Loitas polos feixóns
Cando lin a noticia case soltei unha gargallada. A min pasárame máis ou menos o mesmo. Un mozo de 29 anos agrediu a súa nai en Vigo cun garfo ó discutir por un bote de pirixel ou perexil. O meu caso foi por un prato de feixóns. Mellor dito, polos feixóns. Non ataquei a miña nai (calquera lle levantaba tan sequera a voz); foi a un dos meus irmáns, o do medio.

Aínda eramos cativos. Estabamos nesa idade na que, eles, os irmáns, cometían as súas trasnadas e, eu, seis e oito anos máis novo, era tan inocente que me enganaban como querían. Devecín e aínda devezo polos feixóns. Gustábanme tanto que, primeiro, comíalle as patacas cocidas que os acompañaban para, despois, pinchar a pracer neles e meter bocados de feixóns na boca coma se non houbera un mañá.
Ó irmán do medio tamén lle gustaban moito e sempre intentaba roubarme, arramplarme algúns; ben polo propio apetito ou ben por meterse comigo. E sempre me enganaba, sempre me confundía da maneira máis parva, máis inocente: "mira no teito unha araña", "mira no teito unha bolboreta", "mira no teito unha mosca". Eu miraba. Mentres miraba, el atacaba o meu prato co garfo. Picaba a todo velocidade un bocado e comíao entre risas. Os meus feixóns diminuían no prato. A carraxe e as bágoas choutaban.
Ata que chegou o día que a carraxe rebentou e o meu garfo lanzouse con toda a ira, con toda a rabia do mundo buscando un dos brazos do irmán. Menos mal que foi máis rápido ca min ladeándose para un lado. Ó non conseguir nada, a miña impotencia volveu verter, ciscar bágoas polas meixelas.