Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Festas máis de noso

miércoles, 02 de septiembre de 2009
Alá vai o mes de agosto e con el a morea de celebracións de festexos populares. Ninguén nos iguala no número. Podemos afirmar que son máis de oito mil as festas –relixiosas e profanas- que celebra Galicia ao longo do ano. Máis de trescentos millóns de euros, os máis deles destinados á contratación de grupos de música lixeira. De arrecadar ese diñero encárganse as comisións de festas parroquiais e os concellos, que tamén programan as súas. Algunhas destas custaron a frioleira de mil trescentos millóns de euros. Non é de estrañar, pois, que Galicia sexa un mercado cobizado polos promotores de eventos festivos.

A rutina na programación evidencia a falta de orixinalidade dos seus organizadores. As parroquias repiten o programa tódolos anos, sen ofreceren nada novidoso. E algún mecenas, como ocorreu por terras ourensás, facendo alarde do seu poderío económico, quixo sorprender aos seus veciños, todos eles galegofalantes, cun cartel de artistas traídos de fóra do país, que custaron cento trinta mil euros. Noutra capital de provincia, o Concello organizou as súas festas tradicionais con desleixo. Queixouse disto alguén que con toda razón reclamaba novos aires para estas festas, “porque este ano houbo chupinazo e escoitouse “desde Santurce a Bilbao”, sambas e “uno de enero, dos de febrero” tan lonxanos á nosa tradición, interpretados por comparsas contratadas polo Concello. Semellaba que estabamos nun pobo distinto do noso”.

Hai ben anos que vimos insistindo na necesidade de galeguizar as nosas festas populares. De volvermos ás nosas raíces para evitar inxerencias alleas que marxinan os nosos valores identitarios, promovendo espazos de socialización para a nosa lingua.Pero amais disto, que é fundamental, obsérvase unha infravaloración do patrimonio cultural, que debería ser posto en valor, incorporándoo á programación das festas, procurando na orixinalidade unha maneira de singularizar a festa.

Hai vinte anos que programamos a campaña das “Mil festas máis para a lingua galega”, reeditada posteriormente varias veces. Contiña un decálogo de suxestións para que as festas reflictan o noso xeito de ser e, xa que logo, máis atractivas para propios e forasteiros. Velaqui algúns dos obxectivos: a) utilización correcta da toponímia; b) utilización da lingua galega na publicidade estática (cartelería) e megafónica; c) demandar das orquestras unha porcentaxe do seu repertorio en lingua galega e que as alocucións dirixidas ao público se fagan tamén no noso idioma; d) repecto polos símbolos de Galicia: bandeira e himno; e e) exaltación da identidade territorial.

Se quixeramos facer un balance poderiamos dicir que, efectivamente, avanzouse algo. A cartelería está impresa maioritariamente en lingua galega; a toponímia é máis respectada, e mesmo o himno galego foi desprazando ó español cando era interpretado no momento da consagración eucarística. Pero hai dous aspectos nos que non notamos avances. Un, no repertorio das orquestras, que seguen a ser reacias a faceren adaptacións á nosa lingua. Esta circunstancia sería superable se nos contratos se estipulase unha cláusula que obrigase a estes grupos musicais a interpretaren unha porcentaxe do seu repertorio en lingua galega. E outro, no que fai á nula exaltación dos valores patrimoniais (materiais e inmateriais), para concienciar á poboación e reforzar os vínculos e autoestima coa singularidade identitaria do espazo natural de celebración. O ambiente festivo sería o medio máis axeitado para aplicar esta pedagoxía galeguizadora que propoñemos.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania