A creación
1,1: "Ó principio de crear Deus o ceo e a terra, a terra era unha masa deforme e baldeira, as tebras cubrían o abismo e un vento poderoso axitaba as augas"
1,26: "Despois dixo Deus: -Imos face-lo home á nosa imaxe e á nosa semellanza, e que mande nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos réptiles todos da terra".
(Aquí os de Sept fixéronnos estas aclaracións ou interpretacións: "O plural "Imos facer" leva a imaxinar unha deliberación de Deus coa súa corte (¿anxos, arcanxos, etc.?), (Xén 3,22; 1 Re 22,19ss; Xob 1, 6ss, reviste a creación do home dunha solemnidade especial. Etc., etc."
Deus, coma sempre, facendo uso da súa bondade excelsa, dotou aos homes diso que demos en chamar libre albedrío, que non foi un erro pola súa parte, senón un abuso infernal, unha soberbia, pola nosa.
El libre albedrío es un valioso regalo de Dios, gracias al cual podemos amarlo "con todo [el] corazón", o sea, porque queremos (Mateo 22:37).
A pregunta que me fago é (pero non ten importancia, nin importancia nin urxencia, pois o que nos falte agora por saber, ou por entender, xa nolo dirán no Ceo): ¿Sabían, daquela da tentación, tanto Adán como a Eva, que Satanás, prototipo da soberbia, xa se lle sublevara a Deus e que estaba disposto a guerrear co Todopoderoso? Para que Deus se enfadase tanto, cabe supoñer que o seu pecado de soberbia tivo, a maiores, esta agravante.
Os fillos viñeron/viñemos despois, que se fosen concibidos en inocencia, inocentes seguiríamos. ¡Ai Eva, Eva, canto lle tes/lle temos que agradecer á Virxe María, pois esa, por obra e graza do Altísimo, aceptou criarlle o Fillo a Deus, e con iso, Corredentora!
¡Maldita soberbia: facerlle caso a Satanás, aquela pretensión de igualarse a Deus, ao seu propio Creador! Disto temos que sacar a lección maxistral, que ben nolo repite Mateo no antedito 22:37: O primeiro dos Mandamentos é a propia humildade, acatar e amar a Deus sobre tódalas cousas!
Señor, que non me falte, no resto da miña vida, iso, a humildade, para que me deixes entrar pola Porta Grande, pola do Ceo, libre desa mácula, tan anxo coma un recén bautizado! Pídocho debaixo destes carballos, que me fan de altar, que me fan lembrar a túa Creación, co albedrío tan limpo e tan puro coma se aínda estivésemos no Paraíso orixinal, do que descenden estas árbores, poiselas si que seguen puras, tal e como ti as creaches!
Agora, ensinado polo teu Fillo unixénito, vou iniciar os teus mandatos, rezando a oración sublime, que aquí a teño, aquí a traio:
-.-
Moi ben debe manexar Satanás ás súas tentacións da soberbia que non conseguimos librarnos delas. ¡Hai que vacinarse coa oración e coa humildade, pois é a única receita! Soberbios aqueles caciques das aldeas, aqueles estudantes, aqueles emigrantes que volvían co seu "haiga", aqueles taberneiros das cidades, etc., etc. Aforcado Xudas, parece que deberan irse, pero non, que quedou a súa herdanza!
A humildade, ¡a mellor das virtudes, pois sen humildade as outras non funcionan!
-.-
¿As outras, as outras virtudes?
Fe, esperanza, e caridade..., son as de Braga, ¡teologais!
Prudencia, xustiza, fortaleza, e..., temperanza! Os cardeais din que se lles chame así ás outras porque son o gonzo, o pernio, (Unha bisagra non se desmonta, un pernio, si), o couzón, (os cardos, en latín) sobre os que xira a vida moral do home. ¡Case nada! Sobra dicir que sobre as cardinais Deus infunde as teologais, e con elas, nelas, os dons do Espírito Santo.
Do exercicio destas virtudes hai que deducir, temos que deducir, que ser virtuoso é máis complicado que ser maligno; ¡hai que puírse, pero acotío, para non enferruxarse!
Desde que me familiaricei coa Biblia, demostrada como está a Resurrección de Xesús, para min a fe converteuse en evidencia, así que, aínda que son un covarde, ¡con medallas militares, iso si!, non dubidaría en aceptar o martirio se tal fose preciso para testemuñar a miña condición de cristián.
¿Como poderá haber ateos, ou que así se auto titulen, coa de evidencias que nos deixou, que nos proporcionou, o noso Mestre, o noso Redentor? Dicía meu avó, o filósofo, que, "Non hai cego máis cego có que non quere ver". Pois eu diría algo parecido dos ateos: Están tan cegos que prefiren o inferno ao Ceo..., para acabar de cegar!
Fe foi a dos meus entregos, pois eles, ademais do sopro de Deus, só tiveron as predicas dos seus Curas..., que os sandaron, que os curaron! Eu, e comigo os da miña xeración e seguintes, tivemos a maiores o Concilio Vaticano II, que vulgarizou a biblia, que nola fixo accesible, intelixible, sen latíns inalcanzables.
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.