Confesión. ¿Barremos a casa, e non imos barrer a alma? Imaxinarvos que os delincuentes fosen perdoados con só recoñecer, ante os alguacís, que delinquiron; ¿quedaría algún sen confesarse? Daquela tomemos nota, e obremos en consecuencia.
O sacramento da penitencia. Mateo 16,19: "Dareiche as chaves do Reino do Ceo: todo o que ates na terra, ficará atado no Ceo; e todo o que desates na terra, ficará desatado no Ceo. E mandoulles ós discípulos que non dixesen nada de que el era o Mesías". 18,18: "Asegúrovos que o que atedes na terra será atado no Ceo, e o que desatedes na terra será desatado no Ceo". Xoán 20,19: "Naquel día... -Paz convosco. Dito isto, mostróulle-las mans e mailo costado. Os discípulos alegráronse vendo o Señor. El díxolles outra vez: -Paz convosco: como o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós. E dito isto alentou sobre eles, e díxolles: -Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoéde-los pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos".

¿Deus dá poderes revogables? ¡Nunca, xamais, que sempre os deu irrevogables; os poderes e os mandatos; daquela, que insensato pode ter dúbidas acerca da confesión? ¡Iso, os insensatos!
-.-
Coñecer a Deus. Coñecer a Deus é coñecer a obra salvadora de Xesús.
Por se tiñamos algunha dúbida, Mateo, ó transferirnos literalmente o Noso Pai, ben que nolo retratou, ben que nolo explicou, resumido e concreto, elocuente e sinxelo, na oración central do cristianismo: Mateo 6, 9: "Vós rezade así: Noso Pai que estás no Ceo, santificado sexa o teu nome; veña o teu Reino, e fágase a túa vontade así na terra coma no Ceo. Dános hoxe o noso pan de cada día. E perdoa as nosas débedas como tamén nós perdoamos xa ós nosos debedores. Non nos sometas á tentación, mais líbranos do Malo. Porque se vós perdoades ós outros as ofensas que vos fan, tamén voso Pai celestial perdoará as vosas; pero se non perdoades ós outros, voso Pai celestial tampouco perdoará as vosas ofensas".
¿Ateos? ¡Máis ben afiliados ao partido de Satanás, que participan na sublevación satánica, sublevándose nada menos que contra o seu Creador; iso é o colmo da malicia e da soberbia!
-.-
Consagración do home a Deus.
1 Corintios 3, 16: "¿Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós? Se alguén destrúe o templo de Deus, Deus destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado, e iso sodes vós". ¿Está claro? ¡Explicalo máis e mellor, é imposible!
-.-
Corrección fraterna. Non xulgues ós demais.
Mateo, 7, 3: ¿Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán e non te decatas da trabe que hai no teu? E, ¿como lle vas dicir a teu irmán: "Deixa que che quite o lixo que tes no ollo", tendo ti unha trabe no teu? ¡Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo e logo verás mellor para quita-lo lixo do ollo de teu irmán!".
¡Ai irmán, irmán, que adianto eu discutindo contigo? Tratarei de ser boa persoa, e ti, ao verme así, se che prace xa tratarás de imitarme.
-.-
Cruz. Instrumento na morte redentora. A cruz e maila tribulación son para os que viven piadosamente.
Lucas 14, 27: "O que non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo meu". Xoán 12, 36: "Mentres ténde-la luz, crede na luz (na cruz), para que vos volvades fillos da luz". Para ser fillos da luz hai que crer na luz (na cruz), e camiñar na luz. O senso destas expresións vén ser vivi-la nosa existencia no ámbito de Xesús, que é a verdadeira luz. ¿Témolo claro?
-.-
O demo. Vencido pola morte de Xesús.
Lucas 10, 17: "Entón volveron os setenta e dous moi contentos dicindo: -Señor, aínda os demos tamén se nos someten no teu nome. El replicou: -Eu vía a Satanás caendo do Ceo coma un raio. Porque vos dei poder para pisardes cobras e mais alacráns e poder sobre toda forza inimiga, e nada vos fará mal".
Xoán 16, 7: "... eu dígovo-la verdade: convenvos que eu me vaia, pois, se non me vou, non virá a vós o Paráclito; en cambio, se me vou, mandareino onda vós. E cando veña demostraralle ó mundo que hai pecado, xustiza e condena: pecado, porque non cren en min; xustiza, porque vou onda o Pai e xa non me veredes; condena, porque o príncipe deste mundo xa resultou condenado".
Hebreos 2, 14: "Por isto, xa que os fillos participan todos na mesma carne e do mesmo sangue, para que coa súa morte puidese deixar sen forzas ó que retiña o poder da morte, isto é, a Satán; e deste xeito, librar a cantos por medo á morte pasaban a vida nunha escravitude".
Xesús venceu na cruz, venceu ó "príncipe deste mundo", e os que o seguen vencen/vencemos con Xesús. ¡Vencemos, pero non agradecemos; ou máis ben, pouco!
-.-
Discípulos. ¿Onde hai que matricularse para asistir á escola do Salvador?
Mateo 5, 1: "Vendo Xesús a multitude, subiu ó monte e sentouse. Achegáronselle os seus discípulos, e el, tomando a palabra, ensinábaos".
As benaventuranzas son un auténtico programa do que é o Reino. Resumindo por temas: O espírito que debe animar aos fillos do Reino. Como debía entenderse o cumprimento das leis xudías. O desprendemento das riquezas. As relacións co próximo. E tamén que pertencer ao Reino supón unha praxe rectilínea, inalterable.
¡Tivemos de Mestre nada menos que á Segunda Persoa da Santísima Trindade; isto si que é un doutorado! Adoitamos colga-los títulos nos nosos despachos; ¡colguemos a cruz no noso peito!
-.-
Educación. Obediencia e respecto dos fillos para os pais. Eles tiveron a responsabilidade de formarnos; nós a de imitalos, nas leccións boas por suposto!
Efesios 6, 1: "Os fillos obedecede a vosos pais no Señor (no bo deles), que iso é de razón. "Honra a teu pai e á túa nai" é o primeiro mandamento que trae emparellada unha promesa: "de xeito que todo che saia ben e vivas moitos anos na terra". E vós, pais, non sexades rigorosos de máis cos vosos fillos; non: educádeos na disciplina e na doutrina do Señor".

Colosenses 3, 20: "Fillos, sede ben guiados en todo cos vosos pais, que isto é cousa agradable ó Señor. Pais, non asoballéde-los vosos fillos, para que non saian coitados".
Xesús foi excelsamente paternal en tódolos seus actos, ditos e feitos; ¡Fillos, pais: Aí temos a nosa escola, o noso Mestre!
-.-
Escándalo. ¡Coidado co xoio, (coa cizaña, cos enlizadores), que é esa planta aborrecible, de tallo ramoso, etc., pero tamén pode ser, ou chamárselle, á cousa ou persoa que dana, prexudica ou estraga aqueloutras entre as que xurde ou está!
Mateo 13,37:"El respondeu: -O que sementa a boa semente é o Fillo do Home; a leira é o mundo; a boa semente son os fillos do Reino; o xoio son os fillos do Malo. O inimigo que a sementa é o Satán; a sega é a fin do mundo; e os segadores son os anxos. Mandará o Fillo do Home os seus anxos, e quitarán do seu Reino tódolos escándalos e a todos os que fan o mal; e botaranos no forno do lume, onde será o pranto e o renxer dos dentes. Entón, os xustos resplandecerán coma o sol no Reino de seu Pai. Quen teña oídos que escoite". ¿Temos oídos, non si; daquela, a escoitar!
18, 7: "¡Ai do mundo polos seus escándalos! É irremediable que haxa escándalos, pero, ¡ai do home que provoca escándalos!".
Lucas 6, 43: "Non hai árbore boa que produza froitos ruíns, nin tampouco árbore ruín que produza froitos bos. Así, cada árbore coñécese polos seus froitos. O home bo saca o ben da bondade de seu propio corazón, e o home malo saca o mal da súa maldade, pois do que reborda o corazón fala a boca".
Os que nos criamos na aldea, naqueles tempos cerealistas, ben nos temos preocupado de aparta-las espigas do xoio para metelas no forno e que non proliferasen; ¿esquecéusenos? ¡Daquela, como din os mouros, que de todos se aprende algo, sexa bo ou malo, "kif-kif"!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.