Fornicación. Adulterio. Libertinaxe. ¡Coidado coa carne, que é débil; e non esquezamos que é o soporte da alma!
Marcos 5,29: "Se o teu ollo dereito che é ocasión de pecado, arríncao e tira con el, que máis che vale que se perda un dos teus membros ca que te boten todo enteiro no inferno. Se a túa man dereita che é ocasión de pecado, córtaa e tira con ela lonxe de ti, que máis che vale que se perda un dos teus membros ca que te boten todo enteiro no inferno".
¿Cabe explicación máis explícita, ou máis concreta? ¡Daquela, tomemos nota; e vacinémonos a tempo!
-.-
Fracción do pan. A Eucaristía. Xesús non se foi: ¡segue connosco! A verba xa o di todo: Común unión. Xesús meu, e Deus meu, ti, que lavaches os pés aos teus discípulos, pídoche encarecidamente que laves a miña alma, para recibirte dignamente na Eucaristía!
Mateo 26, 26; Lucas 22, 15; e Marcos 14, 22: "Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, deu gracias, partiuno e déullelo, dicindo: -Tomade, isto é o meu corpo. E collendo unha copa, dando gracias, pasóullela, e todos beberon dela. E díxolles: -Isto é meu sangue, o sangue da Alianza, vertido por todos. Asegúrovos que xa non volverei a beber este produto da viña ata o día que beba, noviño, no Reino de Deus".
Se tivésemos fe abonda, ao comungar tiña que entrarnos un éxtase que nos fósemos con Deus daquela mesmo, que nos sentísemos tan apegados a Xesús que morrésemos instantaneamente, ávidos de ser recibidos na súa Gloria!
-.-
Froito. Froitos para a vida eterna. ¡Hai que administrar ben os dons que Deus nos vaia dando!
Lucas 12, 48: "A quen moito se lle dá, moito se lle esixirá; e a quen moito se lle confía, moito se lle pedirá".
Lección práctica: Se Deus vos concedeu moitos bens, do tipo de sexan, procuremos facer un bo uso deles porque despois, Arriba, no xuízo, teremos que render contas dese uso...; ¡é xusto que así sexa, e por iso nolo anticipou, avisounos, o Mestre!
Por certo: Os cregos predican pouco acerca disto; ¿il non será para non asustar aos ricos, por se lles entra pánico e se desfán da súa riqueza, empobrecendo o país?
-.-
Cristo transmite a súa gloria aos seus discípulos. Glorificar a Deus ao ver as obras de Cristo.
Mateo 9, 8: "...vendo isto a xente asombrouse e glorificaban a Deus por lles dar tal poder ós homes". 15, 31: "De xeito que a xente ficaba pasmada vendo os mudos falar, curados os eivados, os coxos andar, e os cegos ver; e glorificaban ó Deus de Israel".
Marcos 2, 12: "E así foi: no instante ergueuse, colleu o leito, e foise diante de todos; de tal xeito que todos ficaron pasmados, e daban gloria a Deus dicindo: -Nunca tal cousa vimos".
De momento creron, pero logo lles entrou a envexa, e..., crucificárono! (Por algo din os malos que é perigoso ser boa persoa!).
-.-
Gracia, agraciar, conceder unha gracia. ¡Tantas que recibimos, e tan pouco que as agradecemos!
A gracia é propia de Cristo, que nola comunica. Mortos ao pecado, vivos en Cristo.
Romanos 6, 2: "(Para Paulo, o cristián participa no mesmo morrer de Cristo, destruíndo así tamén en si mesmo o poder do pecado). Os que xa morremos ao pecado, ¿como imos vivir aínda nel? ¿Ou ignorades que a cantos nos bautizaron para Cristo Xesús, bautizáronos para unirnos á morte del? Enterrámonos, logo, con El polo bautismo para a morte, para que, como Cristo foi resucitado dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova. Pois se fomos enxertados nel pola semellanza dunha morte coma a del, seguro que tamén o seremos por unha resurrección semellante".
¡Polo bautismo volvemos a nacer; renacemos cristiáns; afiliámonos a vencedor, séxase, ao Exército de Cristo! (Aquí paro de teclear, e axeónllome para agradecérllelo a meus padriños, pregándolles que, como arestora eles están no Ceo, me vaian preparando un barrelo, outro, pero este, definitivo, celestial, para mecerme na Gloria, con eles compartida).
-.-
Misión apostólica.
A proclamación do Reino a tódolos pobos. Mateo 24, 11: "Aparecerán moitos falsos profetas, enganando a moita xente. E, ó crece-la maldade, arrufiarase (collerá azos) o amor da maioría. Pero o que persevere ata o final, salvarase. Proclamarase esta Boa Nova do Reino en todas partes para dar testemuño a tódolos pobos".
¡Previdos, Ar! En todo tempo e lugar o maligno terá emisarios, embaucadores, traidores, pero o Apostolado cristiá trunfará; ¡non teñamos dúbida, xa que é a obra de Deus!
-.-
Herdanza. No Ceo non hai minorazos; ou morgados, ou nada. Así que non caben preitos!
Xoán (¡O 11, pero está no 13; por algo me casei nun martes, 13, por poderes, a tres mil quilómetros de distancia!) 13, 34: "Douvos un mandamento novo: amádevos uns aos outros; como eu vos amei, amádevos tamén entre vós. Nisto coñecerán todos que sóde-los meus discípulos: se vos tedes amor uns aos outros". ¿Que; había, hai, un onceavo mandamento? ¡Daquela, a cumprilo!
-.-
Igrexa. Igrexiña do meu lugar, canto te botei en falta no meu longo peregrinar!

Sen igrexas non hai Igrexa.
Na miña, no seu altar maior, está a nosa imaxe da Virxe Milagrosa, que moitos milagres
me leva concedido, en particular dous fillos, fillo e filla, tan bos que xa se me figura que son anxos.
Fundada polo propio Xesús.
Mateo 16,18: "E eu asegúroche que ti es Pedro, a pedra; e sobre esta pedra vou edifica-la miña Igrexa; e as portas do Inferno non prevalecerán en contra dela. Dareiche as chaves do Reino do Ceo: todo o que ates na terra ficará atado no Ceo; e todo o que desates na terra ficará desatado no Ceo".
Repasemos isto cen veces para que non se nos esqueza que as igrexas son templos da Igrexa, e que do seu Sagrario resucita Cristo en nós, cada vez que comungamos. ¡Por algo lle puxemos Pedro ao noso fillo! (Os galegos sempre fomos devotos das recomendas; será porque somos conscientes das nosas debilidades?).
"Aquí Xesús recibe ós pecadores e invítaos á súa mesa". Esta frase, procedente do Evanxeo de San Lucas, propúxoa o Papa Francisco, durante o rezo dun Ángelus no Vaticano, para que se coloque na entrada das igrexas, para lembrar o sentido da mensaxe evanxélica.
-.-
Imaxes
Traduzo, de alguén que o dixo en castelán: "A Igrexa Católica venera ós santos pero non os adora. Adorar algo ou a alguén fóra de Deus é idolatría. Hai que saber distinguir entre adorar e venerar. San Paulo ensinou a necesidade de lembrar con especial estima aos nosos precursores na fe. Eles non desapareceron na nada senón que a nosa fe dános a certeza do Ceo onde os que morreron na fe xa están vitoriosos en Cristo".
Montecubeiro.
Nós, a miña dona e mais este servidor, á dereita. Así foi a primeira procesión coa nosa imaxe.
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.