Experimentar un feito
Quixen aproveitar as horas da canícula para cambiarlle o marco ó veciño. As dúas da tarde era unha boa hora, e máis sabendo que Olegario Cisneros, O Malnacido, adoitaba durmir a sesta tan axiña como remataba de xantar. Xantaba cedo, á unha. E eu... eu quería experimentar que se sente ante o mito, a lenda esa de mover os marcos. Ou é un feito?

Collín pico e pa na palleira e larguei a fume de carozo para As Costelas. En vinte minutos xa estaba furgando co pico ás beiras do marco esquerdo da parte setentrional. E xusto no momento en que finquei os pés para arrincalo, alá que escoito un berro acompañado dun insulto, dunha aldraxe, dunha ofensa do Malnacido. Quedei medio petrificado. Non porque me descubrise nin polo propio berro, senón pola sorpresa. Porque non o contaba. Tiña que estar durmindo a sesta! A calor era insoportable! O malpocado botáralle peito á canícula.
O peor chegou cando levantei a ollada e vin como enarboraba un fouciño na súa man dereita. Nin tan sequera tiven tempo de recoller a pa (o meu subconsciente optou polo pico ante un posible encontro co veciño e que o asunto fose a maiores, ou sexa, por se había liorta), emprendín unha carreira por entre os piornos, toxos e carballos das poulas estremeiras que daban ó norte.
Segundo fuxía, pensaba na posibilidade de que Olegario non me coñecese, aínda que a linde do marco era como un libro aberto para dilucidar quen lle andaba a arrincalo. Porén, tamén pensaba en algún posible falcatrueiro, en algún pobre cachafello a quen botarlle a culpa. Pouco a pouco perdín de vista ó Malnacido.