O meu interese polo estreito e lonxitudinal Chile remóntase á infancia, cando souben que era o estado máis longo do mundo e cando lía frecuentes referencias á súa variada natureza e á súa insólita xeografía nas novelas de Jules Verne. De feito, a novela utópica verneana Les Naufragés du "Jonathan" foi iniciada co título de En Magellanie, e está ambientada en territorios chilenos de Tierra del Fuego e da illa e o cabo de Hornos, mentres que a titulada Le Phare du bout du monde sucede na deshabitada Isla de los Estados, pertencente á zona arxentina de Tierra del Fuego, onde se confunden os océanos Atlántico e Pacífico.
A fascinación exercida por Tierra del Fuego e outras paraxes chilenas próximas ao Estrecho de Magallanes acrecentouse cando lin na xuventude sobre as viaxes do naturalista inglés Charles Darwin por Chile, a onde arribou a bordo do barco Beagle, no que amizou cos indíxenas fueguinos que viaxaban nel tras ser raptados, cristianizados e reeducados en Inglaterra. Mais irriteime en extremo cando souben do bestial xenocidio do pobo fueguino selknam perpetrado por ávidos comerciantes sen escrúpulos entre os séculos XIX e XX, que aparece reflectido en películas como Tierra del Fuego, de Miguel Littin, quen por certo contou con participación actoral e musical galega, e en numerosas novelas.
Ademais, as numerosas especies de pingüíns que habitan na costa chilena (o pingüín de Humboldt e o pingüín de Magallanes, que ademais se xuntan en Chiloé; o gran pingüín rei de Tierra del Fuego e o aínda maior pingüín emperador da Antártida) fascináronme ata o punto de ter a espectacular e relaxante fotografía dunha das súas colonias sobre un iceberg antártico exposta permanentemente na miña casa. En consecuencia, cando fun a Chile, adquirín figuras artesanais de pingüíns como recordo, tanto en xeitosa madeira policromada como no azul lapislázuli típico do país, combinado este con cuarzo branco para o abdome e con bronce dourado para o pico de ditos animais. Mais tamén trouxen como talismán unha pedra pulida de lapislázuli, xema abondosa en Chile cuxo intenso azul ultramar sempre me encantou, e procurei máis pezas artesanais traballadas nesta rocha de lazurita para entregalas como agasallos.

Outra fascinación temperá foi a exercida polos camélidos que se estenderon por Sudamérica dende os Andes ata Tierra del Fuego, carentes das xibas dos camelos e dos dromedarios asiáticos e africanos. En Chile existen dous xéneros: Vicugna, composto polas especies vicuña, que vive salvaxe (a de maior finura e suavidade), e alpaca, criada domesticada (a de maior calidade e cantidade de la), e Lama, formado polas especies guanaco, que se encontra en estado salvaxe, e llama, que se cría en rabaños domésticos e que tradicionalmente se usou para a carga. Alí puiden comprobar a infinidade de figuras e imaxes de artesanía e de todo tipo que representan a estes laúdos animais, multiplicadas en centos de establecementos turísticos e mercados ao aire libre. Ademais, os abrigosos tecidos fabricados con tan abondosa pelaxe son habituais en toda clase de cobertores, dende típicos ponchos a vistosas colchas, pasando por luvas, bufandas e demais complementos.
A variada gastronomía chilena, fusión da indíxena coas europeas, parte dunha excelente materia prima, pois Chile conta con moi abundantes produtos da terra e do mar. Eu consumín máis ben carnes, verduras, froitas, cereais, lácteos e ovos de calidade, así como descubrín como delicioso pan as circulares sopaipillas de cabaza (alí chamada zapallo) e fariña de trigo fritida en aceite. En Santiago de Chile gustei do moi profesional trato e gastronomía dos restaurantes Liguria, na Calle Lastarria, e Los Buenos Muchachos, no Patio Bellavista, mentres que no Maule adorei o local do popular e familiar mesón Las Viejas Cochinas, nas aforas de Talca, de tan insólito nome como variado público, que estivo amenizado con cumbias cantadas en directo.
Mención aparte merecen os excelentes e abundantes viños chilenos, de prestixio mundial, que eu descubrín morando en Nova York e en París, pois en Estados Unidos e Francia se consumen moito. A importación de cepas francesas de Burdeos xa no século XIX motivou que unha delas, a perdida e recuperada carmenère, extinta en Francia, se conservara en Chile dando excelentes viños, como tiven ocasión de comprobar. Mais son moitas as uvas francesas explotadas nos viñedos chilenos, como me demostraron os tintos merlot ou malbec, e tamén moitos brancos que non cheguei a probar. Non obstante, a miña preferencia seguiu sendo, como antes de viaxar a Chile, a tamén bordelesa uva cabernet sauvignon, cepa moi estendida polo mundo que pode ser tinta ou branca e que se dá con distintas características en diversas zonas vinícolas do país (Aconcagua, Maipo, Colchagua, Curicó). Probei tamén o delicioso pisco chileno, augardente de uva que conta coa denominación de orixe máis antiga de Sudamérica, malia ter nome e antecedencia peruana.
Agora ben, no lugar de Chile onde comín e bebín de maneira máis natural e sa foi sen dúbida na facenda familiar dos meus amigos psicoterapeutas Luis Cruz-Villalobos e Soledad Villalobos Rodríguez, constituída nunha especie de comuna familiar nun lugar chamado Potrero Grande, pertencente ao concello de Curicó, na rexión do Maule, onde humanos, animais e vexetais parecen convivir en harmonía nun plácido locus amoenus. Tan acolledor espazo, dotado de aira, horto e xardín e organizado en torno a unha vidrada "casazul" (deliberadamente pintada dun azul tan intenso como a casa-museo da artista mexicana Frida Khalo en Coyoacán), está franqueado por outras vivendas e dependencias de madeira tamén chas de distintas cores. Alí souben do anarquismo antisistema dos fillos da parella amiga, de vidas xa independentes, e da cordialidade agarimosa dos pais do meu editor, que por certo tanto me recordou a dos meus.
Co pai, de orixe chinesa, falei sobre taoísmo, e coa nai, da plenitude da vida. Por certo, contáronme que o apelido Cruz herdado do pai provén de que, cando o seu avó chinés arribou a Chile e asinou cun ideograma no que aparece un signo crucial, foi rexistrado como Cruz polo funcionario que non sabía transliterar tal nome. Polo demais, os utensilios de madeira e de cerámica creados polo fillo maior, compostor tamén de delicados instrumentos musicais, compaxinan moi ben coa autoxestión agropecuaria da granxa, na que, malia o constante traballo que ocasiona, parece vivirse nun permanente estado de beatus ille espontaneamente hippy e próximo á autosuficiente familia extensa, en boa medida animalista e vexetariana, fundada na súa finca Yásnaia Poliana polo alternativo libertario ruso Tólstoi.
Neste antigo Potrero Grande, nome que se daba aos terreos cercados con pastos destinados ao gando cabalar, encantoume coñecer á ovella Juanita, ecolóxica cortadora da herba da finca; aos lúdicos cans Bellota e Antu, nome que significa Sol en mapudungun; á gata Pangui, nome que significa puma ou leoa na devandita lingua dos mapuches, e ata ao galo e ás galiñas provedoras de ovos, pois todos foron "harto regalones", como din en Chile para describir os seres moi agarimosos. Igualmente, gocei moito vendo espectaculares "potreros" con cabalos e eguas pastando mentres viaxabamos polo Maule.
Luis Cruz-Villalobos, ademais de prolífico e profundo poeta, de editor internacional e de autodidacta guitarrista e cantautor afeccionado, exerce a docencia na Escuela de Psicoloxía da Universidad de Talca, en cuxo Campus Lircai tivo lugar a presentación do seu poemario Storni & Pizarnik y otros poemas, que eu mesmo recensionei na revista dixital chilena Cine y Literatura, e do meu ensaio Dostoievski y Tolstói: Paz contra Poder, en ambos casos seguida dun interesante coloquio co estudantado universitario. Luis Cruz-Villalobos titulou o seu interesante relatorio "Storni y Pizarnik: Depresión, Poesía y Suicidio", en coherencia coa súa dobre especialidade en afrontamento postraumático e hermenéutica poética.
A miña intervención, titulada polo editor organizador "Dostoievski y Tolstói: Justicia, Paz y Anarquía", partiu da literatura como forma de coñecemento equiparable ao das ciencias e ao das humanidades practicada polos ditos colosos rusos da cultura universal que se rebelaron contra o poder en nome da dignidade. Logo tratei de poñer de manifesto, dende unha tripla perspectiva ética, filosófica e política, a constante tensión entre o poder que oprime e a paz que libera tendo como fins e como medios a xustiza, a liberdade e o amor, únicas fontes da felicidade vital individual e colectiva.
Preguntado no coloquio por un estudante e por unha profesora sobre quen seguiu os pasos de Dostoievski e Tolstói, respondín que Camus, o autor de L'homme révolté, que explicitamente se recoñeceu, coma min mesmo, fillo espiritual deles. Mais tamén comentei que precisamente se sentiron igual os dous Premios Nobel chilenos, Gabriela Mistral e Pablo Neruda, pois este conta nas súas memorias que ela consideraba as novelas rusas daqueles autores "como lo más extraordinario de la literatura mundial" e que de feito foi dita escritora quen llas descubriu ao entón poeta mozo, para quen sempre ficaron na súa "más profunda predilección".
Posteriormente, os citados Luis e Soledad, a investigadora Adina Ioana Vladu e mais eu percorremos conversando o Jardín Botánico e o Parque das Esculturas do Campus de Talca, onde se encontra un Museo Nacional de la Escultura no que se exhibe unha exposición permanente de Lily Garafulic, pioneira da escultura abstracta en Chile, cuxa excelente obra lembrou con razón á romanesa Adina ao mestre da abstracción escultórica mundial, así mesmo romanés, Constantin Brancusi.
Chama a atención en Talca o repetido dito "Talca, París & Londres", que mesmo dá nome a unha empresa de autobuses e que admite variadas interpretacións, unhas alusivas ao moderno desenvolvemento da cidade en orgullosa analoxía con ditas urbes europeas e outras á notoria influencia inglesa e francesa na súa sociedade durante o século XIX. Non obstante, tamén hai explicacións anecdóticas, como a que o atribúe á mala pronunciación dun estranxeiro cando ao ver a cidade cuberta da súa néboa habitual sentenciou: -Talca parisi Londres.
Moito gozamos pois do respectuoso civismo, da exquisita educación e da xenerosa hospitalidade da xente coas persoas foráneas en Chile, o que nos facilitou realizar a máis humana das satisfaccións individuais e colectivas: compartirnos compartíndonos.