Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Construción efémera

Gregorio Montes, Antonio - martes, 15 de julio de 2025
Hai xa tempo abondo souben dos estudos de construción efémera, avalados daquela por un ciclo de FP (hoxe non sei se segue ou non dito ciclo). O ciclo non se refería tanto a casas como a expositores en feiras e cousas semellantes, aínda que a diversidade de aproveitamento das ensinanzas impartidas era ampla.

Lembreime do tema onte mesmo, ó pasar á beira dun prado ben coidado e valado con rede metálica. É dicir, dous ou tres metros por diante dunha construción efémera á que lle saquei unha foto. Unha casa de cartón feita para nenos, de cousa de metro e medio de alto máximo e case dous e medio de lado con esquinas a escuadra e tellado a dúas augas de altura mínima superior a un metro. Ten porta do mesmo material, ventás resultantes de facer varios furados a modo de vidros nunha estrutura de madeira, ancorado ó chan mediante un borde a modo de beirarúa pisado con pedras e madeira (esta, na porta, axudando ó cerre). Postos a completar o cadro, ten mesmo carteis para venda de artigos varios. En relación a isto último, diríase que só o primeiro dos produtos ofertados pode estar en venta efectiva e inmediata cando os pequenos se atopen por alí: pulseiras de manufactura caseira colgadas baixo o cartel anunciador da venda a 1 euro a unidade. Claro que, como non me coincidiu, non podo dicir con certeza que por exemplo, as anunciadas galletas, non se vendan tamén. Construción efémera

Polo máis, o cartón de construción é de varias capas, co que podería aguantar un certo tempo aínda con pequenas chuvias, aínda se non se cobre cun plástico (aconsellable nun clima como o de Ribadeo). O evidente reciclado da cartonaxe está moi ben resolto, ao menos en aparencia e estética. A solidez da construción tamén parece pasar a proba se non se é moi esixente: a falta de ver o interior, no que non causaría estrañeza ver tamén algunha cadeira e mesa de cartón, diríase que o ensamblaxe da estrutura tamén ten boa pinta. Dende fóra, tamén se descoñece se a estancia ten ou non chan propio... Pode que, a pesar das suxeicións, o ancorado a terra sexa o punto máis endeble do edificio nun tempo no que estamos a lidar con ventos curiosos.

Quen o fixo diríase que é un armadanzas traballador que tenta transmitirlle inquietudes á súa prole dun xeito intelixente. Facer algo deste estilo, unha casa nunha árbore ou semellante, non son cousas que se esquezan nin que non teñan pegada na formación dos pequenos.

A estrutura é efémera, si, pero ó tempo amosa unha vitalidade contaxiosa e arrinca un sorriso, sen deixar de dar exemplo e lembrar aquilo de 'a imaxinación ó poder!' que en tempos da IA imos esquecendo sen asumilo, porque mesmo esquecemos de que esquecemos.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES