A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (24)
Otero Canto, Xosé - viernes, 04 de julio de 2025
Canzón de lúa e sol (2)
Continuación
Cuarteta sétima
As noites de ruada,
a gaita i-o tambor,
o ritmo da muiñeira,
atruxos e canzós.
"A noite de ruada" (1920), tamén dá título a unha obra de Leandro Carré Alvarellos e trae recordos ao autor e tamén a nós daquelas noites nas que se ía ruar ou de ruada a unha casa veciña onde os mozos e mozas bailaban xotas e muiñeiras ao son da gaita e do tambor empezando sempre un mozo ou moza cun "punto" ou "puntada" de inicio de baile (que así se lle chamaba) e que os demais debían seguir e, se era un punto anovado había que memorizalo antes de facelo todos xuntos, non sen antes beber o viño quente con azucre, que se quentaba na lareira en xerras de barro cocido en Mondoñedo ou en Bonxe.
Oitava cuarteta
Nestes encontros de rúa ou ruada era onde se atopaban os mozos e mozas e tamén onde xurdía o amor e os namoramentos:
A nena garridiña,
o mais sinxel amor
que da divina gracia
encheu o corazón.
Novena cuarteta
Medeiros e pallares
no vran aburador;
xiadas nos invernos,
quentura no remol.
Nesta cuarteta hai unha oposición: verán/inverno, que abrangue cada unha dous versos. O verán recórdao Avelino como "aburador" ou queimador, que era cando se facía a sega nas searas ou campos sementados de trigo ou centeo e onde quedaban os pallares despois da seitura, lugar no que se facían os medeiros cos mollos que adoitaban a forma circular, herdanza do círculo celta ou castrexo dos nosos antepasados ancestrais.
Os dous versos seguintes fan alusión aos invernos e ás xeadas tan frecuentes na nosa terra opoñéndose ao verán abafadizo e facendo outro oposición dentro da oposición debido a que fai outro contraste entre as "xeadas dos invernos" e a "quentura do remol" das nosas lareiras, que eran aquelas brasas acesas que conservaban a quentura entre a cinsa despois de arder os toros de carballo.
Décima cuarteta
O fume dos tellados,
arume dos tizós,
incenso das lareiras
que sube deic-a Dios.
Continúan as estampas labregas de Avelino co fume saíndo por entre as lousas dos tellados porque nas lareiras non todo o fume era recollido pola "cambota", semellante a unha campá ou rectángulo que sobresaía na cociña e o fume escapaba por entre as lousas subindo cara o ceo ou cara a Deus en forma de "incenso". Avelino está tratando a lareira como un lugar de rito, como un altar onde se atopa o incensario ou botafumeiro na procura de Deus, non sen antes achegar o lume cos tizóns soltando faíscas na lareira ou lugar onde se oficia o rito sagrado da comida e da estancia agradable entre o remol das brasas.
Undécima cuarteta
As mestas carballeiras
do vento o leve son,
as fontes gurgullantes
dos regos o romor . . .
Esta cuarteta está chea de sons que nos conectan con Pondal e co himno galego:
Que din os rumorosos
na costa verdescente,
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?
Pero en Avelino son os carballos e non os piñeiros de Pondal, por outra parte máis representativos da nosa terra, á que se lle engade o rumor dos regos e das fontes, o leve son dos carballos abalados polo vento nas outrora mestas carballeiras.
Duodécima cuarteta
Nesta estrofa e na seguinte o autor fai o peche ou remate da composición repetindo algúns conceptos da primeira e da segunda cuartetas que coincidindo coa duodécima e coa décimo terceira coa que remata o poema nunha estrutura pechada que adoita utilizar nas súas composicións.
¡Quizabes foi un sono,
quizabes ilusión:
o xílgaro que tiña
no peito, xa cantou!
A lembranza convértese nun soño ou quizabes nunha ilusión debido a que Avelino ten moi presente a súa amada Galiza e a saudade reborda por todo o seu pensamento.
Volvemos á metáfora do xílgaro que é o propio poeta, como xa dixemos, que canta e canta ben á súa querida terra e ese canto que tiña no peito xa saíu ao longo das doce estrofas nas que foi lembrando os seus recordos de neno e de rapaz convertidos nun soño para el pola imposibilidade da distancia.
O peche da composición principia nesta estrofa na que se repiten dous versos da primeira estrofa
Estrofa 12 ------------- Estrofa 1
"o xílgaro que tiña / "Do peito na gaiola
nio peito, xa calou!" / un xílgaro cantou"
Décimo terceira cuarteta
¡A me inquedar viñeche
lembranza do que foi
nos tempos xa fuxidos
canzón de lúa e sol!
Hoxe, a poesía de Avelino Díaz vén sendo xa de museo etnográfico porque todo o que hai nesta composición pertence xa ao pasado e que a xente de hoxe, a xente máis nova, non pode entender unhas lembranzas de principios e mediados do século XX.
Avelino está inquedo, intranquilo pola lembranza, desacougado pola saudade do que foi e que o paxaro vén perturbalo co seu canto de acordanzas, rematando e poñendo punto e final cos dous primeiros versos e cos dous últimos nunha pechadura de dobre cilindro ou dobre embrague que cerra o poema e pode abrilo de novo aínda que deixemos a chave por dentro pois cos dous primeiros versos e cos dous últimos podemos activar o cerre:
Verso 1.- "Lembranza do pasado".
Verso 2.- "canzón de lúa e sol"
-------------------------------------
Verso Penúltimo - ... "nos tempos xa fuxidos"
Verso último - "Canzón de lúa e sol!"
NOTA:
FREIRE FREIRE, Marivel (2019).- Avelino Díaz, Unha voz comprometida na Galicia emigrante. Edición facsímile. Deputación Provincial de Lugo.

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora