O día do meu casamento, por poderes, a 3.000 km. de distancia.
Carta á miña noiva:
Xosefina, aínda non era a da alba
, pero espertoume a túa mensaxe envolta nunha cálida brisa, ¿ou era un siroco?, que se pousou naqueles cristais do Hotel Suerte Loca, de Sidi Ifni. Suerte Loca era o seu nome, pero Sorte, o que se di Sorte, era, foi, a miña!

Antes de que vibrasen as campás daquela igrexa de Santa Cruz, antes incluso de que o almuhecín loase ao seu Alá, o meu pensamento, a tal momento, xa estaba no Rois de Cirio...! Daquela sentín un hálito con olor a herba e a rosas, un aquietarse do vento e da area. Comigo estabas ti; viñeras en espírito, para invitarme á túa voda, ¡á nosa! ¿Tan lonxe, e á vez, en Ifni, comigo? Non importan ás aparencias, pero si as aparicións: ¡Alí estabas, un alma branca vestida de branco!
Palpei as sabas, e notei un fru fru, como de tule ilusión! Incluso albisquei a túa cariña, o teu sorriso, virxinal, de rosa matutina...; e tamén un chiscar dos teus ollos..., amén dun aceno, doce, doce pero ardente, nos teus beizos de rubí!
Deus, o noso, e co noso Alá, estábannos casando, naquel momento, ao lonxe, alén dos aeroportos! Acudiron os anxos...; ¡como non ían facelo casándose outro, un deles, feminino por máis datos! A cerimonia de Cirio, para os prosaicos, estábase celebrando no mundo grotesco da materia; no espiritual o meu pensamento ía ao teu encontro; ou sería máis certo dicir que te esperaba na porta da capela, para, seguidamente, apertarnos, fundirnos? QUÆSUMUS, omnipotens Deus: instituta providentiæ tuæ pio favore comitare; ut quos legitima societate connectis, longæva pace custodias. Per Dominum nostrum. Te rogamos, ¡oh Dios omnipotente!, sigas favoreciendo con tu tierna asistencia lo que por tu providencia has instituido; para que conserves en larga paz a los que has unido con un legítimo vinculo. Por nuestro Señor...
De esperto, cerrei as persianas para que non fuxise a túa imaxe, tan próxima que a tiña, tan íntima!
Aló abaixo, aló adiante, en Sidi Ifni, espertou Frei Xosé; e as campás tocaron a Misa, pero a miña, en Cirio, xa fora, xa comezara. E na mesquita o almuecín seguía loando ao seu Alá; ¡eu tamén! ¡Grazas, Deus, grazas pola miña estrela, por esa Estrela Xosefina, que me estás demostrando que, ademais de Creador, es un Casamenteiro, Perpetuador da especie!
Entón din un berro tan sonoro, tan alto, que ata non sei como non espertaron os outros hóspedes do hotel: ¡Si, quérote, acéptote, e tamén espero con febre ese avión de Iberia...!
...
Non me digas, agora, que aquilo foi onte; non me contradigas, non me espertes, xa que nada cambiou! Aínda cheira a herba fresca, a herba e a rosas; e sinto aquel fru fru dos teus velos...
Non me digas, agora, que xa temos fillos mozos, ¡e netos! Tampouco me digas que nos pasaron uns cantos achares. ¡Non, que foron azares, azares ben olorosos por certo! O único que ocorreu, pois todo o demais veu por engado, foi aquel amencer limpo e amplo; tan diáfano, que nos permitiu entrever..., ¡entrever, non, ver, gozar, de cincuenta anos de casoiro! As peripecias feas, as malas, non ocorreron: foi simplemente a nube de area dun siroco fugaz!
Sempre teu, igual que aquel día, ¡e iso que estabamos a tres mil quilómetros! Aquel que tanto se parece ao de hoxe, cálido e amoroso, medradeiro!
Xosé María
13.06.2013
-.-
¿Do outro Ceo, que? ¡Pois..., nesa espera estou, así que tamén lle mando outra carta, esta, tódolos días, ao deitarme:
"Con Deus me deito, e con Deus quero levantarme; que a Virxe María me cubra co seu manto, nesta cama e sempre; e Ti, Señor, dáme penitencia en vida, e na morte, salvación, que se morro esta noite me sirva de confesión. Amén".
Ceo, morada de Cristo e dos benaventurados. Mateo 3, 16: "Tan pronto como foi bautizado, Xesús saíu da auga. E velaí que se abriron os ceos, e viuse o Espírito de Deus baixar como unha pomba ata pousarse enriba del. E oíuse desde o ceo unha voz que dicía: -Este é o meu fillo benquerido, o predilecto".
Marcos 16, 19; Lucas 24, 50; Feitos 1,9, etc.: "O Señor, despois de falarlles así, elevouse ó Ceo, e sentouse á dereita de Deus. Eles saíron a predicar por todas partes, contando coa colaboración do Señor, que confirmaba a súa palabra cos sinais que os acompañaban".
¡Ai, Deus, que eu tamén teño que predicar, pois o mundo segue, e Satanás no para de tentar, así que no exército de Xesús non caben, nin se admiten, desertores; o Exército español, por aquelas aportacións de Ifni deume o tratamento de "Ex-combatiente"; que me dará Deus se lle son fiel? ¡A mellor laureada, espero: a entrada, definitiva, no Ceo!
-.-
Conciencia. ¡Esta si que é batalla: loitar toda unha vida contra as covardías da conciencia!
Como norma próxima da moralidade persoal. Romanos 13, 5: "Así, compre obedecer non só por medo ó castigo, senón por deber de conciencia. Dádelle a cada un o que lle é debido: tributo, imposto, respecto ou honor, segundo o caso".
Aviso aos navegantes: Se deixamos que inflúan na nosa conciencia os nosos desexos persoais, os egoístas, este "mecanismo anímico" non nos indicará o camiño, a ruta correcta, así que, ¡ollo con perde-lo compás relixioso!
¿Como se educa a conciencia? A miña dona, Mestra daquelas da Normal de Lugo, e por tanto ben normaliñas, ben normalizadas, sempre lles dixo aos nosos fillos que, "Ao tomar decisións a persoa que ten a conciencia ben domesticada, ben adestrada, nunca se guía polo egoísmo; guíase polo temor, polo acatamento a Deus, para non agraviar ao noso Pai celestial. Ante as dúbidas, poñámonos en oración previa a toda actuación ou omisión arriscada; se as luces do noso entendemento non nos veñen claras, sempre teremos, sempre haberá cerca, un confesor que nos guíe e nos asesore".
-.-
Concordia entre irmáns. É de sentido común tela, mantela, conservala, fomentala..., sempre que se poda, por suposto. Paulo, na súa "Carta ós romanos, 12, 9: "Que o amor non sexa finxido: afastádevos do mal e apegádevos ó ben. Sede cariñosos uns cos outros, coma irmáns; competide na estima mutua; no traballo non teñades preguiza; no espírito afervoados; para o Señor, como escravos. Alegres na esperanza, con constancia no sufrimento, e afincados na oración... Alegrádevos cos que están alegres, e chorade cos que choran". ¡Todo isto é irmandade cristiá! ¿Cumprímola?
-.-
Condenación. ¡É libre; depende de nós mesmos! Segundo as obras de cada quen:
Xoán 3, 16: "Pois de tal xeito amou Deus ó mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna. Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que, por el, se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus. Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ó mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Todo o que fai o mal, odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras. Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras porque están feitas como Deus quere".
¿Como as quere Deus? ¡É ben sinxelo: quéreas limpas, puídas, sen malicia!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.