Palabra. A predicación dos ministros da palabra é palabra de Deus.
Feitos 4, 31: "Oración da comunidade e baixada do Espírito Santo. Cando remataron de rezar, abalouse o sitio onde estaban reunidos; todos quedaron cheos do Espírito Santo, e anunciaron afoutos a palabra de Deus".
Fagamos nós algo así: recemos con piedade, con fervor, para que o Espírito Santo acenda o noso entendemento, purifique as nosas verbas, e nos alume o camiño do apostolado.
-.-
Paz. ¡Se son, como son, "Deputy" do Parlamento Mondiale per la Sicurezza e la Pace, como non vou desexa-la paz, para min e comigo mesmo; por engado, para o meu próximo, nel e con el!
O cristián debe ser artífice da paz.
Mateo 5,9: "Anuncio da verdadeira dita. Ditosos os que traballan pola paz porque eles serán chamados fillos de Deus".
-.-
Pecado. Pecado é ama-las tebras e fuxir da luz.
Xoán 1, 5; 3, 19: "... a luz aluma na tebra, e a tebra non a deu apagado". "Nisto consiste o xuízo; en que, vindo a luz ó mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns".
Xesús morreu polos nosos pecados. Romanos 5, 6: "De certo, xusto cando nós aínda estabamos sen forzas, no tempo preciso, Cristo morreu polos impíos. Non é fácil, certamente, que alguén queira morrer por un home xusto (anque por un home bo quizais se atreva alguén a morrer); pero Deus demostróuno-lo seu amor no feito de que, sendo aínda nós pecadores, Cristo morreu por nós. Con máis razón, logo agora, que xa estamos xustificados polo seu sangue, seremos por El salvados da ira. Porque, se cando eramos aínda inimigos, fomos reconciliados con Deus mediante a morte do seu Fillo, moito máis, xa reconciliados, seremos salvos pola súa vida. Aínda máis: mesmo orgullosos estamos en Deus por medio do noso Señor Xesús Cristo, por quen agora recibímo-la reconciliación". ¡Mortos ao pecado, vivos en Cristo!
Non hai pecados intranscendentes, pois incluso os hai miúdos que desatan / desataron catástrofes. Por un cravo aquel cabalo perdeu unha ferradura, e sen a ferradura tropezou e caeu; a caída do cabalo ocasionou que caese o xeneral, e de abatido o xeneral..., perdeuse a batalla!
Falando de batallas: O xeneral Jordana, (Gómez-Jordana, que non era parente meu, afortunadamente), Alto comisionado de España en Marruecos, cabreouse, moito, porque o pai de Abd-el-Krim non lle rendeu honores en Melilla, así que a súa vendetta foi firmar o presidio, por dez meses, do fillo. Abd-el-Krim, cabreado por aquela inxustiza organizou e capitaneou o "Desastre" de Annual, que lle custou a España, naquel 21 de Xullo do 1921, 21.000 vítimas, entre mortos, desaparecidos e prisioneiros.
Abd-el-Krim entrevistado por Oteyza
A segunda parte, a consecuencia, foi que os militares españois adestráronse para matar, na vinganza daquel Annual, entre eles don Hermenegildo, así que, de adestrados, mesmo desde África volvéronse contra a República, ¡para seguir disparando! Fixérono con tal soberbia, con tal efusión, e con tal obcecación, que incluso lles devolveron Covadonga aos mouros. ¡Covadonga, nada menos! Pero, por se isto fose pouco, don Hermenegildo nomeou Capitán General da 8ª Región ao Mizzián, ¡durante 8 anos!, oitos anos nos que o noso Santiago estivo sometido aos mouros!
Dicía meu avó e padriño que, "No pecado sempre vai a penitencia". ¡Que razón tiña!
-.-
Pobres.
De Manuel Cabada Castro: "Porque toda riqueza é inxusta cando é resultado dunha inxusta opresión sobre aqueles dos que inxustamente nos aproveitamos. E disto ben sabemos que hai moito por aí adiante e a tódolos niveis. Mais, como seguidores que queremos ser de Xesús, temos que saber (e sobre todo practicar) que un cristián non pode ser escravo dos cartos, dese "poderoso caballero" que o poeta castelán Quevedo identificaba con "don dinero". Lucas ponnos en boca de Xesús aquela inmorredoira frase que, desde a perspectiva de que somos todos irmáns, vale e valerá sempre como norma de comportamento social e humano: "Non podedes servir a Deus e mailo diñeiro".
-.-
Redentor. A redención de Xesús.
A nai dos fillos do Zebedeo, pide, etc.... Mateo 20, 28: "... porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entrega-la súa vida en rescate por todos".
¿Estámoslle agradecidos? ¡Nunca é suficiente ante a súa misericordia infinita!
-.-
Rei-Reino. O reino comeza coa mensaxe de Xesús e vai medrando cos seus feitos, opostos ao reino do maligno.
Lendo a Biblia con atención xa comezamos a coñecer, e por ende a gozar, do Reino de Deus; ¡para isto, o "pasaporte" é o bautizo.
-.-
Resurrección.
Ai que distingui-la resurrección do retorno á vida térrea dalgúns mortos. A resurrección de Cristo: garantía da nosa resurrección.
1 Corintios 15, 3: "Transmitinvos, xa que logo, antes de nada o que eu mesmo recibín: Que Cristo morreu polos nosos pecados conforme ás Escrituras; que o sepultaron, que ó terceiro día resucitou conforme ás Escrituras, e que se apareceu a Cefas (Pedro) e despois ós Doce. Máis tarde apareceuse dunha soa volta a máis de cincocentos irmáns; moitos deles aínda viven, algúns xa finaron. Despois apareceuse a Santiago e logo a tódolos apóstolos. En derradeiro lugar aparecéuseme tamén a min, coma ó nacido á deshora".
¡Esta é a chave da nosa fe, confirmando canto tiña anunciado: A resurrección de Cristo!
-.-
Sabedoría. A verdadeira sabedoría dáa o Espírito.
1 Corintios 2, 12: "...nós non recibímo-lo espírito do mundo, senón o Espírito que procede de Deus, a fin de que coñezamos todo o que Deus nos outorgou pola súa gracia. E iso é o que tamén predicamos, non con palabras aprendidas da humana sabedoría, senón con palabras aprendidas do Espírito, explicando con verbas espirituais as realidades espirituais".
Co claros e rotundos que temos os fundamentos do cristianismo, só se pode atribuír a Satanás, á súa influencia, que persistan, que teñan adeptos, todas e cada unha das falsas relixións! ¡Non lle chegou con enganar á Eva!
-.-
Sacerdocio. A ofrenda da vida cristiá como culto espiritual.
Romanos 12, 4: "De igual xeito que nun só corpo temos moitos membros, e non tódolos membros teñen a mesma función, así nós, con sermos moitos, somos un só corpo en Cristo; e individualmente somos membros uns dos outros. Pero, ó termos dons diferentes, hanse exercer conforme á gracia que se nos concedeu: se temos don de profecía, debe ser en harmonía coa fe; se de ministerio, no servicio; se de ensinanza, no ensino; se de consolación, no conforto; se de dar esmola, con xenerosidade; o que preside, con solicitude; o que se compadece, con alegría".
Paulo insiste en que, pola nosa unión en Cristo, estamos unidos uns ós outros, formando unha unidade de amor e de servicio. Aceptemos, pois, esta unión, esta colaboración, na diversidade, acatándonos e complementándonos.
-.-
Servir. ¡Deus, que exemplo nos deu o Mestre, mestre en todo e para todo!
Mateo 20, 25: "-Xa sabedes que os xefes dos pobos tiranizan, e os poderosos asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos: quen queira ser importante, que sirva ós demais; e quen queira se-lo primeiro, que sexa o máis servizal; porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entrega-la súa vida en rescate por todos".
¡Para o que mellor servimos é para presumir; ás veces, incluso, do que non somos!
-.-
Sufrir.
A consolación espiritual pode alcanzar ó cristián, xa que a gloria escatolóxica está presente no cristián.
Romanos 8, 26: "... Nós non sabemos como debemos orar para pedir o que convén, pero o Espírito en persoa intercede por nós con xemidos máis fondos cás palabras. É Deus que escruta os corazóns, coñece a intención do Espírito, pois El intercede polos santos, conforme á vontade de Deus".
2 Corintios 1, 3: "¡Bendito sexa Deus, Pai do noso Señor Xesús Cristo, Pai misericordioso e Deus de toda consolación! El anímanos en tódalas nosas mágoas, de xeito que podamos nós animar ós outros en calquera aflición, no consolo que recibimos de Deus. Pois, do mesmo modo que rebordan en nós os sufrimentos de Cristo, tamén gracias a Cristo reborda igualmente o noso ánimo".
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.