Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 22 de julio de 2025
Pingas de Orballo
Unha simple raia

Invertín moitas horas en contemplar un petróglifo que, ó final, non conseguín entender. Era unha simple raia. Partía desde o alto do penedo ó fondo do penedo. Duns catro ou cinco metros de longo. Tan só duns dous ou tres centímetros de profundidade. Sería un simple pasatempo dun cativo que andou no monte e quixo matar o tempo? Sería un reguiño para que correse a auga cando chovese? Unha liña secreta? Un risco que deixaron as formigas de tanto pasar?
Pingas de Orballo Botei horas intentando descubrir se tal raia tiña relación co escudo do Real Madrid que un paspán gravou no xullo de 1976 cando, este si, andaba no monte coas vacas. Certo que o escudo esculpírase noutro penedo, pero era a continuación do da raia. Significaría a raia un camiño a seguir cara ó escudo, cara ó outro penedo?
Despois de varias horas déronme ganas de chamar a algún especialista en petróglifos, a algún arqueólogo. Mesmo pensei no Indiana Jones, máis axiña caín na conta de que era un personaxe de ficción; e Harrison Ford, por moito que estudase ou se metese na pel do personaxe, non o vía eu desprazándose a Barricovos, no monte de Pinouzos, en Baños de Molgas. Por vir podía vir, pois Baños de Molgas ten o seu encanto, mesmo para os ianquis, pero o actor... non sei eu.
Que estou a desviarme do asunto da raia. Por certo, está dereita como unha vela. O que a esculpiu tiña bo pulso. O significado xa é outro cantar, outra historia que non consigo descifrar. Éme máis fácil o escudo do Real Madrid, porque está moi claro e é moi actual. Pero unha simple raia...

Fastos vergoñentos

As estradas galegas, tanto as nacionais como as autonómicas (as locais... pobres), teñen tales fochancas que, en algunhas, se chove moito, ata dan ganas de mergullarse nelas. A sanidade galega, en cuestión das urxencias, é peor que a subida ó monte Calvario cunha cruz de ferro ás costas.
Pingas de Orballo Pois ben, a Xunta de Galicia gasta a tira e máis de cartos nos actos que levou a cabo na concesión da medalla de Galicia a unha rapaza por ser princesa ou filla de rei. Tal medalla seica é a máxima distinción galega que se lle concede a certas personalidades por, se entende, méritos ó servizo de Galicia en calquera aspecto da realidade social, cultural ou económica.
O único mérito da Leonor esa creo que só foi que realizou parte do servizo militar en Marín e que o outro día soltou unhas palabriñas en galego coma quen que... Isto lémbrame a aqueles madrileños que cando descubrían a un galego... ah, eres galleguiño. E no seu sorriso aberto ía xunguido o sarcasmo, a burla, a mofa correspondente.
Que méritos acadou máis a princesa Leonor para que tal acto fose de tal fastosidade que, sinceramente, deu algo de vergonza. Xa sei que á maioría dos galegos fumegáronlles as mans ante tanto bater de palmas. Porén, esta maioría galega mañá irá dunha aldea a unha vila, dunha vila a unha cidade e cagarase nas estradas e nas putas fochancas das estradas. Ante as horas interminables en urxencias porá a parir ó conselleiro de Sanidade e a quen manda no conselleiro de Sanidade. Hoxe aplaude os fastos vergoñentos dunha medalla que non era merecente para...
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES