Verdade. A verdade total, perfecta, absoluta, é Cristo, a súa persoa, o que Xesús dixo e fixo. ¡Coidado coa auga que non veña desa fonte, pois igual é que mana do inferno, séxase, de Satanás!
Xoán 1, 14: "E a Palabra fíxose carne, e plantou entre nós a súa tenda, e nós vímo-la súa gloria, gloria como de Unixénito que vén do Pai, cheo de gracia e de verdade".
Xoán 1, 17: "... a Lei deuse por medio de Moisés; a gracia e a verdade realizáronse por Xesús Cristo. A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou".
Xoán 8, 31: "A verdade faravos libres. E ós xudeus que creran nel dicíalles Xesús: -Se permanecedes na miña palabra, seredes de verdade discípulos meus; e coñeceréde-la verdade e a verdade faravos libres".
Xoán 8, 42: "Contestoulles Xesús: -Se o voso pai fose Deus, amariádesme a min porque eu de Deus saín e veño. Pois non vin por min mesmo, senón que El me enviou. ¿Por que non comprendéde-la miña fala? Porque non podedes escoita-la miña palabra. Vós sodes de voso pai o Satán, e queredes realiza-los desexos de voso pai. Este foi asasino desde o comezo e non afincou na verdade, que nel non hai verdade. Se fala falsidade, fala do seu, pois é mentireiro é pai da mentira. Polo contrario, a min, porque vos digo a verdade, non me credes. ¡Veña! Un de vós que probe que estou en pecado! Entón, se o que digo é a verdade, ¿por que non me credes? Quen é de Deus, escoita as palabras de Deus".
Xoán 14, 1: "Non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, ¿teríavos dito que vos ía amañar un lugar? E cando vaia e vos amañe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde eu vou, vós ben sabéde-lo camiño. Díxolle Tomé: -Señor, se non sabemos onde vas, ¿como imos sabe-lo camiño? Xesús respondeulle: Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai mais que por min".
¡Neste Camiño quero estar, e seguirte, sen erros nin retrocesos, meu Señor Xesús Cristo; pero necesito da túa man, para non extraviarme! ¡Non me desampares, nin de noite nin de día, pois eu só, perderíame!
-.-
Desanda-lo Camiño
¿Que facemos cando nos extraviamos nunha ruta? Ante todo pararnos, pararnos e orientarnos. Se temos compás, o primeiro é abrilo, para encararnos na dirección correcta. ¿O compás dos cristiáns...? ¡A Biblia! Os periódicos, a radio, a tele..., neste século controlan unha boa parte do noso tempo e do noso espazo, pero, a información da alma?
Na Biblia témolo todo, e desde o Vaticano II non hai reticencias; se castelán, castelán; se galego, galego; e que estea á disposición de toda a familia, en lugar visible e accesible. ¿Horas do día? ¡Valen todas, que comemos a calquera hora, así que á alma tamén hai que nutrila; todos, en todo tempo e lugar, vacacións incluídas! Se Deus non nos deixa, se non nos perde de vista, ímolo deixar nós, precisamente as súas criaturas, os seus favorecidos?
No capítulo das omisións os cristiáns adoecemos dun fallo garrafal: Deixamos o apostolado á exclusiva dos relixiosos, curas, frades, monxas..., esquecéndonos, a miúdo, de que a expansión cristiá é universal, xa que todos participamos da mesma herdanza.
-.-
O bule-bule das cidades: mal sitio para meditar. ¡Pero temos a cama!
As nosas aldeíñas foron unhas incubadoras magníficas da relixiosidade: A presenza inmediata dos párrocos, o rosario en familia, a tenrura e a exemplaridade dos avós, menos oportunidades de delinquir, etc., etc., aínda que tamén tivo a súa parte negativa nos licenciados das quintas, nos ex-combatentes das guerras, nos emigrantes retornados que viñan de facer fortuna a saber por que procedementos na súa sede de retornar rapidamente, e de ser posible, con un "haiga", etc., etc. Aqueles retornados, para ¿encher? o seu currículo non se cansaban de presumir diante dos rapaces de feitos que daban por fazañas cando realmente foran violacións e desmáns. A escasa, baixísima, preparación do rural tamén foi receptiva para absurdas e tontas supersticións das que esperabamos grandes e imposibles milagres, pero eu non lles daría categoría pecaminosa xa que o seu cultivo estaba nutrido precisamente pola inxenuidade e pola ignorancia daquela xente.
Na maleta do emigrante, no seu acceso á urbe, é natural que levase unha dose de avaricia, de competición, que os facían vulnerables para a súa admisión nesas seitas que se multiplicaban ofrecendo, de balde, o ceo e maila terra.

A "torre de Babel" das cidades tamén tivo, e ten, as súas cousas boas, pero o seu anonimato facilita certas herdanzas daquelas Sodoma e Gomorra. Para comezar, non se coñecen, a veces nin case de vista, os clérigos da barriada; e cando o ¿desterrado? entra nunha igrexa percibe moi pouco daquel celebrante que xeneraliza, que usa expresións de alto nivel cultural, ¡e menos mal que xa non celebran en latín!
Os mass media ó penetrar nas aldeas, xunto coa proliferación dos Grupos Escolares, fixeron de cocteleira globalizadora, así que moitas circunstancias ambientais xa cambiaron, sendo incontrolables moitas daquelas diverxencias circunstanciais.
Tamén dicía meu avó que, "Comparando los bienes con los males, todos los pueblos son iguales". ¡Ata tería razón, pois o que perdemos das aldeas non o demos atopado nas cidades; e á viceversa, tampouco!
-.-

Para facer, comigo mesmo, un cursiño de cristiandade, a estilo Prisciliano, que seica consideraba as árbores como altares de Deus, e niso non vexo herexía senón, e máis ben, virtude, funme uns días á miña finquiña, e alí tiven estas ocorrencias, precisamente debaixo duns carballos que plantaron os meus entregos.
Estes tamén son netos, ¡netos daquelas árbores do Paraíso!
E xa que estou neste anaco do Paraíso, abrirei o Xénese.
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.