Os Espellos
Algúns espellos deberían rachar para que non reflictan a bondade dos oprimidos. Estes aprovéitanse da inocencia e do medo. Ante isto, ten que haber heroes para poñer a cada un no seu sitio, é dicir, coller un fouciño e segar cabezas polo camiño.
Todas as leiras galegas deberían rexistrarse nos espellos da xente dos pobos: a alma e a lingua. Levo uns días cos topónimos de airas, leiras, montes, fontes, muíños e lugares de Baños de Molgas, e confeso que é unha gozada. Polo galano dos nomes.

Pola riqueza das palabras. Polos recordos do pasado. Pola memoria do presente. E pola eternidade do futuro. Hoxe en día xa haberá xeracións molguesas que descoñecen o nome de certos sitios; cando non cometen o erro de cambiarllos incluso, como é o caso da Aira de Arriba polo da Placita.
No espello de Haruki Murakami a soidade é o ácido que corroe ás persoas. A soidade... talvez a peste do século XXI. Por moito que vivamos en comunidade. Por moitos aparellos que teñamos para o entretemento. Xogamos en soidade. Chateamos en soidade. Pasamos o tempo en soidade. Fálase da soidade da xente maior, da terceira idade... xa hai soidade desde a catividade. É certo que a soidade é ese bicho que sementa corrosión.
Algúns espellos deberían rachar para que non reflictan a ansia dos desexos, os soños da fantasía e os latexos dun tempo que foi. Porque, ó final, os soños quedan en soños, os desexos a velas vir e os latexos oprimindo cada vez máis o peito. Os espellos, ás veces, desfiguran as ilusións, as quimeras.