Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Viaxe ao Chile máis literario

Rodríguez Fer, Claudio - miércoles, 23 de julio de 2025
A poesía chilena tivo unha especial importancia en todas as etapas da miña vida dende que descubrín, na infancia, a Gabriela Mistral; na adolescencia, a Pablo Neruda; na mocidade, a Vicente Huidobro, e aínda, a partir da xuventude, moitas outras obras poéticas de interese para min, como as de Pablo de Rokha, Nicanor Parra, Gonzalo Rojas ou Jorge Teillier. Ademais, no ámbito da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética que dirixo na Universidade de Santiago de Compostela, recibín á poeta chilena Paulina Valente Uribe, sobriña de Valente e de Armando Uribe Arce, quen a través dela me enviou algún poemario e algunha dedicatoria. E a isto poden agregarse máis poetas de Chile que tratei persoalmente, como Raúl Zurita, a quen coñecín nun recital poético que deu na New York University durante unha das miñas estancias neoiorquinas, así como outros e outras que moi cordialmente se me achegaron con motivo do recital poético que ofrecín eu mesmo en Santiago de Chile no ano 2025.
Viaxe ao Chile máis literario
Durante esta estadía santiaguina tiven ocasión de comprobar a enorme presenza que segue a ter en Chile a primeira muller Premio Nobel de América Latina, Gabriela Mistral, acaso ultimamente acrecentada pola maior valoración social e cultural que se ten das mulleres públicas e mesmo pola posta en evidencia do seu lesbianismo, que se antes se ocultaba como un estigma, agora se reivindica mesmo como un exemplo. En calquera caso, encontrei o seu nome e a súa efixie en recintos institucionais e en locais privados e tanto nas alturas como nos subterráneos.

O primeiro que chama a atención sobre ela na capital de Chile é o Centro Cultural Gabriela Mistral, enorme complexo composto por dous edificios con numerosas salas para espectáculos, exposicións, feiras e encontros culturais de todo tipo, ademais de contar con biblioteca, fonoteca, estudio de gravación, espazos para reunións, locais de estudo, cafetería, restaurante, tenda cultural, numerosas obras de arte e amplos e altos recintos ao aire libre. No patio central penduran do teito dous grandes retratos fotográficos da poeta e nos muros exteriores encóntrase un gran panel identificador do chamado GAM que leva o seu nome e outro menor pero moi suxestivo no que Gabriela Mistral aparece retratada coa súa amante e compañeira ata a fin da súa vida, a escritora e tradutora estadounidense Doris Dana, baixo unha significativa e vindicativa cita de autoafirmación na diversidade: "De nada podemos estar más orgullosos que de la independencia de nuestro corazón".

Este centro foi proxectado e inaugurado polo goberno da Unidad Popular de Salvador Allende cunha intención cultural de carácter educativo e social, pois, como declarou o propio presidente socialista: "queremos que la cultura no sea el patrimonio de una elite, sino que a ella tengan acceso -y legítimo- las grandes masas preteridas y postergadas hasta ahora". En consecuencia, foi unha honra para min frecuentalo, pois ademais se atopa na Alameda de las Delicias da Avenida Libertador General Bernardo O'Higgins, moi próximo ao meu aloxamento en Santiago de Chile.
Viaxe ao Chile máis literario
Sobre o maior patio colgaba a rechamante figura dun cachalote albino alusivo á obra teatral Mocha Dick, que remite ao mito chileno, localizado no contorno da Isla Mocha, sagrada para os mapuches, que inspirou a famosa novela de Melville sobre a caza da balea branca Moby Dick, pero neste caso presentando a un mozo indíxena que intenta salvar o cetáceo. No subterráneo, encantoume ver a exposición alí instalada do Museo de Arte Popular Americano da Universidad de Chile. Preto deste centro hai un entrañable mercado ao aire libre de artesanía, libros e postais, onde merquei recordos varios.

Lamentablemente, inutilizado en 1973 o presidencial Palacio de la Moneda polo bombardeo dos militares golpistas, estes estableceron durante varios anos a sede do goberno e outras dependencias oficiais neste complexo, polo que tamén foi utilizado como centro de torturas e quizais de asasinato de opositores políticos. Restaurada a democracia e tras un destrutivo incendio, o goberno da presidenta socialista Michelle Bachelet modernizou o edificio e o proxecto, dándolle o seu actual e afortunado nome.

Mais a figura de Gabriela Mistral acompañoume en moi diversos espazos culturais de Santiago de Chile nos que tiven o pracer de estar, como a gran Sala Gabriela Mistral para consulta dos fondos da Biblioteca Nacional de Chile, que ten o seu retrato na entrada; a Sala Museo Gabriela Mistral na Casa Central da Universidad de Chile, que custodia un retrato e documentación universitaria relacionada con ela, ou a máis íntima Sala Gabriela Mistral da Casa del Escritor, que ten o seu retrato no interior e na que ofrecín o meu recital poético. Ademais puiden ver reiteradamente a interesante exposición sobre a súa vida e a súa obra "El legado de las palabras: Gabriela Mistral en cinco dimensiones” na estación de metro Plaza de Armas. E a súa imaxe e o seu nome ilustran a fachada do non casualmente chamado, pois se trata dunha gran mestra e educadora, Museo de la Educación Gabriela Mistral.

Mais tamén é frecuente ver o rostro de Gabriela Mistral en murais oficiais, como o cerámico “Homenaje de la ciudad de Santiago a Gabriela Mistral”, ou populares pintados ao aire libre ou mesmo en interiores de establecementos varios, como puiden comprobar, no Barrio Italia de Santiago de Chile, nun restaurante vexetariano descuberto pola animalista Adina Ioana Vladu, quen tan poetica como solidariamente non come “nada que teña ollos ou nai”.

Alén do seu prestixio como canon da poesía latinoamericana de muller e como internacional Premio Nobel de Literatura, a súa tradicional imaxe conservadora dunha especie de nai da patria, protectora da infancia, asexuada, ruralista e relixiosa, potenciada polo pinochetismo, diverxe e converxe agora cunha renovada imaxe progresista como filla da democracia, defensora dos dereitos humanos, lesbiana, cosmopolita e librepensadora, potenciada polo feminismo, polo que a súa omnipresencia parece estar tan asegurada en Chile como en Galicia a de Rosalía de Castro, tamén supostamente canonizada en dobre dimensión ideolóxica. A temática solidaria y sensual aberta á unión universal e ao amor libre de orientación lésbica dun poema como “Dame la mano” non é excluínte do concepto dominante dende o título no libro onde apareceu: Ternura.

Mais independentemente das cambiantes consideracións extrapoéticas, o caso é que Gabriela Mistral é unha gran poeta humanista que foi, que é e que seguirá sendo lida, valorada e sentida como poeta por quen poida e queira gozar e aprender da poesía. Tal é o caso, por exemplo, do autor chileno Luis Cruz-Villalobos, quen musicou con sensibilidade verdadeiramente lírica algúns dos seus poemas e quen me cantou acompañado da súa guitarra fragmentos do titulado “El aire” na súa estancia de Potrero Grande da comuna de Curicó. Seguramente, este lugar do Maule comparte paz e poesía co Museo Gabriela Mistral establecido na Vicuña natal da poeta, situado na rexión de Coquimbo, en cuxa praza central se eleva do chan un gran rostro deitado da poeta, e coas casas que aquela compartiu coa súa familia musealizadas no seu idílico e amado Valle del río Elqui na mesma rexión: a Casa-Escuela en Montegrande e a Casa-Museo en Las Compañías (La Serena).

Á parte de Neruda, a cuxo rastro en Chile dedicarei unha crónica específica, o poeta chileno do tempo das vangardas que máis lin foi Vicente Huidobro, de quen existe unha casa familiar convertida en museo literario na Cartagena da rexión de Valparaíso. A verdade é que expliquei constantemente a súa obra dende que comecei a dar clase e teño que dicir que a súa recepción foi moi satisfactoria, cando non entusiasta, pois sempre interesou ao meu alumnado de diversos niveis, idades e países o seu creacionismo teórico, a súa técnica cubista e o seu lúdico neoloxismo. Por iso acudín con gusto a ver a exposición “Huidobro en ruta” sobre as viaxes do cosmopolita autor de Altazor o el viaje en paracaídas e o impacto que tiveron na súa obra, exhibida precisamente na Sala Vicente Huidobro da Universidad Católica de Chile. Alí ilustrouse sobre o plano de París que viviu e tivo faladoiro no barrio de Montmartre, pero tamén no de Montparnasse, onde tantas veces me aloxei eu.

Menos presenza urbana encontrei dos poetas desgarrados máis entregados a distintas vertentes da antipoesía, como Pablo de Rokha, Nicanor Parra, Gonzalo Rojas e Armando Uribe Arce, así como do felizmente vivo Raúl Zurita. En cambio, atopei a do lírico lárico Jorge Teillier, pois o tamén poeta Edmundo Moure me conduciu ao seu antigo lugar de faladoiro no Rincón de los Poetas do Bar Unión, establecemento coñecido como Unión Chica en contraposición ao próximo Club de la Unión, este tradicionalmente frecuentado pola oligarquía chilena. Neste recanto exhíbense fotos e recortes de prensa de Teillier, pero tamén hai presenza doutros poetas, como o seu íntimo amigo Ricardo Cárdenas ou o represaliado polo pinochetismo, na adolescencia, Aristóteles España.

O propio Moure convocou un grupo de poetas, músicos e artistas que me agasallaron cun xantar na Unión Chica antes do meu recital na Casa de Escritor da Sociedade de Escritoras e Escritores de Chile, onde me presentou máis creadores culturais chilenos. Alí coñecín á poeta Isabel Gómez, presidenta da SECH, Premio Pablo Neruda e antóloga da poesía da memoria histórica, e á escritora Claudia Reyes, publicista de Gabriela Mistral. Tres destes escritores, Luis Hachim Lara, Víctor Escobar e Gamalier Bravo formaron co citado Edmundo Moure a Editorial Unión del Sur, e agasalláronme cos seus libros e dedicatorias, como tamén o fixo o poeta Salvador Pastore. Antes departín sobre a filosofía de Cioran con Adina Ioana Vladu e Tomás Pablo Bascuñán e despois sobre a creación poética co vate Víctor Hugo Díaz. Pero en xeral con todos eles compartín plena e solidariamente a paixón pola literatura libre e o compromiso contra o fascismo, contra o capitalismo e contra o imperialismo.

Algún dos citados é así mesmo colega na docencia e na investigación universitaria, como tamén o académico Cristián Montes Capó, de orixe galega, que participou no faladoiro do xantar. A este encontro asistiu o cantautor Eduardo Peralta, autor de letras na liña do por ambos admirado Brassens, e o artista plástico Guillermo Martínez Wilson, que estivo exiliado en Suecia durante a ditadura pinochetista e que se fixo escritor ao volver. Do mundo da arte proceden igualmente dúas amigas, ambas poetas, que xa coñecía: a chilena Magdalena Benavente, con quen me encontrei por primeira vez expoñendo os dous na Fundación Granell de Santiago de Compostela, e a peruana Verónica Cabanillas, directoras conxuntas da revista surrealista Honidi Magazine, na que me convidaron a colaborar no seu primeiro número, de 2022, con poesía verbal e visual.

Eu sabía do Chile contado nas exitosas novelas de José Donoso, Jorge Edwards, Isabel Allende, Luis Sepúlveda, Roberto Bolaño ou Alejandro Zambra, mesmo nas dos anarquistas Manuel Rojas e José Santos González Vera, pero non do que se podía vivir revivindo en cada encontro.
Rodríguez Fer, Claudio
Rodríguez Fer, Claudio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES