Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre Pacios

De Abel Vilela, Adolfo - martes, 03 de junio de 2025
Comentario a unha pintura de Jesús López Lázare

Non tento con este artigo facer unha biografía de Pacios, nin falar da súa traxectoria e obra, que se pode atopar no catálogo Pacios, pintor e escultor da exposición antolóxica da que fun comisario para a Fundación Caixa Galicia en 1995 ou no tomo Artistas Gallegos. Pintores (figuraciones), 2004. Ten por motivo ter unha lembranza do amigo e colaborar a dar publicidade a homenaxe que Jesús López Lázare, un dos seus alumnos, lle fixo cunha pintura, que ven ser unha composición con elementos de varios dos cadros da súa derradeira etapa. A muller inspirada na obra Descanso (1982), o home da titulada Feirantes (1982), e os gatos son un fragmento da pintura Os duendes do desván (1979). Sobre Pacios

O 26 de xuño de 1983, morría no Hospital Provincial de San Xosé, Luis Gómez Pacios, xa hai 42 anos, e o 18 de abril cumpríronse 100 anos do seu nacemento en Lugo. Deu clase na Escola de Artes e Oficios da Fundación Bolaño Ribadeneira, no Colexio de Fingoi, e na súa academia particular. Así que somos moitos os que debemos a Pacios a nosa formación no debuxo artístico e na pintura. Pero tamén lle debemos o seu exemplo como persoa.

A maioría dos que despois estudaron Arquitectura e Belas Artes, pasaron polo Museo Provincial, onde traballaba, para facer baixo a súa dirección debuxo de estatua ou artístico, antes imprescindible para o exame de ingreso nestas escolas. Agora se os alumnos son destros mándanlles que debuxen coa man esquerda e si son zurdos coa dereita. Valorase a imperfección algo que antes excluía, se criticaba e rexeitaba. Agora é o que se leva. A maior parte da arte contemporánea é un fraude, e en moitos casos con agravante de estafa, que deixa de selo cando é aceptada polo comprador, pero a cousa cambia cando a valoración da obra a fai o visitante dunha exposición ou o espectador dunha considerada obra de arte pública. Cantos homes, tantos pareceres, din que dixo Terencio.

Por isto que digo pódese pensar que só aprecio a arte figurativa, nada máis lonxe da realidade, son autor, visitante de exposicións e centros de arte contemporánea, e mesmo fun durante moitos anos socio ou "amigo" dun con cualificación internacional e tamén teño escrito para algún catálogo. Pero eu non son capaz de cualificar como obra de arte, por exemplo, a que fixo Maurizio Cattelan, "Comedian", senón como unha perfomance, unha extravagancia ou unha tomadura de pelo. Eu non poxo por un plátano pegado a unha parede con cinta adhesiva, que vendeu por 6,2 millóns de dólares a galería Sotheby's de Nova York. Si vale iso un plátano, ¡a como estará o quilo!. Menos mal que o comprador algo aproveitou, comeu a obra efémera nunha conferencia de prensa e fíxose publicidade.

Os que tratamos a Pacios, recoñecémoslle varias virtudes pouco comúns neste mundiño da Arte onde hai bastante petulancia, a súa humildade, a súa bondade e xenerosidade, o coñecemento do oficio, a súa devoción pola arte, a súa vocación polo traballo e unha gran curiosidade do que se facía artisticamente polo mundo para estar ao día. Vivía para a creación artística, xa fose a pintura, o gravado en diferentes técnicas ou a escultura en distintos materiais. Andaba sempre con pequenas tarxetas no peto para apuntes, mesmo as tiña na mesiña de noite para facer esbozos das ideas que lle xurdían para despois plasmalas nun lenzo ou na prancha dun gravado. Fixo fundamentalmente paisaxe, incluíndo o mar, e pintura costumista figurativa, pero tamén chegou á abstracción, porque o que sabe pintar é capaz de facer o que quere.

Na sociedade actual os humildes teñen pouco percorrido, e nesta cidade, na que hai actores cainitas, os recoñecementos soen darllos a quen menos o merece, aos que pertenceron a un grupo e souberon manexar o marketing e a propaganda. Algún día moita obra de Pacios, hoxe en poder de particulares e da familia, sairá de novo á luz, a contemplación estética do público para que cumpra con esa parte de función social que sempre tivo a Arte. Revisando fotografías dos seus traballos, gravados, monotipos, debuxos, pinturas e esculturas, non teño por menos que exclamar ¡que gran artista!
De Abel Vilela, Adolfo
De Abel Vilela, Adolfo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES