Pingas de Orballo
Rivas Delgado, Antonio - jueves, 03 de julio de 2025
Unha gozada de viaxe!
Achegueime á Consellaría do Espazo Sideral, onde, por certo, todos traballan flotando, para solicitar unha autorización para tirarme ás nubes de algodón da cunca do Miño desde o alto dos Castros. Paso moitas veces por alí e o espectáculo é impresionante; con ganas de botar a correr, lanzarme e aterrar sobre as nubes de algodón. Lera hai tempo que estaba prohibido a causa dunhas mortes por lanzarse sen saber. A partir dese momento, a Consellaría púxose seria e só da permisos de figos a béveras, e segundo o peso e volume do solicitante.
Como son pouquiña cousa e non peso un carallo, o funcionario que me atenden nin tan sequera me mirou. Para min que a sombra que lle debuxei sobre o mostrador foille suficiente para decatarse do meu volume.
Co permiso debidamente asinado collín o coche e marchei a fume de carozo para Os Castros. Xa as vin ó momento. As nubes. E si, máis que semellar a cunca do Miño, era un mar de nubes. Non o pensei dúas veces: baixei do coche, collín carreiriña e aterrei sobre unha nube branca, grande, mol, avelaíña, suave, branda. Que gozada!
O espazo e a contorna era toda miña e naveguei por diversos lugares choutando dunha nube a outra. Cando me decatei estaba incluso sobrevoando a serra, a zona do Xurés. Tiven que outear o horizonte, claro, para buscar nubes que me levasen ó punto de saída. Porque deixara alá o coche, que se non dábame igual baixarme en calquera lugar. Non tardei en chegar ó alto dos Castros. Con calma e con moita elegancia conseguín aterrar uns metros máis abaixo de onde deixara o coche. Unha gozada de viaxe!
Dicir o que non se quere dicir
Case sempre digo o que non quero dicir. Ás veces escápanseme as decisións e alá vai o burro coas noces. Xa sei que por boca cerrada non entran moscas, pero tampouco é plan de tela sempre pechada. Se teño as fosas nasais taponadas, por onde vou respirar? A maiores de que, de cando en cando, é bo dicir incluso o que non se quere, o que non se desexa. É como esas indirectas que lanzamos, que máis que indirectas son directas. Si, con retranca, pero directas.
Tamén é bo soltarlle a algúns aquilo que non queren oír. Iso molesta moito. Iso déixaos sen reacción e, por veces, coa cara caéndolles de vergonza. Hai reproches ou recriminacións ou insultos tramposos, que semellan suaves e levan unha carga de carraxe que te cagas. Hai intencións que son capaces de rebentar as conciencias. Como hai situacións nas que se soltan frases con disimulo ou con retranca, pero cun fondo, cunha realidade que pode mancar, mesmo facer dano.
Case sempre digo o que non quero dicir. Pero sei moi ben a quen llo digo, a quen... non facerlle dano, pero si coa intención de que lle quede un cargo de conciencia. Ás veces intúo que non son santo de devoción de alguén; é aí cando aproveito a miña ocasión e dígolle o que non lle quero dicir: un simple saúdo. Iso tenlles que xiringar moito. Que te saúde alguén ó que non podes ver nin en pintura, é como unha labazada en plena meixela. Unha labazada seca, desas que, ademais de mancar, deixan a personalidade bailando un twist de vergoña.

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora