Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un viño contigo, Antón

Santalla, Iago - miércoles, 16 de julio de 2025
Meu querido amigo:
Que difícil é escribirche hoxe sabendo xa imposible a túa aperta. Búscote entre rimas, risos e retrancas. Contemplo na memoria (que che gardo para sempre) os lugares que cantaches: Carude, a Compañía, San Estevo en vapores de estraperlo e igrexas que gardan soños de chocolate para un descrido e fican baleiros sen ti, resgardados na única esperanza de ser o teu canto folla perenne para nós.

No teu verso, na túa guitarra e na túa voz un delicioso ácrata desfacíase en tenrura para agarimar ao pobo sen deixar de combater as poutas do poder. Ese que sempre fai apropiacións impropias para despois absolverse sen propósito da emenda.

En cambio ti, sendo señor, fuches pobo. Sabías de suor obreiro, de sensabores labregos e do traballo que enchía os vasos de viño de cada taberna. A Sacra Ribeira fixo en ti a saiba poderosa dos invencibles. Por iso, hoxe todos os valores gárdanche memoria como un viño eterno.

Eu fico triste, abraiado, mudo, cheo de pena aínda que sei que hoxe hai festa no alén onde te agarda a tribu eterna. Agora só me sae a canción que sempre che pedía. Alí onde esteas, espérame en ledicia. Cando chegue, tenme por favor un viño da Ribeira feito en ti e coa guitarra ben disposta cantaremos:

Son galego con orgullo
e quero cantar
que son fillo desta terra
e ningunha outra máis.
Ergue irmau galego
e vén donde estou eu
e pan habrá para todos
aínda que sexa centeo.

Ata ese viño eterno vas comigo, nun riso de rebeldía, meu amigo Antón.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES