A semana que nos acaba de deixar foi máis política que nunca: a corrupción política, o tema da OTAN e a Trump tocándonos o nabo. Porén, tamén aconteceu algo que, a moitos, pasaríalles desapercibido: a morte, o xoves, ós 93 anos, dun personaxe arxentino que, aínda que a algúns o cine non lles guste ou as bandas sonoras nin arre nin xo, sei que se escoitan o tema de "Misión imposible", entón si... quen non coñece esa música!

Boris Claudio Schifrin naceu en Bos Aires o 21 de xuño de 1932. Pianista, compositor e director de orquestra converteuse nunha figura fundamental do século XX grazas ó seu estilo inconfundible, onde a elegancia do jazz fusiónase coa potencia das bandas sonoras cinematográficas.
Desde pequeno estivo arrodeado de música. Seu pai foi o primeiro violinista no Teatro Colón, e foi el quen meteu a Lalo no mundo do piano clásico. Porén, este axiña descubriu outra paixón: o jazz. Influenciado por músicos como Dizzy Gillespie e Thelonious Monk, atopou neste xénero unha vía de expresión máis libre e creativa.
Na década dos 50 traballou como pianista e restaurador de Gillespie, con quen iniciou unha frutífera colaboración. Xa instalado nos Estados Unidos, Lalo Schifrin empezou a escribir música para televisión e cine. Foi en Hollywood onde a súa carreira explotou definitivamente; máis en concreto en 1966 coa icónica melodía da citada "Misión imposible". Ese tema, co seu ritmo irregular e a súa tensión permanente, converteuse nun dos máis recoñecibles da historia da televisión. Schifrin consagrouse como un xenio do suspenso musical.
A lista das súas composicións para cine é extensa e impresionante. Traballou con directores como Don Siegel e Clint Eastwood, para quen compuxo a banda sonora de "Harry o Sucio". A súa música para "Bullitt", protagonizada por Steve McQueen, é outra mostra da súa habilidade para integrar o jazz na linguaxe do thriller policial.
Nunca abandonou o jazz. Formou a súa propia banda e gravou albumes con orquestras sinfónicas. Nomeárono seis veces ós Oscars e ganaría o honorífico en 2019. Tamén ganou seis premios Grammy e catro Emmys.
Lalo Schifrin foi un arquitecto do son moderno, unha ponte entre culturas e estilos. A través da súa obra demostrou que, a súa música, como el mesmo, non coñece fronteiras. O seu legado segue vivo e latente en cada acorde que esperta emoción, tensión ou asombro. Schifrin sempre foi "imposible" de encadrar. Quizais aí resida o seu verdadeiro poder.