Con motivo de viaxar a Chile o mes de xuño deste ano 2025 para ofrecer un recital poético e presentar un libro que me editaron alí, tiven ocasión de visitar cidades e paraxes que sempre quixen coñecer, como Santiago de Chile, Valparaiso ou Isla Negra, pero tamén outras ás que aínda non sabía que quería ir, como Talca, Curicó ou Potrero Grande. Ademais, o meu periplo foi unha inmersión no Chile máis chileno da natureza, da historia, da literatura, das artes e da memoria, do que irei dando conta en sucesivos artigos, pero tamén no Chile máis galego, do que precisamente vou falar a continuación.

Débese esta conexión galaico-chilena ao organizador e presentador do meu recital "Poesía y libertad" en Santiago de Chile, o prolífico e polifacético escritor Edmundo Moure Rojas, fillo dun emigrante galego natural de Carballedo (Lugo) e principal promotor e estudoso da galeguidade en Chile. En efecto, del derivan a maior parte das iniciativas de promoción da cultura e da lingua galegas en Santiago de Chile e tamén das obras referidas á presenza galega en terras chilenas, presenza que el mesmo encarna de xeito fundamental, pois tras ter sido creador do Centro de Estudios Gallegos na Universidad de Santiago de Chile, representa actualmente ao Centro Nueva Galicia.
Por exemplo, no seu documentado libro Memorial del Último Reino (2001), contou Moure que o primeiro galego do que se saiba que pisou terra chilena foi o militar lugués Rodrigo de Quiroga y López de Ulloa (nado en Tuiriz, Pantón), quen no século XVI participou con Pedro de Valdivia na conquista de Chile e na fundación da súa capital co nome de Santiago del Nuevo Extremo, onde ocupou os máis importantes cargos políticos. Ademais, casou coa amante de Valdivia cando dito conquistador, por estar desposado con outra muller en España, se viu xudicialmente forzado a deixala. Tratábase da intrépida e mítica Inés de Suárez, primeira española que chegou a Chile e quen inspirou diversas obras literarias (como a novela Inés del alma mía da novelista chilena Isabel Allende, que ademais foi convertida en serie televisiva), teatrais, operísticas e cinematográficas (como a película seudohistórica chilena La araucana, na que é interpretada pola actriz italiana Elsa Martinelli).
Moure dedicou a primeira parte do seu Memorial del Último Reino a relatar tal peripecia co significativo título de "Un Gallego en el Fin del Mundo", mentres que titulou a segunda parte "Compilación Memoriosa de Pedro Mariño de Lobera", pois en efecto esta se basea na crónica sobre a conquista de Chile escrita por outro galego contemporáneo dos feitos referidos, o mencionado pontevedrés Pedro Mariño. Rodrigo de Quiroga e Inés de Suárez, que faleceron no mesmo ano, foron enterrados na Basílica de la Merced de Santiago de Chile, a onde me conduciu o incansable Moure, que coñece e camiña decotío todos os recantos da cidade, mentres me contaba vivamente as súas historias.
Por certo, premonitoriamente, a primeira escena histórica que me encontrei ao instalarme no Hotel Cumbres de Lastarria de Santiago de Chile foi a reprodución do óleo de asunto colonial "La fundación de Santiago por Pedro de Valdivia", do pintor decimonónico Pedro Lira, ocupando toda a parede frontal do cuarto no que fun aloxado. Xunto aos conquistadores españois que aparecen como protagonistas centrais, en tal cadro comparece sometido o expropiado cacique ou curaca indíxena Huelén Huala e, camuflada con hábito dominico, a daquela amante de Valdivia Inés de Suárez, futura esposa de Rodrigo de Quiroga.
O propio Moure é autor tamén do ensaio Galicia y Chiloé. Confines mágicos (1997), dedicado a salientar as analoxías paisaxísticas e culturais existentes entre a Galicia

máxica e o boscoso arquipélago chileno de Chiloé, que non casualmente foi denominado Nueva Galicia cando o conquistou Martín Ruiz de Gamboa, sendo gobernador de Chile o seu sogro Rodrigo de Quiroga. Ademais, dito xenro do conquistador galego fundou a capital de Chiloé co tamén significativo e galaico nome de Santiago de Castro. Por certo, os naturalistas Darwin e Vavílov pensaron moito despois que o cultivo da pataca era orixinario desta pintoresca terra de palafitos sobre a auga e, de feito, dos seus centos de variedades orixinarias do tubérculo proceden a maior parte das patacas cultivadas no mundo.
E outra analoxía galego-chilena que atraeu a Moure foi a relación literaria entre as dúas poetas canónicas dos seus respectivos países, Rosalía de Castro e Gabriela Mistral, tema ao que dedicou varios escritos, como tamén dedicou outros por separado a cada unha delas. No poema "Las mismas" encontrou a confirmación explícita de que Gabriela Mistral coñecía e valoraba a Rosalía, a quen aquela menciona xunto á montevideana Delmira Agustini con entrañable sororidade, igual que tantas outras escritoras sudamericanas, como as arxentinas Alfonsina Storni e Victoria Ocampo ou a uruguaia Juana de Ibarbourou, esta filla de galego de Vilanova de Lourenzá, vila luguesa cuxa biblioteca municipal leva o seu nome.
Mais Moure, quen tamén exerce de editor, publicou moitas e moi variadas obras poéticas, narrativas, ensaísticas e antolóxicas ao longo do seu vizoso percorrido literario e mesmo prologou a reedición das crónicas chilenas de Eduardo Blanco-Amor en 2003, mantendo o seu título de Chile a la vista, e compilou as de Ramón Suárez Picallo en 2008 nun volume titulado La feria del mundo. Con estes dous mestres galegos da crónica periodística na emigración e no exilio garda Moure notorias afinidades, como pode comprobarse no seu monumental volume de contido vital e cultural Memorias transeúntes (2017), no que tanto conta de si e do mundo, ou na obra histórica testemuñal La casa escrita (2024), que xira en torno á creación e desenvolvemento da Sociedad de Escritores de Chile, da que foi presidente, e da súa sede actual, coñecida como Casa del Escritor, na que precisamente tiven a honra de recitar presentado por el mesmo.
A Sociedad de Escritores de Chile foi fundada en 1931, pero non tivo sede propia ata que, en 1962, se estableceu nun agradable inmoble dos anos vinte de valor histórico e arquitectónico, que combina os estilos art déco e art nouveau con gárgolas zoomórficas e coloridas vidrieiras, coñecido dende entón como Casa del Escritor. Pablo Neruda, antigo presidente da SECH, conseguiu que a Embaixada de México financiase unha taberna que servise como espazo de encontro e faladoiro, polo que se bautizou como Refugio López Velarde en homenaxe a dito poeta mexicano. Neste acolledor refuxio chileno dotado de elementos mexicanos fomos moi agarimosamente acollidos pola comunidade literaria santiaguina a poeta romanesa Adina Ioana Vladu e mais eu, nun principio baixo homenaxes poético-pictóricos ao poeta Vicente Huidobro e á novelista Maria Luisa Bombal respectivamente.
O meu recital poético bilingüe tivo lugar na Sala Gabriela Mistral, presidida por un retrato fotográfico da gran poeta chilena, case fronte ao cal se encontra outro retrato ao óleo do outro gran poeta chileno Pablo Neruda. Tras a xenerosa presentación de Moure, recitei como prefacio o poema "A cabeleira", traducido xa a máis de oitenta idiomas contando co mapudungun dos mapuches chilenos, acaso en concordia co versículo "Síntome da estirpe daqueles pobos nómades que nunca se constituíron en estado". Despois, seguindo os dous eixes do título da miña poesía reunida, Amores e clamores, lin uns versos de temática erótica, en sintonía coas paixóns da miña vida, e outros de temática histórica, neste caso en fraternidade co memorialismo antifascista compartido por Chile e Galicia, para terminar cun manifesto ecopoético de carácter universalista e libertario en harmonía co tradicional animismo ecolóxico mapuche. O cordialísimo público asistente aplaudiu cada un dos poemas e logo protagonizou un interesante coloquio, non exento de sincera solidariedade manifestada en público e logo de cálidas emocións compartidas en privado.
Mais tampouco esquecín ler alí o poema "Nostalxia de nós", inspirado polo falecemento de José Ángel Valente, dado que este gran poeta galego amigo, sobre cuxa obra escribín tanto, ten catro irmáns e numerosos sobriños en Chile, onde ademais está enterrada a súa nai. De feito, eu coñecín á súa sobriña Paulina Valente Uribe, escritora que tamén é sobriña do poeta chileno Armando Uribe Arce, cando visitou a Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética que dirixo na Universidade de Santiago de Compostela. Por iso aludín a ela, que escribiu un libro de recordos sobre a propia familia Valente, e a outras conexións chilenas do poeta ourensán, pois no seu arquivo persoal, que custodio no citado organismo, se encontra copia dunha carta súa ao poeta chileno Nicanor Parra e orixinais doutras enviadas a el polos tamén poetas chilenos Gonzalo Rojas e Armando Uribe Arce. Tamén en Santiago de Chile se mantén dende hai décadas a imprenta chamada Valente Impresores, fundada e dirixida por Marcial Valente Docasar, irmán menor do poeta e pai da súa sobriña Paulina, a cuxo local da Calle Lira, coñecida como a rúa santiaguesa das motos, tiven o gusto de achegarme.
Inaugurou a sesión do recital a acolledora poeta Isabel Gómez, presidenta da actualmente denominada Sociedad de Escritoras e Escritores de Chile, quen, tras a lectura do meu poema "Memorial dos foxos de Lugo (con Lorca ao lonxe)", interveu para interesarse con intención reivindicativa polo paradoiro do corpo do vate desaparecido tras ser asasinado polos franquistas en 1936. Non podendo ser doutro xeito, o universal Lorca, que visitou varias veces Galicia, onde fixo amizades, e que escribiu seis poemas en galego, segue interesando en todo o mundo e o seu asasinato segue conmovendo e escandalizando en Chile, como de xeito inesquecible xa cantara a cantautora chilena Violeta Parra na súa canción "Un río de sangre":
"¡Qué luto para la España,
qué vergüenza en el planeta
de haber matado a un poeta
nacido de sus entrañas!".