Para alén de Moby Dick.
Poucos animais resultan tan fascinantes como eses grandes seres mariños que son as baleas. Inmensos, vagarosos e silandeiros sucan as augas dos océanos máis arredados e ao cruzarse coas tripulacións de mariñeiros deixan sempre no ar un aquel de abraio ante a súa presenza impoñente.

Dende hai uns meses reabriuse unha polémica que ten os cetáceos como indefensos protagonistas: malia a presión internacional a prol do cesamento da caza de baleas, Islandia, Xapón e Noruega persisten en localizar e arponear estes animais ameazando gravemente a biodiversidade oceánica e contribuíndo á estarrecedora cifra de case tres millóns de baleas desaparecidas no último século.
E acontece que as baleas están, dende ben antigo, no noso imaxinario cultural e antropolóxico e, consecuentemente, nalgunha das máis belidas historias mareiras que se teñan contado. Velaí a historia bíblica de Xonás, o profeta que acaba no ventre dunha balea que o salva da morte segura, pois o cetáceo trágao cando o predicador estaba afundíndose nos abismos mariños.
Tamén Aristóteles se ocupou das baleas e na súa Historia dos animais elabora a primeira distinción zoolóxica entre baleas dentadas e de barbas, unha taxonomía que aínda hoxe se utiliza. Paralelamente, na mitoloxía grega tamén cobrou gran relevo a figura de Cetus, un monstro mariño que aparece nas aventuras de Perseo e Heracles representando as forzas incontrolables dos océanos. Cetus está na base da visión destas descomunais criaturas como temibles seres do mar.
Mais non só na cultura occidental, senón noutras ben arredadas as baleas tiveron e teñen papel significado. Na mitoloxía inuit, por exemplo, as baleas formáronse dos dedos cortados da deusa Sedna, mentres que a mitoloxía chinesa antiga describe un peixe con mans e pés de home que goberna o mar. Na mitoloxía xaponesa, a balea considérase un símbolo de boa sorte e prosperidade, con lendas que afirman que, cando unha balea xorde do mar, trae felicidade e conclusión favorable dos asuntos. A mitoloxía mapuche conta cos Trempulcahue, catro mulleres anciás transformadas en baleas sobrenaturais que levan as almas dos mortos ata o Ngill chenmaywe cada solpor. Todas estas representacións demostran como as baleas transcenderon fronteiras xeográficas para converterse en símbolos universais do poder oceánico e o misterio primordial.
«Moby Dick»
A visión occidental destes grandes cetáceos como témeros e impredicibles monstros continuou ata o século XIX, cando se publicou a máis célebre das novelas que os trata de xeito protagónico: Moby Dick, sen dúbida a obra literaria máis influente centrada nunha balea. Publicada en 1851 por Herman Melville, esta novela épica transformou definitivamente a percepción literaria dos cetáceos. A obra, relatada por voz do mariñeiro Ishmael, conta a procura obsesiva da gran balea branca Moby Dick por parte do afouto capitán Ahab, quen perdeu nun encontro co cachalote branco xigante unha perna, razón pola que xura vingarse.
Melville baseou a súa obra en experiencias reais como mariñeiro común entre 1841 e 1844 (incluíndo o traballo en baleeiros), ademais de en lecturas extensas sobre literatura cetácea. A balea branca literaria inspirouse no cachalote albino Mocha Dick e o final do libro literaturizou o afundimento do baleeiro Essex en 1820. William Faulkner chegou a confesar que lle tería gustado escribir a el o libro e D.H. Lawrence asegurou que era «unha das obras máis estrañas e marabillosas do mundo» e, con certeza, «o maior libro do mar xamais escrito».
Dende aquela ata hoxe a literatura cetácea tense renovado e, afastándose da visión témera destes grandes cachalotes, adoptou enfoques máis evocadores e ecolóxicos. Alén do célebre poema do amentado D. H. Lawrence «As baleas non choran!» (que as presenta como míticos «arcanxos ardentes baixo o mar» e mesmo fala da concepción e maternidade destes animais), nos últimos anos esta perspectiva humanizada e mesmo ecolóxica continuárona libros como, por exemplo, O xinete da balea (1987) de Witi Ihimaera, revisión maorí do mito de Paikea onde o protagonista fala coas baleas que o conectan co mundo da transcendencia, constituíndo unha representación dunha cultura indíxena que mantén unha relación máis holística e espiritual coas baleas en comparación coas tradicións occidentais.
Ou tamén, xa no eido da ficción científica, obras como Marea estelar (1983) de David Brin, onde as crías de balea guían naves espaciais, ou Cachalote de Alan Dean Foster (1980), que fai os cetáceos protagonistas dun relato tamén futurista apelando á intelixencia destes curiosos mamíferos, como xa fixera Arthur C. Clarke co seu pastoreo galáctico de baleas en No profundo (1957).