A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (26)
Otero Canto, Xosé - viernes, 11 de julio de 2025
Motivos sinxelos
A composición presente está formada por catro oitaviñas e seis cuartetas asonantadas formando un total de:
4 Oitaviñas x 8 versos = 32 Versos.
6 Cuartetas x 4 versos = 24 Versos.
TOTAL: 56 Versos.
Estas estrofas están distribuídas dun modo irregular ao longo da composición cun predominio das oitaviñas ao principio e das cuartetas asonantadas ao final da composición.
Todas as estrofas manteñen a mesma rima, que consiste en que os versos pares riman en asonante e quedan libres os impares.
Oitaviña: /-b-b-b-b/
Cuarteta asonantada: /-b-b/
Temos que observar que as oitaviñas, aínda que cda estrofa sexa de oito versos de arte menor, teñen a particularidade de que ao final do cuarto verso remata sempre cun punto e á parte, co cal as catro oitaviñas poderían tamén ser consideradas como oito cuartetas asonantdas, e sendo así, a composición estaría formada por 14 cuartetas asonantadas. É moi posíbel que Avelino compuxese catorce cuartetas e por motivos de espazo ou por outros motivos xuntase catro cuartetas a outras catro que tivesen o mesmo contido, orixinando sen querer ou querendo, non o podemos saber, catro oitaviñas.
CONTIDO
O contido está feito a modo de canción, chamando aos pícaros para que viñesen escoitar os recordos de Avelino en tempos pasados, acaecidos coas súas vivencias nas etapas da súa infancia e da súa volta a Galicia na súa xuventude. Esta invocación ou chamada polos meniños aparece ao principio da estrofa e resumindo o contido nas outras cun único substantivo como título no que logo desenvolve os recordos, Así aparecen: Fogar, Regalo, Pranto, Ruada, Amor, Beleza e Arela, que están todos eles denominados baixo o título xenérico de "Motivos sinxelos" e que con este poema o autor remata a segunda parte do libro "Debezos" e, intitulada esta parte como "Intimas", pertencente a unha posíbel época intimista do autor.
Iníciase o poema cunha chamada á segunda persoa que pertence á función apelativa da linguaxe, tamén denominada "de chamada" a través dun imperativo "Vinde" e despois dunha aposición "neniños" para máis tarde dicirnos que do que se trata é de escoitar unha "canzón de relembros", que non son máis que recordos que o autor non puido esquecer, aínda que xa pasase o seu tempo, pois son "cousas do tempo fuxido" que agora volve recuperar.
PRIMEIRA ESTROFA
Vinde, neniños, axina ------- 8 -
miña canzón a escoitar; ---- 8 a
unha canzón de relembros -- 8 -
que o vento vai levar. ------- 8 a
Cousas do tempo fuxido ---- 8 -
que non puiden esquencer -- 8 a
por que inda teño na alma -- 8 -
relembros a frorecer. ------- 8 a
PRIMEIRO MOTIVO SINXELO: FOGAR
A segunda oitaviña ou as dúas cuartetas asonantadas seguidas refírense aos recordos do fogar representado pola lareira e polo vento entrando pola cheminea, que na nosa Galiza son unhas chemineas moi amplas e moi distintas en cada lugar da nosa terra, tanto que, sería moi interesante facer un estudo do exterior das chemineas de Galiza e tratalas como munumentos que se deben respectar segundo sexan as da comarca, pois representan o espazo máis importante das nosas casas, que son as lareiras, onde se fai a maior parte da vida do interior das casas despois das habitacións.
Avelino recorda como entra bruando o vento pola fumeira e como unha bocallada de fume abrangue a lareira de súpeto e como acostumaba a facer de cando en vez o vento que entraba pola cheminea e saía pola cambota e a parrumeira de sarrio unha manda de fume que se establecía acadando toda a estancia onde estaba a lareira e tendo que abrir as portas para a ventilación.
Tampouco esquece Avelino a presenza da lumieira ou burato alongado por onde entra a lúa e por onde respira tamén a lareira saíndo o fume e as muxicas xa apagadas das fogueiras ou cacharelas que se poñían enriba dunha pedra máis alta onde se facía o lume cando se colgaba o pote da gramalleira e sempre debaixo da cambota.
Fogar
O vento pol-a fumeira ----- 8 -
brúa pra drent.ó fogar ----- 8 a
i-ó fume qu-é medolento -- 8 -
áníñase xunt-ô lar. -------- 8 a
Pol-o ollo da lumieira ------ 8 -
a lua veume alumar; ------ 8 a
teño muchicas acesas ---- 8 -
e vounas amortaxar. ------ 8 a
SEGUNDO MOTIVO SINXELO: REGALO
Esta estrofa conecta coa primeira xa que volve recordarnos que a canción é para os nenos aos que agasallará se o escoitan cun "anaquiño de ceo" e uns "fíos de luar", que nos trae a mente as roscas e as castañas que se vendían polas nosas feiras enarboradas e cosidas con fíos. As roscas en gambitos ou ganchos de madeira de salgueira coa que se facían os cestos e formando colares que facían as ledicias dos nenos. Eu aínda lembro cando o meu pai me traía das feiras estes garridos ou agasallos como di Avelino "prendidos en fíos de luar".
Regalo
Vinde, neniños, correde, ----- 8 -
vinde que vos hei de dar ---- 8 a
un anaquiño de ceio ------- 8 -
n-unhos fíos de luar. ------- 8 a
TERCEIRO MOTIVO SINXELO: PRANTO
As casas na nosa terra estaban feitas de xeito que os animais e as persoas vivisen en certa comunidade, achegando cada deles as bondades que puidesen favorecer ao outro, por iso os animais estaban nas cortes, que era a zona baixa da casa, cerca da lareira, o que supoñía que eles tamén recibían a calor da mesma e ao mesmo tempo os animais tamén achegaban calor á casa, de aí que enriba das cortes era onde estaban as habitacións, no piso alto, por iso Avelino sente petar a choiva por riba do tellado, chegando a inquietar a un por veces debido á fortaleza e insistencia da auga, aínda que o máis común era sentir unha choiva manseliña e acariciadora. O autor dálle calidades de persoa ao ceo que é un obxecto inanimado porque fala del dicindo que está tristeiro e que se pon a chorar, formando unha figura literaria coñecida como personificación ou propsopopea, unha metáfora ontolóxica é unha figura de estilo que lle atribúe propiedades propias dos humanos a animais ou obxectos, como é o caso, en que o ceo está tristeiro e por iso é capaz de chorar e ese choro convértese en choiva que fai xermolar os froitos.
Pranto
No silencio vagaroso --------- 8 -
da noite pra me inquedar, ---- 8 a
enriba do meu tellado ------- 8 -
a choiva veu a petar. -------- 8 a
Cando se atopa tristeiro ----- 8 -
o ceio, ponse a chorar; ------- 8 a
d-aquela empezan na terra -- 8 -
os froitos a xermolar. --------- 8 a
CUARTO MOTIVO SINXELO: RUADA
Se coñece que o noso autor andaba de ruada cando estaba na Órrea ou en Meira porque localiza perfectamente o momento do seu comezo cando o sol se pon tras da serra, coidamos quen esa serra é a serra de Meira, o momento propicio para iniciar a saída de ruar pola noite para divertirse coas cantigas, bailes e demais . . . na procura de troula sempre entre mozos e mozas, mais aquí son as estrelas vistas tamén coa personificación de anxos ou mozos e mozas que non se queren deitar, así como a lúa personificada en muller arroutada que tamén sae de ruada, pero chea de sentimentos porque se ve tan guapa e ben feita que por moito que intenten namorala, xamais se deixará engaiolar.
Ruada
Gardouse o sol tras da serra
e salen a troulear
as estrelas, anxeliños
que non se queren deitar.
A lua, femia arroutada
que sae decote a ruar,
anque lle falen d-amores
non se deixa namorar.
QUINTO MOTIVO SINXELO: AMOR
Continúa o autor coa noite descubrindo unha imaxe interesante, "A noite ponse de xionllos"; é dicir, axeónllase e ao facelo as tebras da noite atópanse cerca dos xeonllos e pola parte superior suponse que entra o día, volvendo as prosopopeas a adquirir calidades humanas. Aparece o día e a noite, esta está agardando diante de Deus, e aquel, que como noivo vai principiando a entrada chea de luz, como día que é, e, estando namorados os dous, a noite arde en desexos de casorio nunha oposición que remata en querenza que se converte nun acorde de contrarios.
Amor
A noite ponse de xionllos
diante de Deus á agardar
a que veña o día, noivo
co que se quere casar.
SEXTO MOTIVO SINXELO: BELEZA
Avelino Díaz parece como se tivese algo que ver coa escola poética do seminario de Mondoñedo, como adoita chamarlle Félix Villares Mouteira, debido a que nesta poesía aparece o franciscanismo desas cousas pequeniñas que pasan desapercibidas, como é o caso dunha simple gotiña de orballo nunha mañá despexada na que o sol se reflicte, sendo motivo dunha gran beleza que nesa humilde gotiña de resío ou de rosada se conteña un astro de enorme tamaño, nada máis e nada menos que o do sol, nunha flor que é capaz de recoller no seu cáliz tamaña beleza manifestada por Avelino que tamén emprega a simpleza e humildade de catro versos cheos de misterio.
Beleza
Xoia que nunca soñara,
na miña man teño o sol
n-unha pinguiña d-orvallo
que recolleu esta frol.
SÉTIMO MOTIVO SINXELO: ARELA
O sétimo motivo está formado por tres estrofas de catro versos, tres cuartetas asonantadas das que dúas corresponden ás "arelas" ou desexos do poeta con que remata esta parte chamada "Íntimas" do poemario denominado "Debezos". Avelino reafírmase na querenza da súa Galiza na maior parte da súa poesía, pois os devezos de volver á súa terra mai están sempre presentes, unhas veces como devezos e outras, como é o caso, como "arelas", que son os degoiros e desexos morriñentos dunha saudade que o consome porque prostrado cos cóbados na fiestra contempla a Vía Láctea que usaban os peregrinos como guía para chegar a Santiago, tamén a usa Avelino poñéndose a voar desde os seus adentros.
Arela
De cóbados na fiestra;
en canto me poño a ollar
o camiño de Sant-iago
miña alma quer voar.
Mais non soamente é a Vía Láctea a que lle trae recordos e desexos de volver, tamén o fai a estrela polar que na poesía recibe o nome de "estrela da Terra Nai", relacionando conxuntamente á Terra coa Estrela que marca o norte, que como compás da súa vida desexa bicala cuns degoiros tan fondos que se converten en ARELAS:
I-a estrela de Terra-Nai
dame debezos ó ve-la;
teño unha arela moi fonda
d-ir a bicar esa estrela
. . . . . . . . . . .
Os puntos suspensivos cos que remata a "Arela" equivalen a un profundo silencio que se abre despois do poema e que entronca cos silencios musicais, que tamén están cheos de significado. Posiblemente estes puntos significasen a espera da chegada dese día que, obviamenmte, non chegou, e posiblemente o noso autor morrese coas ganas de volver a Galicia. Pareceríame moi interesante o feito de que a Asociación Cultural Avelino Díaz falase cos sucesores de Avelino para que, en caso de que eles o considerasen, se fixese a viaxe de volta de Avelino á nosa Terra para que esa arela fose cumprida despois de morto, como sucedeu con outros grandes da nosa literatura.
Canzón que botei ó vento
canzón que o vento levou;
nas ás do vento voando
se foi a miña canzón.
Remata o poema como unha "Canzón" que o autor botou ao vento e que o vento a levou voando coma os desexos de Avelino de seguir connosco, por iso me parece que Avelino nos pertence, é noso porque el quería estar connosco, consideración que había que ter en conta e cumprir así os seus desexos.
NOTA:
VILLARES MOUTEIRA, Félix. (2007).- Un alpendre de Sombra e de Luar. Ed. Biblos Clube de Lectores.

Otero Canto, Xosé