Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 08 de julio de 2025
Todo arde

Arde o ruído baixo corenta e algo graos de fervura. Todo queda en silencio. Mesmo as follas da algarabía asentan sobre a canícula desta tarde criminal. Arden os paxariños e vaise acabar o mundo. Sen bombas nucleares. Sen meteoritos. Vai chegar unha apocalipse climatolóxica na que o tempo será sempre o mesmo. Os termómetros deixarán de medir e o silencio empreñará máis silencio.
Arde a conciencia baixo a sensación de que non houbo ningún apaga fogos. Os que teñen a conciencia negra asubían mentres cantan e deixan que o baile de máscaras simulen unha calma que non teñen, que nunca terán. A súa apocalipse furgará na bondade dos débiles, dos covardes, dos submisos. Arde a súa tiranía mental para que, esta, abrase o recanto silencioso dos inocentes.
Arde Roma, arde Santiago, arde Ourense e arde o carallo. Arde o tempo que sempre é o mesmo. A terra súa pingas de cataclismo, de hecatombe, ó mesmo tempo que as súas almas en pena buscan o recuncho da culpa. Porque a todos nos pesa algo (ou bastante) o pecado, o desatino, a falta, a infracción. Por arder xa arde o silencio que empreñara con máis silencio.
Arden as mañás, arden as tardes, arden as horas e arden as almas. Aqueles que non teñen alma -que son uns cantos- xa son cinsa que semella ciscada pola impureza da súa existencia. Viviron porque lles tocou vivir, pero foron, son e serán espíritos que vagarán pola apocalipse climatolóxica entre berros de silencio e murmurios de ruído. Todo arde.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES