Súbdito e colonizado
Gregorio Montes, Antonio - jueves, 10 de julio de 2025
Súbdito. Persoa que está baixo o poder e autoridade dun rei. Colonizar. Converter [un país] en colonia, impoñéndolle, ademais do dominio político e económico, unha cultura que lle é allea. Estimo que as definicións que RAG nos subministra no seu dicionario poden mellorarse, pero son as oficiais, e coido que chegan ao menos para o caso no que estamos.
En ambas palabras, son as segundas acepcións que aparecen citadas, non as primeiras. No caso de súbdito, a primeira refírese a paisano, á pertenza a un país. É dicir, a unha idea que xa prexulga un tipo de sociedade, o mesmo que na súa segunda opción, aínda que sexa de xeito menos personalista. No caso de colonizar, a primeira acepción indica que o territorio a colonizar en xeral está despoboado, o que ao menos nos primeiros casos que se me ocorren, as colonizacións americanas, ou africanas, non é certo.
Ambas as dúas verbas viñéronme á cabeza os últimos días tras o non enfrontamento da UE con Trump (non exactamente cos EUA) polo 5% de gasto militar, a clama procurada dende esta beira no tema da taxas impostas dende a outra beira do mar, os repetidos meter a cabeza baixo terra pero non en territorio palestino, etc. O comportamento de Europa é o dunha entidade súbdita (e por extensión, dos europeos en conxunto, esteamos ou non a favor, como súbditos) e colonizada "impoñéndolle, ademais do dominio político e económico, unha cultura que lle é allea", algo que temos claro dende que tomamos conciencia de que na vida real, e en relación ós EUA, nós eramos algo así como os indios das películas de vaqueiros. Claro que, volvendo outra vez á definición, dicir cultura ó destrozo da cultura é moito dicir.
Mais mira por onde, un gobernante en horas baixas -Pedro Sánchez- sae fortalecido dun cumio por dicir 'non', aínda que fose en voz baixa, ó aumento do gasto militar a un 5% do produto interior bruto en España. É dicir, por dicir non a adicar a preparar a guerra máis do que lle adican os EUA que esixían chegar a ese límite ós máis. No medio dunha baixada de pantalóns (ou de bragas), un sinxelo xesto de medio desafío deu ás ó político para volver á casa en mellores condicións das que saíu. Digamos, visto doutro xeito, só por non manifestarse como totalmente súbdito dun rei autonomeado e non ter que comunicar ó seu pobo (e ós seus aliados políticos) que ía mercar máis armas ós EUA, que, ó fin, é do que se trata ese aumento de gasto militar. Por dicir, aínda que sexa con boca pequena, sexa ou non certo, 'non somos unha colonia'.

Gregorio Montes, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora