Unha marquesa tomando as augas
De todos é sabido a importancia do balneario de Baños de Molgas na sociedade galega (mesmo española), en xeral, e na ourensá, en particular. A proba é que a sección Historia en 4 Tempos deste xornal, por esta época, por estas datas, saca moitas novas sobre certos personaxes que pasaron por ese hotel-balneario a tomar as augas, ou que pasaron pola cidade de Ourense camiño de ou volvendo de... Baños de Molgas.

Hai uns días saía unha nota de hai 100 anos, máis en concreto, o 10 de xullo de 1925, que sinalaba que marchaba para Baños de Molgas (enténdese que desde Ourense, e hai que seguir entendendo que para o balneario da vila molguesa) a Excma. Sra. Marquesa de Atalaya Bermeja, que non era outra que Ángela Santamarina Alduncín, máis coñecida na cidade das burgas por Angelita Varela.
Consultando varias fontes periodísticas, mesmo colaboradores deste xornal, podo seguir os pasos dunha muller, dunha gran señora que, ós 62 anos, decidiu tomar os baños na miña vila, máis seguro que por algo de artrite ou reuma. Naceu en Arxentina, na cidade de Tandil, provincia de Bos Aires, no mes de xaneiro de 1863. Filla do ourensán Ramón Santamarina Valcárcel e de María Ángela de Alduncín Gaspuy. Cando quedou orfa de nai, ós tres anos de idade, o pai confioulla a unha tía que estaba en Ourense, a tía Dolores. Esta casa en segundas nupcias con Antonio Varela Bahamonde, do que pillou o apelido polo que sería coñecida.
Angelita Varela emparentou coa familia Temes, casando co fidalgo Isidoro Temes Sáenz, que enviuvou en 1918. En 1920 o rei Alfonso XIII rehabilitou o título nobiliario do condado do Val de Ouselle e a súa tía Dolores cedeulle a ela, á sobriña. Ángela, en 1924, mercou o título de marquesa de Atalaya Bermeja.
Antes de que morrera seu home, promoveu a construción dun edificio do barrio do Couto, que se inaugurou en 1925, que non é outro que o Santo Ángel, rexido polo Instituto Calasancio de Fillas da Divina Pastora. A maiores de que sempre colaborou coa gran maioría de obras de caridade que se desenvolvían en Ourense. Tamén albergaba na súa casa ós visitantes ilustres que se achegaban á cidade. Nomeárona presidenta de honor da Cruz Vermella Española e condecorárona coa Gran Cruz de Beneficencia un ano máis tarde de hospedarse en Baños de Molgas. Morreu o 5 de xullo de 1956 ós 93 anos de idade. Está enterrada no mesmo Santo Angel.