Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Viaxe ao Chile máis indíxena

Rodríguez Fer, Claudio - jueves, 17 de julio de 2025
Para comezar polo principio, o primeiro museo que quixen visitar en Santiago de Chile, tras determe na central e axardinada Plaza de Armas, de orixe inca, con trazado colonial e dominada pola enorme e neoclásica Catedral Metropolitana e por outros grandes edificios, como o do interesante Museo Histórico Nacional, foi o Museo Chileno de Arte Precolombino. Dalgún xeito anticipa este complexo, na citada praza, o polémico "Monumento a los Pueblos Originarios", do escultor chileno Enrique Villalobos, que comparte espazo nela coa estatua ecuestre do conquistador e fundador Pedro de Valdivia e coa non menos colonial do apóstolo Santiago. Tal praza converteuse nun gran centro comercial e turístico, no que ás veces vin que non faltaba a presenza policial, pero tamén se adiviñaba a posible delincuencia do lumpen e a oferta dunha prostitución feminina máis ben indíxena.
Viaxe ao Chile máis indíxena
O Museo Chileno de Arte Precolombino, un dos máis importantes do mundo, é un gran centro de documentación sobre a diversidade artística e etnográfica da América anterior á conquista europea, con especial atención a Chile, polo que abrangue pezas producidas dende hai cinco mil anos ata o século XIX. Sería difícil, pois, destacar algo do moito visto alí, aínda que a presenza máis espectacular sexa a das chemamulles, grandes estatuas mapuches de madeira utilizadas en ritos funerarios, sen esquecer os tecidos cosmovisionarios con debuxos de vivas cores producidos por mulleres da mesma etnia.

Mais se tivese que escoller unha peza impresionante deste museo coincidiría con Adina Ioana Vladu, pese ao seu gusto polas figuras felinas e polas teas tinguidas, en elixir o quipu inca, feito de cordas con nós de fibra de camélido entre os séculos XV e XVI. Trátase dun instrumento contable, de orixe moi remota, que consta de máis de cincocentas cordas organizadas en trece niveis, combinando diferentes disposicións dos cordeis, diversos tipos de nós e distintas variacións de cor, polo que podería rexistrar máis de quince mil datos matemáticos, hoxe inintelixibles. Non obstante, o seu complexo e sofisticado sistema de contabilidade non impide gozar da beleza estética do seu fascinante aspecto solar.

O gran edificio do museo alberga ademais unha biblioteca especializada, unha tenda de libros e artesanías precolombinas, un patio dotado de cactos arborescentes wachuma ou San Pedro (tradicionalmente usados en rituais máxicos e relixiosos pola súas propiedades psicoactivas), unha interactiva instalación de experimentación onírica e un inclusivo restaurante, onde xantamos, servido moi esforzada e eficientemente por persoas con diversidade funcional. Neste descubrimos a refrescante limoada natural que adoita prepararse en Chile, ben ao xeito tradicional ou ben con xenxibre e menta.

O Museo Chileno de Arte Precolombino lembra a existencia en Chile de numerosas etnias amerindias e do pobo polinesio rapanui, malia que a colonización europea aniquilara por completo algunhas tribos e devastara ao resto, que se viu enormemente reducido e sometido a causa das guerras xenocidas, das enfermidades introducidas, da servidume forzosa, do confinamento obrigatorio, da discriminación racial e social e da forzada integración aculturalizadora na sociedade dominante. Mais numerosas etnias prehispánicas viviron durante milenios no territorio americano de Chile, algunhas delas incorporadas ao Imperio Inca no século XV, e outras moraron durante séculos en Viaxe ao Chile máis indíxena Rapanui, a illa dos míticos e enigmáticos moais, denominada polos españois Isla de Pascua.

No momento da miña chegada a Chile recoñecíase, aproximadamente, a importante existencia de máis dun millón e medio de persoas mapuches, así como a moi significativa de máis de cen mil aymaras e duns sete mil rapanuis (o que supón un tercio dos habitantes da Isla de Pascua). Outras etnias notorias serían a diaguita e a quechua e, en menor medida porcentual, subsistirían os pobos atacameño, kolla, chango, kawésqar, selk'nam e yagán ou yámana. Non obstante, a poboación chilena é maoritariamente mestiza destas etnias coa dos conquistadores españois.

A lenta pero progresiva conquista de dereitos básicos dos pobos indíxenas ao longo do século XX foi interrompida coa chegada ao poder da asasina ditadura militar do Xeneral Pinochet, mais afortunadamente retomouse tras a restauración da democracia. Polo camiño, moitas etnias viron extinguirse as súas linguas, pois só se manteñen vivas, malia que minorizadas, cinco amerindias (o mapudungun dos mapuches, o aimara de aymaras e quechuas, o quechua sureño, o kawésqar e o yagán) e unha polinesia (o rapanui, da que só quedan uns dous mil falantes na Isla de Pascua e uns cinco centos na emigración).

O arrepiante etnicidio provocado pola conquista española tivo a súa epopea con La Araucana, de Alonso de Ercilla, poema épico do século XVI que presentou con certa ecuanimidade a longa e dura Guerra de Arauco, que durou oitenta anos e que enfrontou aos conquistadores españois cos resistentes mapuches, chamados araucanos por aqueles. O seu éxito e prestixio provocou numerosas reedicións, continuacións e edicións críticas, como as do meu amigo arxentino Isaías Lerner, director do departamento do que formei parte durante os anos noventa na City University of New York, que foi quen me introduciu nesta obra e, en consecuencia, na historia dos mapuches.

En efecto, en La Araucana aparecen os máis célebres caudillos mapuches, como o mítico toki ou xefe militar Lautaro, que fora paxe do conquistador Valdivia, pero contra o que acabou rebelándose ata derrotalo e asasinalo, aínda que finalmente el tamén foi abatido e desmembrado, exhibíndose logo a súa cabeza na Praza de Armas de Santiago de Chile. Posteriormente, Lautaro simbolizou a heroica resistencia anticolonial contra os españois para os libertadores e foi exaltado por Pablo Neruda no seu Canto general, ademais de novelado por Fernando Alegría e por Isabel Allende. Outro guerreiro mapuche consagrado en La Araucana foi o tamén mítico e forzudo Caupolicán, a quen Rubén Darío dedicaría un famoso poema homónimo e quen como Lautaro, xunto ao cal loitou contra os españois, foi moi exaltado nas artes e nas letras chilenas. Tras ser capturado, a súa terrible morte por brutal empalamento aínda pon de manifesto a barbarie reinante durante a conquista. O prestixioso lonko ou xefe mapuche Kolo Kolo (gato montés en mapudungun), colaborador de Lautaro que propuxo como toki ou estratega militar a Caupolicán, deu nome ao destacado club deportivo Colo-Colo de Santiago de Chile, dedicado ao fútbol profesional.

Acaso o principal poeta mapuche e o primeiro desta etnia que eu lin en versión castelá, Elicura Chihuailaf, traduciu en parte La Araucana ao mapudungun. Mais o propio Elicura Chihuailaf e outros poetas mapuches están traducidos ao galego a partir do castelán na antoloxía Lúa de xemas frías (2009), introducida e realizada polo poeta galaico Xulio López Valcárcel tras a súa visita a Chile. Inversamente, durante a miña estadía chilena, foi adaptado ao mapudungun o meu poema "A cabeleira (Fragmentos)", traducido xa a máis de oitenta idiomas, por parte da poeta mapuche María Huenuñir Antihuala, con quen me puxo en contacto a xestora cultural chilena Irma Palomo, coordinadora da plataforma Retrato Indígena, centrada na promoción das literaturas indíxenas de Chile.

Debido ao meu interese polo idioma dos mapuches, a lingüista Adina Ioana Vladu agasalloume cun dicionario con guía gramatical mapudungun-castelán e viceversa, adquirido na suxestiva librería santiaguina da Universidad de Chile. Nel encantoume encontrar o significado de varios topónimos mapuches que me son familiares por distintos motivos, como Aconcagua (lugar de gavelas), Arauco (auga arxilosa), Bariloche (antropófago), Bio-Bio (paxariño), Curicó (auga negra), Chiloé (illa das gaivotas), Talca (trono ou estrondo) ou Temuco (auga das arbores mirtáceas temus ou temos). Así mesmo, a conífera araucaria, árbore típica da rexión da Araucanía cuxa capital é Temuco, dise pewen.

A versión mapudungun do meu poema sucede á xa realizada a outra lingua integrada e desintegrada en Chile, o rapanui, cuxa presenza no meu libro A cabeleira (Poema en 70 idiomas) e na web conseguinte (na que xa se computan máis de 80 versións, incluíndo o seu parente maorí de Nova Zelandia), presentei así: «Pasando xa de Asia a Oceanía, a mestra Blanca Tuki Tepano elaborou a versión rapanui "He rau oho (Parehe)" na súa Illa de Pascua, pertencente a Chile, mais ubicada en Polinesia e dotada dun idioma emparentado cos tamén oceánicos samoano, tongano, tahitiano, maorí e hawaiano. Encantoume falar con esta nativa tradutora por teléfono tras entrar en contacto con ela a través da antropóloga chilena Camila Alejandra Zurob Dreckmann, especialista no pobo e na cultura de Rapa Nui, quen me felicitou sobre todo pola perspectiva multilingüe que "resuena especialmente cuando una tiene orígenes tan diversos como lejanos." Por tratarse dunha lingua en perigo de extinción, síntome moi honrado de estar traducido a un idioma con non máis de dous mil falantes e alégrame ter contribuído, aínda que fose moi minimamente, a acrecentar o seu acervo poético, así como me ilusiona que poida escoitarse na web a lectura realizada pola súa tradutora en Rapa Nui, a illa cantada polo poeta chileno Pablo Neruda e cuxo nome primitivo significaba nada menos que O Embigo da Terra».
Rodríguez Fer, Claudio
Rodríguez Fer, Claudio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES