Á beira do Camiño: Homenaxe á muller galega
Mato, Xesús - lunes, 31 de agosto de 2009
Sobre todo ás labregas. Mulleres, case sempre esquecidas e marxinadas e ás que compre honrar e desagraviar polo secular esquecemento, abandono e falla de sensibilidade por parte do resto da sociedade galega que aínda hoxe queda algún borrallo nalgúns sectores do rural. O seu enorme labor, case sempre acompañado de dor e sufrimento e cheo de soidades e silencios, aínda nos lles foi recoñecido oficialmente.
O rural galego segue vivo grazas á entrega/amor das nosas bisavoas, avoas e as propias mais. Foron e seguen a ser o sector que máis vida aportou a Galicia ao través da súa longa e fermosa historia. Sen elas, a Galicia rural non existiría na actualidade. Elas a mantiveron e coidaron. Nos tempos difíciles da emigración exterior dos séculos XIX e XX e de hoxe en día. Souberon reflectilo estupendamente ben as nosas grandes poetas. Noutrora, a gran Rosalía de Padrón e neste momento a nosa tamén poeta da Terra (e unha das meirandes deste tempo) a lucense Marica Campo, nosa veciña do Val do Mao, do Incio.
O pasado día 15, a Asunción de María, no Temple (Pedrafita) na Festa das Neves e o pasado domingo, na Festa dos Maiores de Samos, celebráronse dúas sinxelas pero moi concorridas homenaxes na liña do recoñecemento e agradecemento ás mulleres labregas do rural. En ámbalas dúas xuntanzas, celebradas con Eucaristía, ao aire libre e debaixo das árbores, se escoitaron as fermosas loanzas tomadas da Sagrada Escritura (a Biblia) e o Evanxeo de Xesús, e dos meirandes poetas actuais (e de todos os tempos) en loanza da nosa muller galega, sinxela e humilde que se entregaron pola Humanidade.
Grupos musicais (Vento Mareiro A Coruña -, María Castaña e A Quenlla Lugo-) e varios poetas, en directo e con verbas dos grandes poetas que souberon cantar os valores e virtudes da muller galega, estiveron presentes nos prados de Connavia, á beira do nacemento do Navia e na fermosa carballeira de Teivilide (Samos) na XIX Festa de Convivencia cos Maiores que O Noso Lar artello para honrar ás 2.000 persoas maiores da Zona de Samos. Labregas do amor, foi o lema que se presentou para recoñecer o papel da muller galega no rural. Antes e agora.
María, a nai de Xesús e nosa, é a mellor imaxe da muller galega. Humilde, sinxela, labrega e da aldea. Fiel a Deus e ao pobo. E tamén, como a María do Evanxeo, sacrificada. E mesmo marxinada pola Igrexa. No colo das nosas mais e avoas chegamos á fe a maioría dos galegos e galegas. Aprendemos delas os grandes e eternos valores da fe, da sinxeleza, da humildade, da acollida, da sinceridade, da entrega aos pequenos, da carraxe e valentía á hora de coidar aos maiores e aos enfermos. Temos a obriga de recoñecérllelo publicamente. Polo que foron, son e aínda seguen a aportar á nosa Terra. Grazas a todas. Velaí a nosa sinxela homenaxe desde esta tribuna de Galicia/Dixital.

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora