinoamericana e mesmo hispánica do século XX, o que se debeu a varios factores históricos, ideolóxicos e persoais, pero, sobre todo, ao feito de que a súa apoteótica traxectoria contou con moi variados rexistros temáticos e estilísticos, pois foi dende o posmodernismo neorromántico de grande éxito (Veinte poemas de amor y una canción desesperada) ao prosaísmo panfletario de grande eco, pasando polo surrealismo Viaxe ao Chile máis nerudiano existencialista (Residencia en la tierra), pola crónica histórica testemuñal (España en el corazón), pola épica xeográfica, política e social (Canto general), polo erotismo amatorio (Los versos del capitán), pola lírica do cotián (o ciclo das Odas elementales), pola antipoesía irónica (Extravagario) e polo autobiografismo confesional (Memorial de Isla Negra). Nada, pois, foi alleo a este poeta total, que ademais practicou o verso libre como o mar (La barcarola), pero tamén a poesía medida (Crepusculario) ou mesmo seudomedida (Cien sonetos de amor).

Como é sabido, a súa figura foi moi controvertida por razóns políticas e morais, especialmente en Chile, pois a súa militancia comunista provocou a constante belixerancia contra el da reacción conservadora, pero o segue sendo debido tamén ao cuestionamento do seu comportamento patriarcal, en particular por parte de certo feminismo. Agora ben, independentemente destes e outros factores extraliterarios, a poesía amatoria de Neruda, inspirada e influenciada polas súas sucesivas musas, merece a extraordinaria atención estética que público e crítica lle veñen dedicando, á que eu me sumei co ensaio “Neruda, o cantor e as amantes” publicado xa en 1996 e base de posteriores conferencias e cursos en diversos lugares.

Durante a miña estancia en Chile neste 2025 entreguei en persoa precisamente tal ensaio á Fundación Pablo Neruda, ao Archivo General Andrés Bello da Universidad de Chile e á Biblioteca Nacional de Chile, entidades que custodian o importante legado nerudiano, nas que por certo fun tan ben recibido como atendido. A Fundación Pablo Neruda xestiona ademais as tres fascinantes casas-museo do poeta abertas ao público que visitei: o complexo de Isla Negra, La Chascona en Santiago de Chile e La Sebastiana de Valparaiso, as tres restauradas tras ser asaltadas e saqueadas polos golpistas fascistas en 1973. Ademais, existe unha Ruta Patrimonial Huellas de Pablo Neruda centrada na infancia e na mocidade do poeta en Temuco, que comprende a súa casa familiar alí e o Museo Nacional Ferroviario Pablo Neruda, que integra a Sala de Máquinas onde traballara o seu pai.

O complexo de casas de Isla Negra, que nin é illa nin é negra, malia as escuras rochas da contigua praia de area dourada aberta ao batido Océano Pacífico, foi ideado polo poeta para dispor dun lugar illado na deserta costa salvaxe cando proxectaba escribir o seu Canto general. Tal obra en marcha iniciouse a partir da cabana mariñeira que adquiriu en 1939, ao volver a Chile dende a guerra de España, ao socialista español Eladio Sobrino, capitán de navío. Logo foino ampliando moi lenta, dificultosa e considerablemente, aínda que mantendo sempre o seu aspecto de barco con teitos baixos, corredores estreitos e escaleiras empinadas sobre chan de madeira. O seu dormitorio ten a cama orientada a unha enorme fiestra con vistas ao océano e un anteollo a man que lle permitía ver o paso das baleas.

Nos seus salóns e corredores puiden ver as numerosas coleccións de obxectos marítimos que acumulou, dende grandes mascaróns de proa ou popa ata réplicas de veleiros ou barcos dentro de botellas, pasando por abondosa cartografía náutica, cadros de mariñas pintadas e diversos instrumentos marítimos. Entre os obxectos naturais salientan as súas preciosas cunchas e buguinas mariñas, das que falarei noutra crónica ao referirme a súa gran doazón malacolóxica á Universidade de Chile, pero tamén coleccionou dentes de cachalote (non en van escribiu a oda “Diente de cachalote”), bolboretas de vivas cores e outros “insectos deslumbrantes y complicados como relojes”, como el mesmo dixo. Malia a fermosura destes animais que estiveron vivos e que aquí se ven lamentablemente desecados, eu preferín contemplar as moitas figuras artesás de animais realizadas sobre toda clase de materiais, como o cabalo de madeira, revestido de coiro e pintado de azul, de tamaño natural e tres colas, que procede dunha talabartería na que de neno o admiraba en Temuco e que por certo sobreviviu a un incendio e a un terremoto.

É moi coñecida a súa busca de mascaróns marítimos por portos e anticuarios, pois el mesmo a relatou e a poetizou en Una casa en la arena e Confieso que he vivido, onde con razón prefire chamarlles “mascaronas”, pois adoitan parecer deusas seminúas ou matronas republicanas. Chamoume a atención a francesa que denominou María Celeste, cuxos ollos de vidro azul condensan a humidade da madeira e parecen chorar “por nostalgia del mar”, como escribiu nunha das prosas que lle dedicou. A máis erótica é a exuberante Guillermina que atopara en Perú, bautizada e historiada polo poeta como tantas outras “mascaronas”, aínda que así mesmo ficcionalizou historias de mascaróns, como a do que chamou Gran Jefe Comanche.

Viaxe ao Chile máis nerudiano Mais tamén se exhiben obxectos persoais, entre eles, roupa, sombreiros, zapatos, pipas e botellas de formas especiais e de variadas cores (en vida del, azuis as expostas cara ao mar, mais verdes e marróns as expostas cara á terra), así como un retrete de extravagante decorado con fotografías de mulleres espidas. Na cantina que ideou, chea de curiosidades, tallaba nas trabes do teito os nomes dos amigos que ían falecendo, supostamente para poder figurarse que seguía bebendo con eles. Por suposto, na casa abundan os cadros de artistas amigos, os tapices populares e as láminas de plantas. Dende o punto de vista etnográfico, sobresaen as máscaras e as figuras exóticas e as moi diversas cerámicas, pero tamén coleccionou postais, bonecas, espadas de ferro e instrumentos musicais de madeira. En fin, como escribiu no testamento no que di deixar a casa ao pobo traballador: “La vida, llena de magia y poesía impregna toda la casa de Isla Negra”.

No exterior, a cabana que chamou “covacha” era usada como escritorio e púxolle mesa procedente da porta dun barco que atopou flotando na costa e teito de zinc para escoitar a chuvia tal como a escoitaba na súa casa da infancia en Temuco, cidade que tamén parece evocar a torre que mandou edificar e o campanil composto por seis campás de diferentes tamaños que fixo erguer ao aire libre.​ Xunto a este hai un bote varado en terra onde bebía cos amigos ata sentir suposto mareo mareiro. Nun extremo da finca, fronte ao mar, están as tumbas de Neruda e da súa última esposa, Matilde Urrutia, sobre unha base con forma de barco. Abaixo do cantil hai un magnífico rochedo, cunha evocación en pedra da cabeza de Neruda contemplando o océano sobre un gran penedo, onde Adina Ioana Vladu me regalou unha pequena pedra de granito arrincada ás rochas pola potente rompente das ondas.

Así mesmo, a recepción dispón de sala para proxeccións, exposicións, conferencias, recitais e concertos, presidida por unha simpática silueta en cartón de Neruda cando mozo, á beira da cal hai unha tenda especializada. A gastronomía do moi vividor Neruda, gran gourmet de comidas e bebidas, da que é famoso o típico prato da receita poetizada na súa “Oda al caldillo de congrio”, é explotada en Isla Negra polo restaurante Nobel Neruda, en sintonía coa voracidade vital nerudiana, pois non en van declarou en Confieso que he vivido: “Me comería toda la tierra, me bebería todo el mar”.

Nun adro ante a casa está o “locomóvil”, máquina de vapor inglesa sobre rodas, orixinalmente utilizada en faenas agrícolas e industriais, que o poeta, coma min amante dos trens dende a infancia por térmonos criado os dous nun contorno ferroviario, conseguiu transportar con bois e tractores, igual que procedeu coa pesada áncora dun barco cargueiro por alí arrombada. Neruda dedicoulle a esta significativa máquina convertida en atractivo xoguete e mesmo obxecto artístico, o poema en prosa “El locomóvil”, onde conclúe: “Lo quiero porque se parece a Walt Whitman”.

Pero si en Isla Negra comezou a vivir coa arxentina Delia del Carril e terminou vivindo coa chilena Matilde Urrutia, a casa coñecida como La Chascona (palabra que en Chile se aplica a unha muller de pelo enmarañado), foi construída no Barrio Bellavista de Santiago de Chile, a partir de 1953, para morar nela coa última e presuntamente enguedellada compañeira devandita. Neruda encargoulla, como tamén a ampliación da casa de Isla Negra, ao arquitecto español exiliado Germán Rodríguez Arias, seguidor da Bauhaus, aínda que o poeta modificou e enmarañou dabondo o seu proxecto. Nela está a sede da Fundación Pablo Neruda e dispón de sala de proxección, tenda monográfica e, nun edificio anexo aos xardíns da vivenda que unifican o caótico conxunto, dun espazo cultural chamado Extravagario. En vida do poeta, a auga circulaba en cascada e remansaba en estanque, como escribiu no poema “La Chascona”: “la casa chascona con agua que corre escribiendo en su idioma”.

En La Chascona, como en Isla Negra, a cor volveu ser azul intensa e as características exteriores e interiores as propias dun barco, neste caso de dependencias graduadas en medio dun xardín progresivamente ascendente. Por patios, cuartos e corredores hai murais, cadros, tapices e inscricións como a que irmanda nun recanto ao poeta chileno co escritor checo Jan Neruda, de quen tomou o seu seudónimo. Dentro da casa abunda a cerámica e a cristalería de cores, especialmente a destinada a conter comida e bebida, e exhíbense botellas de formas especiais, como a da Torre Eiffel, así mesmo presente en Isla Negra, pero tamén se mostran outros obxectos de recordo de viaxes, como unha colorista colección de matrioshkas rusas de madeira de bidueiro.

La Sebastiana recibiu este nome por ser proxectada polo construtor inmigrante español Sebastián Collado Mauri, quen comezou a facela en Valparaiso, onde tamén edificou o famoso Teatro Mauri, pero tras a súa morte foi adquirida en 1959 por Neruda, que buscaba como vivenda de retiro unha “que pareciera flotar en el aire, pero que estuviera bien asentada en la tierra”. O poeta foina ampliando e graduándoa en modo ascendente cos mesmos principios de luminosidades, cores vivas, forma de barco, fiestras de ollos de boi e demais referencias marítimas que as anteriores, como el mesmo evocou no poema “A la Sebastiana”: “Yo construí la casa”, pintando fachada e interiores “de celeste y de rosado”.

Dentro hai menos cousas que nas outras casas, pero as que hai son igualmente significativas, como un ammonite fosilizado, un corocoro ou ibis escarlata desecado, unha colección de ágatas e un fermoso cabaliño de carrusel que trouxo de Francia, instalado nunha acaída peza circular, así como moitas outras curiosidades e extravagancias. Entre os cadros orixinais expostos hai unha reprodución de “La bohémienne endormie”, do naif Henri Rousseau, obra que anticipou espontanea e maxicamente o surrealismo. Dende a súa torre e terraza contémplase a cidade colgante arredor da baía de Valparaíso, no baixo existe unha Biblioteca de Poesía Chilena, no seu xardín hai un póstumo banco-confidente antropomórfico de metal co rostro de Neruda e fronte a el funciona unha tenda de libros e artesanía.

Mención especial merecen os numerosos bodegóns, autómatas e astrolabios repartidos polas vivendas, onde algunha esfera armilar é moi similar á que vin na Fundación Internacional Jorge Luis Borges en Bos Aires, pois ambos autores compartiron o universo. Abundan así mesmo retratos de poetas inzados polas tres casas, entre os que poden verse repetidos os de Whitman e os de Baudelaire, pero tamén os hai de Poe, Rimbaud, Maiakovski, Ehrenburg, Vallejo... Non vin, en cambio, ningún retrato de muller escritora ou de poeta chileno ou español, pero entre os nomes dos amigos falecidos que rotulou nas trabes da cantina figuran os dos poetas Federico García Lorca e Miguel Hernández xunto aos de Paul Éluard e Nazim Hikmet. Mais tamén hai fotos en La Chascona do propio Neruda co mimo francés Marcel Marceau e co pintor mexicano Diego Rivera, quen o pintou asimilado a Matilde Urrutia nun dobre retrato que tamén se exhibe alí.

En 1945, Neruda doou á Universidad de Chile varios miles de libros, revistas e discos das súas coleccións e aínda máis miles das cunchas e buguinas que acumulou, todo o cal se custodia no Archivo Central Andrés Bello, importantísimo legado do que falarei noutras crónicas. Eu coñecía xa estes fondos a través dos catálogos bibliográficos, musicais e malacolóxicos da Universidad de Chile, polo que sempre ansiei consultalos en persoa e, dende logo, non me decepcionaron.
Rodríguez Fer, Claudio
Rodríguez Fer, Claudio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES