Domingo XV, T.O.
Cabada Castro, Manuel - domingo, 13 de julio de 2025
Xesús non foi un filósofo ou un ideólogo de belas teorías. Vivía de experiencias interiores moi fondas e en contacto directo e inmediato coa xente do seu tempo, da súa nación e da súa relixión. En inconcibíbel unión co seu Pai Deus e en estreita e igualitaria relación coa xente de a pé, sobre todo cos máis necesitados.
Na súa carta ós Colosenses fai Paulo unha especie de síntese ou resumo do que, segundo el, vén sendo Xesús. Dísenos alí que "Cristo Xesús é imaxe do Deus invisíbel e primoxénito de toda criatura". É dicir, el é esa realidade única e marabillosa na que se xuntan o Deus misterioso e absolutamente infinito coa realidade creada e humana. Vén sendo o mesmo que se significa en último termo con aquela outra denominación de "Emmanuel", é dicir, "Deus connosco". Deus fíxose nel "próximo", moi "próximo" a nós. Tan próximo como o é a "cabeza" respecto do resto do corpo unido a ela. Unha denominación, a de "cabeza", que Paulo emprega nesta mesma carta para se referir á función que el desempeña en relación con cantos formamos con el en canto cabeza o denominado corpo de Cristo.
As cartas de Paulo poden resultar algunha vez, precisamente pola súa fondura, un tanto conceptuosas ou difíciles de entender para moitos de nós. Poderiamos dicir que el intenta sintetizar dalgún xeito os contidos esenciais dos diversos relatos evanxélicos. É ben clara a diferenza estilística entre Paulo e os evanxeos en xeral cando comparamos o seu modo de falar sobre Cristo Xesús na súa carta ós Colosenses e a lúcida parábola do samaritano, recollida por Lucas. Paulo e mais Lucas están porén a falar da mesma cousa: da proximidade de Deus a nós por medio de Xesús e da necesidade de que, pola nosa parte, nos acheguemos a cantos precisen de nós.
Porque, en definitiva, o tema xeral das Lecturas de hoxe está centrado nesta proximidade de Deus a nós e a toda a realidade. Cando Deus crea todo, quédase para sempre en certo modo onda nós tamén, por máis que sempre nos supere infinitamente, tal como dicía santo Agostiño.
Para este gran bispo e doutor da Igrexa, Deus é son as súas palabras- "máis intimo a nós que a nosa propia intimidade". Pois ben, esta "intimidade" de Deus a todo é a que se nos fai presente na vida do seu fillo Xesús, absolutamente próximo a nós ó el ser realmente e de verdade tamén un de nós, un coma nós.
O que aquí vos comento podería resultar aínda moi abstracto. Mais no texto do evanxeo de hoxe temos un retrato fiel desta proximidade de Deus a nós. El é ese bo samaritano que se aproxima, que intima co máis necesitado, que se fai máis íntimo a nós que a nosa propia intimidade (para utilizarmos as palabras de santo Agostiño). Porque é ben sabido que quen ama se fai en certo modo máis íntimo ó amado que o amado a si mesmo.
Que Xesús no seu modo de ser e de se expresar non era nada abstracto demóstrao ben esta parábola. Aínda máis, podemos dicir que el se amosa, na súa concreción e na utilización que fai nela dos personaxes, como un verdadeiro provocador. Estásenos aquí a falar de algo que os teólogos do noso tempo consideran tamén moi importante: a compaixón, a misericordia cos que máis sofren etc. Todo isto está de feito moi en liña co importante discurso inaugural de Xesús en Nazaret sobre o Deus da bondade e da misericordia (non da vinganza ou da lei), tal e como nos conta Lucas noutro lugar. En tal sentido non é nada estraño que sexa tamén Lucas o único entre os evanxelistas que nos transmite esta marabillosa parábola do samaritano.
En canto ós personaxes da mesma, amósasenos como o máis cumpridor dos deberes relixiosos alguén semellante a unha especie de renegado da relixión, tal como o eran os samaritanos para os xudeus. Pola contra, os que de oficio ou profesionalmente deberían comportarse máis relixiosamente coa persoa malferida e tirada no camiño son xustamente os que máis anti-relixiosamente se comportarán con ela. Pois tanto o sacerdote coma o clérigo evitan coidadosamente achegarse a tal persoa. Non sexa que vaian quizais contaminarse cunha daquelas impurezas rituais que se derivaban de tocar un morto. É dicir, aquí a relixiosidade da lei convértese decididamente e de feito en inhumana, anti-humana e polo tanto en anti-divina. Mais todo isto non semella conturbar nin o clérigo nin o sacerdote.
Cómpre non esquecer que esta parábola do bo samaritano é unha resposta a un xurista xudeu, próximo polo tanto ó gremio xudeu dos sacerdotes, que posibelmente intentaba coa súa pregunta poñerlle a Xesús unha máis das acostumadas trapelas. Por iso, na súa parábola, Xesús convértese en realidade nun auténtico provocador, aínda que tal provocación sexa para o propio ben do seu interlocutor.
Tal como nos aprende Lucas, Xesús non é un teórico que responde abstractamente á pregunta do xurista. Faino, ademais, de maneira semellante a como din que adoitamos facer os galegos. Respondendo á pregunta que nos fan con outra: "Que pon a Lei? ¿Que les?". responde efectivamente Xesús á pregunta que lle fai a el o xurista sobre como "herdar a vida eterna".
Mais cando o xurista lle responde correctamente, aínda que de modo abstracto e puramente textual e literal, aludindo ó mandato relixioso de amar a Deus e o próximo, Xesús faise decididamente encarnado, directo e concreto. Pois na parábola do samaritano nada hai de teórico ou abstracto. Todo é vida, concreción e en definitiva exercicio decidido de compaixón, mal que lle pese a presuntas normas, leis, prudencias ou cautelas que poidan obnubilarnos a cabeza.
A parábola do samaritano está, pois, aí para que a meditemos e para que nos comportemos conforme a ela tódolos días da nosa vida. Sen medos nin atrancos teóricos ou prácticos de ningún tipo. No cerne dela está agachado o que hai de máis puro e enxebre no evanxeo.
Sexamos bos samaritanos!

Cabada Castro, Manuel